"Hai poucos días comentabamos aquí o
acaído que parecía que o Deportivo fichase a un adestrador chamado
Paciência. Certamente, cando se vai de último, e co club en concurso de
acredores, o que compre é ter paciencia. E se non hai paciencia,
cómprase, pensou Lendoiro.
Pero non foi tal. Aconteceu que
contradicindo de xeito radical o que o seu propio nome suxería, o
Domingos Paciência resultou ser o adestrador do mundo con menos
paciencia. Ás primeiras de cambio saíu correndo. Aducindo veladamente a
que o problema do equipo está en que os xogadores levan meses sen
cobrar.
Desbarátase así a intelixente
estratexia de Lendoiro, que buscaba coa fichaxe de Paciência un escudo
protector que tapase a nefasta xestión do club nos últimos anos. Agora
fica totalmente exposto. Xa apareceron as primeiras pintadas en Riazor
pedindo a súa dimisión.
Unha mostra do nerviosismo do
presidente é o erro, impropio nel, que cometeu na elección do substituto
de Paciência. E non polas características e capacidades do novo
adestrador. Ao contrario, cremos que Fernando Vázquez é un boísimo
adestrador. Pero, ¿cando se viu no norte un equipo de portugueses e cun
adestrador do Celta?. O mundo ao revés. A este paso, os chorvos da
Coruña acabarán sendo ghichinhos...
Para seguir nesa liña, por un módico
prezo pódeselles facer unha adaptación da foliada... "dixéronlle ó
presidente, os de tribuna cuberta dixéronlle ó presidente, pra temporada
que ven temos que cambiar de xente"... (A furada do trasno, 12/02/2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario