6/10/14

O ‘xeito’, arte tradicional de pesca coa que faenan 428 barcos galegos está condenado a desaparecer a partir do 1 de xaneiro por mor dunha proposta da UE

"José Antonio Ordóñez é mariñeiro e de Rianxo. “Dous motivos para encher o peito”, como dirían no Berberecho, A Confraría, Pachoco, O Taberneiro, ou calquera dos outros bares que inzan a zona máis próxima ao porto da vila de Castelao. José Antonio Ordóñez e centos de mariñeiros máis de Rianxo e outros portos galegos (Cabo de Cruz, A Illa,...) poderán quedar no peirao a partir do 1 de xaneiro de 2015, dentro de 3 meses.

 Son os mariñeiros que faenan ao ‘xeito’, arte tradicional de pesca para a que teñen licencia 428 barcos en Galiza, 116 deles en Rianxo, onde este aparello de enmalle é parte indisolúbel da economía e da identidade da vila. Desde o produto estrela do seu mar (a sardiña e a xouba do xeito, ) até as embarcacións tradicionais (a xeiteira) ou mesmo as cancións (‘Rianxo, pájaro pinto’).

 “Aquí ao xeito andouse toda a vida, na casa aínda teño as redes que fixera a miña aboa a man, de algodón e que había que secalas e encascalas” lembra Ordóñez, décadas de mar ás costas. A problemática xa chegou ao Congreso español da man dunha pregunta do Bloque Nacionalista Galego.

É o final do ‘xeito’, arte coa que se traballou aquí desde o século XIX polo menos?

É a primeira vez que nos vemos nunha destas, nunca na historia, nunca pasara algo así. Primeiro, prohíbennos pescar sardiña ao acabar a cota para o cerco o que nós, arte tradicional, nunca nos afectara. E, por riba, enterámonos que hai unha proposta unha Unión Europea para a partir do 1 de xaneiro de 2015 prohibir o enmalle, por ser unha arte de enmalle á deriva. 

Pero se non temos nada a ver, nada de nada coas volantas ou as chamadas ‘cortiñas da morte’!!. Nós non arrasamos o mar!!! Esta arte xa se traballaba aquí antes da chegada dos cataláns coas fábricas (finais do XIX). É a lei de Murphy do mariñeiro: se algo vai mal, pode ir aínda peor.

Pero non hai posibilidade de reverter iso?

Niso estamos. E que é incomprensíbel todo isto. Polo menos estamos a recibir apoios: de todos os partidos, de todos os sectores do mar, das confrarías... este mércores temos reunión coa conselleira do Mar e aí pensamos sacar algo, porque isto non pode ser. Barcos amarrados, xente sen traballar... e non ten ningún sentido!! Que collemos nós? Cada barco unhas caixas con sardiña e xouba, algún bocareu... antes aínda viñan tranchos mais agora nin tranchos hai.

E en Rianxo como se está a vivir o problema?

Había que darnos unha medalla á paciencia. O que estamos a aguantar aquí é fóra do común. Na vila hai preocupación, claro, moita. A xente quere unha implicación e un apoio porque estamos todos afectados... Espero que da xuntanza coa conselleira saia algo en limpo, senón haberá que pensar noutras cousas.

Que cousas?

Mira, eu quero crer que esa decisión de non nos deixar pescar sardiña e de nos prohibir andar ao ‘xeito’ a partir de xaneiro é por ignorancia, por non saber; e non por mala fé. Quero pensar iso. Porque se non....

Aquí a maioría dos xeiteiros traballamos nesta arte de abril a novembro, un sete meses ao ano. Imaxina que se acaba iso. Ti imaxina. Nunha zona onde non hai outra cousa que o mar. Imaxina, repítoche, que quitan iso. E agora, que?"     (Sermos Galiza, 01/09/2014)

No hay comentarios: