David Fernández [Imaxe Campogalego]
"David Fernández é de formación óptico mais decidiu darlle unha volta á
súa vida e volver á casa hai agora dous anos. A súa familia é gandeira
desde sempre. “Crieime no rural e na miña casa sempre houbo vacas”, explica en conversa con Sermos Galiza como parte da reportaxe Outra forma de transformar o leite, que publicamos no número 180 do semanario en papel.
Contan con entre 45 e 50 cabezas de gando que muxen “tres veces ao
día”. Cando chegou de volta a Touro “había unha crise que facía inviábel
meter máis cabezas de gando e decidín apostar na tranformación”, di
David Fernández.
Para “gañar o meu soldo” este gandeiro decidiu
outorgar valor engadido á materia prima –o leite-- producindo iogur. “Da
outra produción non podía sacar un salario máis”, sinala. O nome co que
se comercializa, Gurgur, saíu da crianza dun primo de David, "pedía o
iogur así e pareceunos que era doado de lembrar" e mesmo ten gancho.
Na actualidade transforman aproximadamente 300 litros á semana, dun total de 1.800-2.000 diarios, dos que sacan dúas liñas de produción.
Un envase de 4 kg., que distribúen entre estabelecementos hosteleiros
da contorna e outro de 140 gr., dirixido tamén a restaurantes e casas
rurais, principalmente.
Venda directa e de proximidade
“Estamos moi focados no Camiño” de Santiago, afirma David Fernández quen entende que “existe un nicho de mercado para nós”. Porén, acrecenta, “o complexo é vender, non transformar”.
A receita do seu iogur Gurgur é “sinxela”, afirma,
“o problema é colocalos no mercado”. Ao igual que acontece con outras
iniciativas semellantes, como é o caso de Arqueixal, David Fernández
optou pola “venda directa” tecendo unha “rede local”.
“Se damos vendido a un quilómetro non o vendemos a dous”,
apunta, “polos gastos de desprazamento” que supón. Neste senso,
describe a súa distribución como “radial” e na “área de Compostela”.
Perante a crise que atinxe o sector lácteo galego a transformación
sitúase como un elemento chave para a viabilidade das explotacións, quer
de maneira individual, quer colectiva. E é que nun dos princiapais
países produtores –o maior territorio no Estado español e o terceiro da
UE—Galiza continúa a percibir en orixe os prezos máis baixos. " (Sermos Galiza, 05/02/16)

No hay comentarios:
Publicar un comentario