"A maior parte dos enxeñeiros navais e mariños están convencidos de que o
Porto Exterior da Coruña será un fiasco só comparable ao das obras da
Cidade da Cultura. Nesta obra, o Goberno español invertiu case 800
millóns de euros nunha decisión que nada ten que ver con condicionantes
técnicos, senón políticos.
E é que foron Francisco Vázquez, ex alcalde da Coruña, e Francisco
Álvarez Cascos, entón ministro de Fomento e, curiosamente, tamén
enxeñeiro naval, os principais muñidores desta obra. Unha
megaconstrución que se xestou logo da traxedia do Prestige e que, a
pesares dos informes técnicos negativos, seguiu adiante.
Precisamente, o Porto Exterior da Coruña ten un precedente importante. A
finais dos anos 70, Victoriano Reinoso, enxeñeiro de Camiños, Canais e
Portos de formación, e entón adxunto ao director xeral e responsable da
área financieira de Unión Fenosa, ademais de presidente da Xunta do
Porto da Coruña, ordenou realizar un informe sobre a posibilidade de
construir un gran porto carboeiro. Naquela época faltaba carbón para a
central de Meirama e necesitabase un punto no que descargar a mercadoría
e transportala rápidamente.
O informe, pagado por Fenosa e realizado por algúns dos técnicos máis
reputados do momento, concluía que era imposible realizar esa obra. Este
documento hoxe está case perdido pero é, probablemente, o máis completo
que se realizou sobre as posibilidades técnicas e loxisticas dun gran
porto na Coruña.
Precisamente, a estrutura que se construíu na Coruña, e que comezou no
2005, arrastra os problemas que xa detectara o estudo que mandou
realizar Victoriano Reinoso; a oscilación da lámina de auga, o tamaño
das ondas e a inexistencia de puntos de apoios loxísticos.
A lámina superior de auga no interior do porto, que terían que nivelar o
movemento dos buques atracados, teñen unha oscilación contínua de 30
centímetros independentemente das subidas e baixadas das mareas. Unha
oscilación que fai moi perigoso o manexo de mercadorías e containers con
grúas.
Ademais, polo tamaño das ondas, cando menos, 70 días ao ano
sería case imposible poder entrar ou saír do porto. Ademais, non existe
unha ZAL (Zona de Apoio Loxístico) adecuada para o tratamento das
mercadorías que cheguen alí.
Segundo as fontes consultadas, para atallar estes problemas serían
necesarios outros 400 millóns de euros. Sen embargo, o problema de
entrada e saída de porto durante os dias de forte vento de S-SO xa non
se pode resolver.
Desde os comezos das obras, a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez
(29004-2009) opuxose a elas porque os seus principais técnicos, con
Fernando Palao, un ourensán que era entón Secretario xeral de
Transportes e fora director xeral de Portos, coñecía o informe encargado
por Fenosa e outros estudos que desaconsellaban a obra.
Pero as
presións do alcalde Vázquez e o respaldo dos dirixentes socialistas
galegos en Madrid, entre os que estaba José Blanco, conseguiron que a
obra continuase." (Galicia Confidencial, 13/02/2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario