4/12/12

¿Cál era a verdadeira situación económico-financeira de Caixa Galicia e Caixanova no momento da fusión?

"A nós, que no pasado tanto temos escrito aquí sobre o asunto da fusión das caixas de aforro, resúltanos moi cansado ter que volver sobre este asunto. Pero hoxe toca. Fixéronse públicas as condicións que impón a Unión Europea para poder acceder aos 5.425 millóns de euros do fondo de rescate á banca que Novagalicia Banco necesita. 

Esas condicións pódense resumir dicindo que se trata de reducir á metade o tamaño da entidade (2.500 empregados menos, e peche de 400 oficinas). Ademais, deberá vender todas as participadas e concentrar a súa actividade en Galicia, Asturias e Castela León. 

Traspasar ao banco malo os seus activos inmobiliarios (7.200 millóns de euros), e centrarse no negocio minorista, familias e pequenas empresas. Por outra banda, parte do custo do rescate ten que ser asumido polos actuais accionistas: FROB (90,57%), Novacaixagalicia (6,84%), inversores galegos privados (2,59%). 

Tamén os posuidores de accións preferentes e débeda subordinada terán que asumir a perda da parte que lles toque.
É obvio que do que se trata é de preparar á entidade para unha inmediata privatización. Agora sábese, ademais, que a venta só se poderá facer a unha entidade financeira.(...)
 
Consumarase así o espolio que hai tanto tempo prognosticamos aquí. Quedámonos sen caixas, sen banco, e o que a estas alturas é peor, sen emprego. 
Como xa se ven preparando dende hai tempo, tratárase de ocultar tamaña desfeita, e aos seus verdadeiros responsables, detrás da cortina de fume das indemnizacións e das pensións que se levaron os antigos directivos das caixas. Como o pobo o que quere é morbo, daráselle morbo. 
Pero o que de verdade ten interese para o país é poder coñecer as razóns e os responsables das sucesivas decisións que se foron tomando.
  • Primeiro, por qué e con qué obxectivos se impuxo a fusión, cando unha das caixas e medio país estaban en contra.
  • Segundo, cál foi o papel dos diferentes poderes políticos (goberno de Galicia, goberno de España, Banco de España) nesta decisión.
  • Terceiro, cál era a verdadeira situación económico-financeira de Caixa Galicia e Caixanova no momento da fusión.
  •  Cuarto, cándo se fará pública a auditoría de KPMG que serviu de xustificación á fusión.
  • Quinto, quén decidiu colocar a José María Castellano como presidente do consello de administración de Novagalicia Banco.
  • Sexto, agora que xa está preto o punto final, ¿faranse públicos os resultados da xestión de Castellano e González Bueno?.
  • Séptimo, ónde están os inversores internacionais polos que aínda seguimos agardando.
  • Oitavo, quén son os responsables, e en que consistiu, o engano do que falan os inversores galegos. 
  • Noveno, por qué Bankia poderá seguir como entidade independente e Catalunya Caixa, Banco de Valencia e Novagalicia Banco, non.
  • Décimo, ¿qué futuro ten pensado o goberno galego para o que queda de Novacaixagalicia, patrimonio inmobiliario, cultural e empregados, incluídos?
A dar resposta a este tipo de preguntas debería dedicarse a comisión de investigación comprometida por Núñez Feijóo. Porén, moito nos tememos que que non pasará das consabidas indemnizacións."      (A furada do trasno, 02/12/2012)

No hay comentarios: