"O portavoz de SOS Sanidade Pública na área de Vigo e delegado de
CIG-Saúde na zona, Manuel González Moreira, chamou a manifestarse este
domingo en Santiago ante a “ocultación” de datos de listas de espera realizada polo Sergas.
Tras
repartir en Vigo folletos informativos sobre a marcha convocada en
defensa da sanidade pública, denunciou que os datos achegados pola
Consellería de Sanidade “non contabilizan” as persoas incluídas na lista
non estrutural, é dicir, os pacientes aos que se lles ofertou ser
intervidos cirurxicamente nun hospital privado e o rexeitaron.
Ademais, o portavoz da plataforma na área de Vigo asegurou que as listas de espera do Sergas tampouco reflicten as probas “que quedan nun caixón”
despois de que se indique aos pacientes “que xa serán chamados” para
realizalas. Así, reprobou que o sistema aplicado “permita que as
xestoras de sanidade pública fagan trampas contables” neste sentido e
lamentou que a normativa legal non o impida.
Nesta liña, González Moreira asegurou que, no caso da área de Vigo,
se derivan intervencións (cirúrxicas) ao Hospital Povisa “a maiores” do
concerto do que este centro dispón co Sergas e afirmou que un
investimento diferente destes fondos podería redundar nunha “mellor
atención (sanitaria)”.
Así mesmo, insistiu nos efectos das mobilizacións ao lembrar que
“permitiron” a “reapertura” do paridoiro de Verín. Por iso, recalcou a
necesidade de celebrar a convocada en Santiago ante a “falta de
profesionais” e o “déficit de estrutura sanitaria” que
presentan os centros de Vigo debido a que “se baleiraron co traslado de
recursos ao Hospital Álvaro Cunqueiro” tras a súa apertura.
CONDICIÓNS LABORAIS
En relación ás condicións dos profesionais, González Moreira denunciou a súa “precarización”,
o que, ao seu xuízo, afecta á calidade da atención sanitaria. Así,
sinalou que as contratacións realizadas recentemente polo Sergas “son
insuficientes” e incidiu en que unha “aposta” pola Atención Primaria
“ten que pivotar sobre os recursos humanos”.
Por ese motivo, o portavoz da plataforma na área de Vigo remarcou a
necesidade de abordar as “necesidades” dos profesionais e reducir as
súas cotas de pacientes para mellorar o servizo.
Nese sentido, achacou a falta de profesionais
desempregados que poidan cubrir vacantes a que os titulados “marchan
porque lles ofrecen mellores condicións noutros lugares”. Ante esta
situación, avogou por que “se convoquen prazas como interinidades”
e, posteriormente, “oposicións reguladas”, xa que, na súa opinión, se
se ofrecen “contratos de calidade” e se melloran as condicións laborais
os profesionais optarán por traballar no sistema público galego.
EVENTO EN VIGO
A presidenta da xunta de persoal da área Sanitaria de Vigo e
secretaria xeral da Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de
CC.OO. na provincia de Pontevedra, María José Diéguez, anunciou que a
Plataforma SOS Sanidade Pública celebrará un evento na cidade olívica
para instar á cidadanía a sumarse á marcha convocada este domingo.
En concreto, o acto informativo, que se celebrará este xoves na Casa
da Galega da Cultura ás 19,00 horas, contará coa participación dun
médico de Atención Primaria, unha matrona do Hospital de Verín, María
José Diéguez e Manuel González Moreira." (Xornal de Vigo, 04/02/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario