"O Defensor do Paciente vén de enviar unha carta ao fiscal superior de
Galicia, Fernando Suanzes, solicitándolle que a Fiscalía actúe ante a denuncia polos atrasos de ata oito meses nas consultas oncolóxicas no Hospital Clínico de Santiago.
Na carta enviada ao fiscal, e á que tivo acceso Praza Pública,
o colectivo solicita a "intervención" ante o caso por tratarse dun
"presunto delito contra a saúde pública" ao "estarse atrasando" as citas
de pacientes oncolóxicos para a súa revisión "en máis de oito meses".
"Isto, evidentemente, é poñer en risco a súa calidade de vida e curación, xa que o doente con cancro debe ser escrupulosamente revisado,
a cotío e con moita atención", explica Defensor do Paciente, que
advirte que "o contrario é que o paciente teña unha metástase non
detectada por falta de revisión e se poña en perigo a súa vida".
"Tememos que isto poida estar pasando en toda Galicia", asegura.
Segundo testemuños aos que accedeu este diario, pacientes que son
revisados cada mes pasan a selo cada tres meses e despois cada seis ou
cada ano, ata que o seu proceso se pecha. Son estas últimas revisións,
as dos pasos finais do control, as que, segundo alertan doentes do
Hospital Clínico de Santiago, están a sufrir demoras de ata oito meses
ou, o que é o mesmo, están vendo máis que duplicado o prazo indicado
inicialmente polo servizo de oncoloxía.
A denuncia lanzouna SOS Sanidade Pública e os sindicatos integrados
nesta plataforma, e confírmarona pacientes oncolóxicos do CHUS
consultados por Praza. "Fixeron unha especie de cribado" e "en
vista da saturación", explica unha doente, demoran as revisións
periódicas de "pacientes que están estables, pero aínda non dados de
alta".
Deste xeito, advirte, "se tiñas revisión cada seis
meses, duplícanche o prazo", o que ademais da lóxica inquedanza na
persoa que espera provoca que 'caduquen' probas xa realizadas, como
radiografías, TAC ou análises de sangue que son avaliadas nesas
revisións.
"Estanse dando casos", advirte SOS Sanidade, en que pacientes "son
chamados dende os servizos de admisión do CHUS para atrasar en máis de
oito meses a cita para a revisión". "A algunhas persoas citadas para o
mes de maio de 2016 estáselles a atrasar a cita para xaneiro de 2017",
exemplifican. Cando as persoas afectadas pola demora "acoden ao servizo
de atención ao doente, o que se lles comenta é que o atraso na revisión é
debido á falta de oncólogos".
"Faltan oncólogos e tamén falta espazo",
explica en declaracións a este diario a voceira da Asociación de
Usuarios do Servizo de Oncoloxía compostelán (AUSO-CHUS), Montse
Recalde, que constata que esas carencias foron comunicadas "polo
persoal" de Oncoloxía.
Na súa carta á Fiscalía, o Defensor do Paciente asegura que "é moi
humillante que un paciente teña case que pedir esmola para ter o dereito
fundamental á saúde" e din que, "por iso", apelan "á súa intervención".
A denuncia remitida ao fiscal chega poucas semanas despois de que a
propia Fiscalía acusase a Xunta de homicidio por atrasar fármacos da hepatite C por "razóns orzamentarias", o que ven de levantar unha forte polémica e polo que acaban de declarar no xulgado dous cargos do Sergas.
Demoras engadidas por un novo software
"Nos últimos catro ou cinco anos non se incorporou ningún especialista
en oncoloxía médica no CHUS malia ao incremento do número de doentes",
asegura ademais SOS Sanidade, colectivo que ademais detecta un novo
factor de "deterioro" na atención a estes doentes.
Trátase, di, da
"imposición aos profesionais dun programa informático chamado Silicon",
destinado á "prescrición farmacéutica", mercado pola Consellería de
Sanidade "a un laboratorio privado". Este software, resaltan, están
"deseñado para o control de fármacos e para facilitar o traballo da
farmacia hospitalaria, non para o persoal facultativo".
Deste xeito, "o programa provoca un aumento do tempo" que cada doutora ou doutor "ten que dedicar á prescrición farmacéutica, xa que con el se incrementan os erros, en detrimento do tempo dedicado aos pacientes".
O problema informático engadido non existiría, segundo SOS Sanidade, se
o CHUS botase man do "programa de prescrición farmacéutica que xa
existe no Sergas dende hai moitos anos, feito por persoal público" e
"creado para facilitar o traballo do persoal facultativo e mellorar a
atención ás persoas".
"Agora -lamentan- na época das privatizacións
masivas, Sanidade prioriza as privatizacións sobre as persoas enfermas".
A xestión da integración deste programa no Sergas foille encomendada en
outubro de 2015 á multinacional Grifols Movaco por algo máis de 470.000
euros por un período de dous anos.
Mentres SOS Sanidade esixe "a retirada inmediata deste programa" e "o
incremento do persoal facultativo especialista en oncoloxía na mesma
proporción que se incrementaron os doentes", a Xerencia da Área
Sanitaria de Santiago asegura non ter coñecemento da reprogramación de
consultas e afirma que cada caso será tratado da maneira axeitada.
"Se
non teñen coñecemento, ou ben non están facendo o seu traballo ou llelo
ocultan dende Oncoloxía", sinala a voceira de AUSO, que desbota a
segunda posibilidade, toda vez que as axendas son "cuestións
administrativas" que transcenden o propio servizo no que se trata o
cancro." (Miguel Pardo, Praza Pública)
No hay comentarios:
Publicar un comentario