"O xulgado do Penal número dous de Santiago vén de condenar o ex-concelleiro de Seguridade do Partido Popular na cidade, Albino Vázquez Aldrey, a sete anos de inhabilitación
para ocupar calquera cargo na Función Pública por prevaricar cando
tentou relegar un mando da Policía Local. O ditame, ao que tivo acceso
eldiario.es, tamén castiga ao exedil co pago da multa que se determine
na execución da sentenza.
A historia remóntase ao ano 2012 e ten como protagonistas a varios dos cargos municipais do Goberno de Gerardo Conde Roa,
a aposta de Alberto Núñez Feijóo para a capital de Galicia e quen tivo
que dimitir despois de que se destapase unha presunta fraude fiscal de
291.000 en euros na venda dunhas vivendas da súa promotora inmobiliaria.
Albino Vázquez Aldrey era o concelleiro de seguridade do primeiro
goberno do PP tras 25 anos de Gobernos ininterrompidos do PSOE en
Santiago. Só un ano despois de chegar ao poder viuse salpicado por
distintos casos de corrupción que se mesturaron grazas ás escoitas
telefónicas que puxo en marcha o xulgado de Lugo que instrúe o caso
Manga, derivado da Pokémon.
Os investigadores descubriron mentres indagaban sobre o caso Manga, de
supostas adxudicacións irregulares desde o Concello de Santiago a cambio
de mordidas, que o edil de Seguridade trazou un plan para
relegar no escalafón ao daquela xefe da Policía Local, José Manuel
Carril.
A inimizade dos dirixentes do PP viña de lonxe: de antes das
eleccións municipais, cando segundo o testemuño de Carril, este
negouse a destruír o atestado que acabou coa carreira política do número
3 do PP nas municipais de 2011, Ángel Espadas, que foi sorprendido durmido e ebrio ao volante nun dos semáforos da cidade.
Cando o PP alcanzou o poder municipal, Vázquez Aldrey trazou un plan para apartar a Carril da xefatura de policía.
Pero cometeu un erro: deu algunhas das instrucións por teléfono, sen
saber que as súas comunicacións estaban intervidas por unha xuíz
lucense. Na charla clave, intervida o 24 de maio de 2012, a xefa de área
de Seguridade, María del Mar Hinojosa, comunica ao concelleiro que ten
"trincado" a Carril posto que o descubriu desprazándose fóra do termo
municipal de Santiago co seu vehículo oficial en horas de traballo.
Hinojosa e o seu xefe, o edil Vázquez Aldrey, concluíron daquela que o
mellor era falsificar unha denuncia cunha chamada anónima que acusase o
funcionario de vulnerar as súas obrigacións profesionais e decidiron que
fose o propio Espadas, o candidato que tivo que dimitir pola
alcoholemia, o que telefonase o Concello. Finalmente, o plan desbarátase
cando as persoas que estaba a seguir ao mando da policía local avisan
de que xa cambiou de localización.
A denuncia do xefe da policía local, que nun principio se arquivou, logrou reabrirse e a acusación arroupou os seus argumentos con escoitas telefónicas.
A fiscalía pedira para Vázquez Aldrey nove anos de inhabilitación e
unha multa de 6.000 euros.
A condena que considera probada a
prevaricación do exconcelleiro do PP coñécese no primeiro día de campaña
das eleccións galegas e apenas terá efectos concretos dado que o
concelleiro Vázquez Aldrey xa abandonou a política en 2013 despois de
ser encarcerado no marco da Operación Manga que investiga contratos
amañados en distintas administracións, entre elas o Concello de
Santiago.
Vázquez Aldrey eludiu daquela o cárcere facendo fronte a unha
fianza de 15.000 euros e continúa acusado de suborno e tráfico de
influencias." (Praza Pública, 09/09/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario