"Xa o advertiu a Valedora do Pobo hai tres anos e agora queda constatado nunha sentenza xudicial. As persoas en lista de espera por unha operación cirúrxica que rexeitan ser desviados á sanidade concertada poden atoparse nun limbo que demore o seu tratamento.
É unha situación que o Sergas se comprometeu a corrixir tras producirse casos como o agora condenado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no que un doente que rexeitou ser desviado á concertada tardou un ano en ser operado cando a intervención non debía demorarse máis de 90 días. Agora a Xunta terá que indemnizalo con 30.000 euros.
A sentenza agora feita pública polo TSXG relata o caso dun home cunha hernia de disco ao que en xuño de 2018 lle foi prescrita no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo unha operación da mesma. O home estaba xa pendente doutra operación por outra doenza que se lle realizou en novembro daquel ano, polo que postergou a segunda a superar a primeira. Así que un mes despois da primeira operación, o 19 de decembro de 2018 foi incluído na lista de espera para unha cirurxía cualificada como de prioridade II, nas que “o tempo de espera recomendable non debe superar os 90 días”.
“A operación, ao fin, levouse a cabo o 23 de decembro de 2019, un ano despois da súa inclusión na lista”, constata a sentenza, que di que “a ninguén escapa que esa demora, superior á axustada ao grao de prioridade sinalado, foi susceptible de producir un agravamento na doenza”, como así sucedeu, deixándolle secuelas e unha incapacidade permanente total para a súa profesión.
Pero a sentenza engade outro dato máis, o de que o doente, tras unha consulta por empeoramento da súa situación cando xa levaba seis meses en lista de espera, “rexeitou outra proposta, realizada o 12 de xuño de 2019, de acudir, a tal fin, a un centro concertado”.
O TSXG remata condenando á Xunta a indemnizar o afectado con 30.000 euros “por deficiente funcionamento dos seus servizos públicos sanitarios na asistencia prestada no Hospital Álvaro Cunqueiro”.
Este tipo de feitos xa foi denunciado pola Valedora do Pobo hai tres anos, cando puxo o foco no limbo no que quedaban as persoas que, ante a "oferta" de seren derivadas a un hospital privado, piden ser intervidas nun centro público. Sanidade respondeulle naquel momento co seu “compromiso” de que ese tipo de doentes non esperen máis dun ano.
Porén, desde aquela a Valedora seguiu facendo públicos casos de persoas que son atendidas en prazos moi superiores aos que reflicten as listas de espera oficiais, ante o que vén reclamando a Sanidade que “respecte os tempos asignados polos profesionais sanitarios”. (David Reinero
No hay comentarios:
Publicar un comentario