9/11/15

Feijóo recoloca na Xunta dirixentes do PP que perderon os seus cargos tras as municipais

"Galicia non ten Senado. Non hai, polo tanto, un espazo no que recorrentemente acaben un bo número de cargos políticos desaloxados dos seus postos por diferentes resultados electorais.

 No entanto, cando esta circunstancia se dá adoitan aparecer vieiros nos que recolocar, se non a todos, si a algúns dirixentes que, por diversos motivos, poidan resultar de relevancia para os seus partidos. 

Así, por exemplo, descóbrense vocacións inéditas ou reaparicións en postos de responsabilidade que pouco ou nada tiñan que ver cos cargos anteriores. Tras as configuración dos gobernos resultantes das eleccións municipais de maio non foron poucos os dirixentes do PPdeG desbancados dos seus cargos locais. Algúns deles foron, nas últimas semanas, recolocados en postos da Xunta.

O pau das urnas no 24M xerou unha reacción en cadea no partido de Alberto Núñez Feijóo, que se dispuxo a anunciar a "renovación" a través dun "relatorio político" e xun "xiro social" na política do Goberno. 

A estratexia de mudanza -lampedusiana para a oposición, real para os populares- chegou á súa cerna a comezos de outubro, cando en plena xornada dominical Feijóo anunciaba unha profunda crise de goberno que implicaba, ademais de cambiar, caras, abdicar de boa parte da estrutura de Goberno publicitada dende 2009, desfacendo algunhas das fusións de consellerías máis polémicas.

Ademais da destitución da politicamente queimadísima Rocío Mosquera, a principal nova desa reestruturación da Xunta foi a primeira das devanditas recolocacións. José Manuel Rey Varela, desaloxado da alcaldía de Ferrol pola coalición de Ferrol en Común e PSdeG, consumaba a súa cotización á alza dentro do organigrama popular co salto ao Goberno. 

Tras ocupar un dos papeis dirixentes na elaboración do relatorio político e poucos días despois de ser nomeado xefe de campaña para as xerais, Feijóo outorgáballe a Rey Varela o departamento estrela do novo organigrama, Política Social, chamado a encabezar a imaxe do Goberno ata as eleccións de 2016 e beneficiado poucos días despois cunha relevante inxección orzamentaria.

Rey Varela é un dos dirixentes de máis peso do PP na provincia da Coruña como tamén o era outro dos damnificados polos acordos na banda esquerda tras o 24-M, Diego Calvo, presidente da Deputación coruñesa durante o pasado mandato.

 Despois de tres meses e medio exercendo unicamente a secretaría xeral do PP provincial, o que fora responsable das Novas Xeracións do PPdeG na fin do fraguismo retorna, en virtude dun acordo do Consello da Xunta deste xoves, á delegación territorial do Goberno galego na Coruña, que xa ocupara dende que Feijóo chegou á Xunta, en 2009, ata que en 2011 chegou á presidencia da Deputación. A ata agora delegada, Belén do Campo, pasa a exercer a dirección xeral de Gandaría, na refundada Consellería de Medio Rural.

No mesmo Consello que devolveu a Calvo á delegación da Xunta abordáronse tamén dous nomeamentos máis en clave de recolocación, ambos vinculados á consellería de Política Social. 

Así, o gabinete de Feijóo deulle luz verde ao decreto que nomea como directora xeral de Inclusión Social a María Teijeiro, ata agora edil do PP no Concello de Lugo e, durante o fugaz goberno popular na Deputación lucense, vicepresidenta e responsable de Benestar e Igualdade -o seu labor profesional está vinculado ao eido da igualdade-. 

Asemade, Rey Varela informou o Consello de que vai nomear xerente do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar a Perfecto Rodríguez, alcalde de Ponte Caldelas ata as pasadas municipais e dende 2002, cando substituíu na alcaldía ao seu pai, que sufriu unha enfermidade repentina. "                  (Praza Pública, 06/11/15)

No hay comentarios: