"En 2022 o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, que agrupa e coordina a colaboración de 37 concellos da eurorrexión -ademais das deputacións de Lugo e Ourense-, chega aos seus 30 anos de vida. Xoán Vázquez Mao, secretario xeral da asociación desde a súa fundación, fai repaso ao feito ata agora e avanza os retos de futuro.
Unha das apostas declaradas do Eixo Atlántico para o seu futuro inmediato é o que denomina “internacionalización” do seu modelo de cooperación entre cidades de varios países. En que vai consistir?
Xa levamos uns anos dando asistencia técnica, participando en conferencias e sesións de formación na fronteira de Mercosur. Estamos traballando con Arxentina, Brasil e Uruguai, e xa estivemos tamén en Paraguai. A nosa experiencia interésalles moito tanto no plano urbano como no das fronteiras. En América Latina hai unha vontade moi grande de cooperación porque moitas das fronteiras foron causadas artificialmente polas guerras, pero teñen a dificultade de que non teñen un marco normativo como temos en Europa que facilite o traballo conxunto.
Estamos traballando con eles e recentemente a Comisión Europea aprobounos un proxecto dun millón de euros para desenrolar na fronteira de Brasil e Uruguai sobre economía circular, integración social, axenda urbana e cooperación transfronteiriza. A partir de aí varias institucións de América Latina se puxeron en contacto con nós porque están interesados sobre todo na experiencia de poñer en marcha unha axenda urbana como a nosa, a primeira transfronteiriza homologada a nivel europeo. E a partir de aí decidimos dar o salto a outros continentes unha vez que consideramos que temos unha experiencia recoñecida.
Os galegos e os portugueses non sabemos vender como saben vender os cataláns. Xa que temos experiencias que son recoñecidas en Bruxelas e noutros países, imos internacionalizar porque iso ten tres vantaxes: que nos posicionamos, que na cooperación tamén aprendemos, e que abrimos horizontes novos tanto con outros países como coa Comisión Europea. Así que presentamos propostas non só nosas senón tamén das nosas cidades.
De
Santiago, Lugo, Maia e Braga, e foron seleccionadas e vanse compartir
con concellos de Xapón, China, Malaisia e Canadá. A nosa idea é non só
internacionalizar o Eixo Atlántico como organización senón impulsar a
internacionalización das nosas cidades e cada ano incluír tres ou catro
cidades en proxectos de cooperación con outros continentes.
Nestes 30 anos o Eixo foi sumando socios e actualmente mesmo se pode dubidar se algún deles é cidade ou vila grande. Cal é o límite da entidade nese eido? En que punto a cooperación urbana pasa a ser cooperación rexional?
O Eixo continúa a medrar nun momento complicado no que outras entidades están desaparecendo. En períodos de crise, primeiro económica e agora pandémica, o Eixo continúa sendo un refuxio seguro para os concellos, séntense cómodos e máis fortes e por iso non só seguen senón que queren entrar máis. O Eixo non é unha entidade económica senón unha entidade rendible, que non é o mesmo, e aí é onde os concellos séntense seguros. Hai actividades de planificación, de lobby, de xestión que fan que os concellos vexan rendibilidade no Eixo.
A partir de aí, o Eixo é o sistema urbano transfronteirizo da eurorrexión, e como tal se á cidade lle sumas a súa contorna evidentemente somos un ente rexional. É un ámbito non de xestión política rexional pero si de dimensión e ámbito de influencia rexional. E para ser membro do Eixo? Non podemos dar unha resposta ríxida porque o territorio é moi plural. As características das entidades socias basicamente son que formen parte do sistema urbano e que teñan vontade de transformar a cidade.
Non aceptamos cidades que non teñan nin queiran ter política ambiental ou cultural. Que non teñan nin queiran ter unha aposta pola sostibilidade e inclusión social. A partir de aí hai que ter en conta que hai cidades menores de 20.000 habitantes, como pode ser o caso do Barco de Valdeorras, que no interior despoboado xogan o mesmo rol que unha de 100.000 habitantes na costa. Precisamos desas cidades do interior, de Lugo, Ourense e Trás-os -Montes para articular o territorio.
Que quedou polo camiño? Que considera que debía ter feito o Eixo nestes 30 anos pero non logrou?
Ninguén dubida de que o Eixo é o motor que dinamiza a eurorrexión. Pero hai que ter presente que esta eurorrexión non é política, é social. Xa eramos un territorio único na época romana. O que fixemos nós foi poñerlle unha carcasa política, darlle unha capacidade organizativa para vehicular a iniciativa social. Ninguén dubida de que o Eixo foi determinante nese traballo. Fáltanos todo o que ten que ver co que tiñan que desenvolver a comunidade autónoma ou o Goberno central.
O Goberno central non aposta polas eurorrexións, e non esquezamos que Galicia ten pouco peso político e demográfico en España. Portugal si cre máis neste modelo pero o centralismo de Lisboa tamén limita o desenvolvemento do Norte. O segundo problema é que o Norte creou estruturas con Galicia que funcionaron ben na época de Laxe e Fraga, que comezaron a caer na época de Touriño e que na actualidade con Feijóo son practicamente inexistentes. Iso botámolo moito en falla. Non queremos invadir competencias doutros niveis da administración, pero lamentablemente o Goberno galego non ten política exterior nin vocación de tela.
Onde máis se visibiliza esta situación é nas infraestruturas. Fomos nós os que propuxemos moitas das que hoxe están feitas ou aprobadas. Pero temos o problema galego coas que faltan, coa saída sur ferroviaria de Vigo ou a modernización da liña Ferrol-Coruña-Lugo-Monforte. Isto [fiscalizar e facer seguimento das infraestruturas] teno que facer a Xunta de Galicia. Nós non queremos ocupar o papel da xunta. É a Xunta a quen ten que implicarse coas infraestruturas.
A conselleira de Infraestruturas en vez de sacar comunicados contra todo o que fai o Goberno central, nun claro contraste co que facía cando gobernaba o PP, que estaba calada, debera pedir unha entrevista coa ministra para propoñer todas as cuestións pendentes. O presidente da Xunta debera facer o que facía Fraga, irse a Madrid e reunirse con Pedro Sánchez e cos ministros e traer acordos. O que non pode facer é limitarse a pasear cos ministros cando veñen a Santiago.
Vostede di nunha recente entrevista en Atlántico Diario que da competencia mal entendida e da falta de implicación na eurorrexión e no Eixo que atribúe a Vigo e Porto está a saír beneficiada Braga. Hai algunha cidade galega que tamén estea a cobrar protagonismo pola falta de liderado de urbes que a priori deberan ter maior peso?
Si, totalmente. Agora mesmo as cidades galegas de referencia a nivel da eurorrexión son Santiago e Lugo. Tamén está a sacar moito proveito Ourense a nivel provincial. Isto ten que ver cos perfís políticos. Santiago está a recuperar o protagonismo na eurorrexión desde que regresou Bugallo, o alcalde anterior non tiña relación cos portugueses.
O protagonismo de Lugo e a súa alcaldesa no Eixo está facendo que a coñezan os portugueses, que non chegaban ata Lugo. A Deputación de Ourense está a ter unha política de colaboración moi forte con Portugal en varios ámbitos e se está a converter nunha referencia. E Braga soubo crear unha cooperación institucional con Santiago e Lugo. A centralidade da eurorrexión trasladouse ao norte. Onde antes se falaba de Vigo-Porto, agora hai que falar de Braga-Lugo-Santiago, é o triángulo da centralidade da eurorrexión.
A pandemia da COVID deixou en evidencia como a convivencia diaria da cidadanía que obviaba a raia fronteiriza pode quedar cortada de súpeto pola razón de Estado e as decisións soberanas de España ou Portugal de pechar as súas fronteiras. Que se pode facer para que non se repita no futuro?
O que cortou a raia non foi a pandemia, foi unha decisión burocrática e administrativa coa pandemia como escusa, porque a pandemia podía levar a pechar a fronteira nun sitio ou noutro. O problema da fronteira solucionaríase cunha reforma do tratado bilateral entre España e Portugal que levamos anos reclamando. O tratado bilateral debe recoñecer as novas figuras existentes, por exemplo as eurocidades. Como figura política non teñen competencias. Nós levamos tempo pedindo que se consideren consorcios urbanos transfronteirizos.
Pasarían a ter
competencias e no caso de peche de fronteiras poderíase pechar polos
extremos en vez de pola metade. Unha pandemia é unha pandemia e un peche
é un peche, non somos unha unidade ibérica, e tamén pecharon as
comunidades autónomas entre si, pero polo menos seguirían funcionando
esas unidades económicas e convivenciais. Creemos consorcios
transfronteirizos. Pero o problema é que esas cuestións burocráticas non
venden. A eurorrexión no plano social é un ecosistema e no plano
político é un egosistema.
Vostede adoita queixarse da pouca implicación da Xunta coas cuestións eurorrexionais e de que viva de costas a Portugal. E Portugal que fai?
Portugal ten unha visión estratéxica importante, sempre prestou moita atención á planificación. O portugués pensa moi ben pero actúa moi lento. O galego actúa moi rápido e pensa moi pouco. Habería que planificar como portugueses e xestionar como galegos. Como Portugal planifica con visión de futuro é consciente da importancia do traballo conxunto con Galicia, da importancia das infraestruturas. Portugal é consciente de que ten que haber unha dobre diplomacia, a das chancelerías entre Lisboa e Madrid e outra a diplomacia de proximidade, a da xente que vive na fronteira.
Por iso Portugal aposta por Galicia. E despois hai outra cousa, que Portugal sempre conseguiu fuxir bastante dos localismos, por iso Galicia ten tres aeroportos e o norte de Portugal un con máis destinos. Portugal sabe que xuntándose con Galicia ou integrando Galicia nas súas políticas só gaña. Gaña masa crítica, sostibilidade dos servizos e infraestruturas. Outra cousa é que Portugal é un país moi centralista e depende do que veña de Lisboa, e aí inflúen as personalidades dos dirixentes. Hoxe o Norte volve ter personalidades políticas potentes tras un momento de absoluta caída de protagonismos políticos, de debilidade.
Volven emerxer figuras relevantes, con peso político no Norte, que teñen unha visión pro-galega. É o caso de Ricardo Rio, alcalde de Braga, ou unha persoa que pode dar moito xogo que é o actual presidente da Comissão de Coordenação da Região Norte e que foi reitor da Universidade do Minho, António Cunha. Tamén é moi importante o feito de que o presidente da República teña amizades en Galicia e que o líder da oposición sexa Rui Rio, ex-alcalde do Porto. Portugal está impulsando a cooperación. Outra cousa é que non haxa eco na parte española.
E isto pode mudar do que saia das eleccións do próximo 30 de xaneiro?
Non porque non vai haber moito cambio nas eleccións. No centro-dereita as primarias do PSdeG elixiron a Rui Rio, pero tamén o seu contrincante, Paulo Rangel, era un home do Porto. No PS tamén hai loita pola sucesión de Costa, pero a perda da alcaldía de Lisboa e a convocatoria de eleccións afastou a guerra interna.
As sondaxes dan a posibilidade de volver a constituír a geringonça [o acordo PS-Bloco de Esquerdas-PCP], pero é difícil comunicar que houbo eleccións para volver ao mesmo e que os orzamentos sigan dependendo dos partidos que non os aprobaron antes e que provocaron as eleccións. Para outro escenario, un pacto PS-PSD, ao que sería favorable Rui Rio, é necesario que Costa faga unha manobra cara á dereita que rexeita a ala esquerda.
O que poden representar as eleccións é un atraso nas políticas, como cada vez que hai eleccións, que no fondo non deixan de ser unha parálise. E a ausencia de orzamento vai complicar a xestión dos fondos europeos. Vai haber moitos cartos, moi necesarios, pero que levan implícita unha burocracia. Iso é o que nos pode afectar aos proxectos comúns. Noutros ámbitos non vai haber grandes cambios porque agora mesmo o que máis pode prexudicar a Galicia é a posición do Goberno español.
No 25 aniversario o Eixo entregou as súas medallas ao ex-presidente da Comisión Europea Jacques Delors, o ex-director xeral de Relacións Exteriores da UE Eneko Landaburu e quen fora alcalde do Porto cando se creou o Eixo, Fernando Gomes. Ten algo similar previsto para o 30 aniversario?
Non parece. A comisión executiva do Eixo
Atlántico será o 15 de decembro e alí estudaranse moitos temas de cara á
asemblea xeral. Pero non parece porque saímos dunha situación
excepcional e estamos empezando a retomar a presencialidade. E porque as
medallas do Eixo non son como as doutras institucións, dámolas polo que
as persoas galardoadas fixeran pola eurorrexión. Lamentablemente non
hai moita xente que reúna os requisitos para poder propoñela para as
medallas. Os que construíron a eurorrexión practicamente todos xa foron
recoñecidos. E si que hai xente que está a traballar, pero damos as
medallas cando deixan a actividade política." (David Reinero, Praza Pública, 05/12/21)
No hay comentarios:
Publicar un comentario