6/2/13

A trama Gürtel puido operar en Portos de Galicia até, polo menos, 2004.

"Dúas das construtoras que doaron diñeiro en negro ao PP, segundo os papeis do tesoureiro Luis Bárcenas, participaron polo menos nunha adxudicación irregular en Portos de Galicia en 2004. 

O xuíz do Gürtel xa chamou a declarar ao que era xefe de contabilidade de Portos entón. Ese funcionario, Victoriano Lago, tamén era socio dun dos cerebros da organización presuntamente corruptora, o tamén imputado e ex-número 3 do PP galego Pablo Crespo, nunha empresa fundada nun paraíso fiscal no Caribe. 
Baséandose nestes indicios GC pode afirmar que, ao contrario do que alegou o presidente da Xunta este domingo, a trama Gürtel non deixou de operar no país en 1999.
De feito, Crespo foi o único vogal que Alberto Nuñez Feijóo non cesou cando en 2003 se fixo cargo da Consellería de Política Territorial.  Así, o ex secretario de organización do PP de Galicia  seguiu como directivo de Portos até 2005, cando o cesou o bipartito. O seu superior inmediato como presidente de Portos era Carlos Negreira, hoxe alcalde da Coruña.
Adxudicacións sen licencia
Non é GC quen descobre as irregularidades na contrata das obras do Porto de Ribadeo e na de Cabo de Cruz en 2004. Descubriunas o Consello de Contas de Galicia, o ente público que audita ás administracións do país, nun informe oficial fiscalizando ao Ente Público Portos de Galicia.
Na adxudicación de Ribadeo o Consello de Contas denunciou, entre outras eivas, a  "utilización inxustificada do trámite de urxencia" e a "ausencia de licenzas de obra" . Gañouna por case un millón de euros a unha Unión Temporal de Empresas participada pola Construtora Hispánica S.A. 
Empate entre empresas que aparecen nos pagos de Bárcenas
O máis curioso do expediente é que Portos deulle exactamente a mesma puntuación ás catro empresas que pasaron a fase final. As catro construtores tiveron que, polo tanto, presentar ofertas en términos moi similares. 
Desas catro empresas, dúas aparecen na relación de presuntas doazóns ilegais de diñeiro en negro incluídas na contabilidade de Luís Bárcenas publicada por El País. Son a ourensá COPASA e a gañadora do concurso, Construtora Hispánica. As dúas doaron presuntamente por riba do límite legal en 2004, o ano das obras de Ribadeo.
En concreto, os papeis de Bárcenas, tesoureiro do PP estatal, recollen estes apuntamentos:
01-marzo 2004 Copasa 75.000 euros
26-noviembre 2004 Entrega Pozuelo (Hispánica) 30.000 euros.
"Pozuelo" refírese a Alfonso García Pozuelo Asins, propietario de Construtora Hispánica e tamén imputado no caso Gürtel por presuntas corrupcións en Madrid. 
A oferta máis barata, descualificada sen xustificación
Moitos máis indicios apuntan a que adxudicación de Ribadeo poido ser amañada. Ao concurso presentáronse máis construtoras que as catro finalistas. Unha delas foi excluída por baixa temeraria, sen que Portos de Galicia déralle ocasión, como obriga a Lei, a explicar porque presentaba un prezo tan baixo que parecía pouco realista.
En Portos agromaban empates nos concursos, e así podían escoller a dedo
Ademais, unha vez consumado o empate entre os finalistas, Portos escolleu a UTE de Hispánica sen dar ningunha razón. "A mesa de contratación propón a esta última como adxudicataria por considerar a súa oferta como a máis vantaxosa no seu conxunto, sen precisar ningún outro criterio para tal apreciación", criticaron os contábeis públicos.
De feito,  segundo describe o Consello de Contas, ao ente que presidía Carlos Negreira sucedeulle algo moi curioso nos concursos en 2004. Daquela en Portos era habitual que varias ou todas as ofertas sacaran a mesma puntuación, o que abría a porta á unha adxudicación a dedo. Así o describe o ente fiscalizador:
En cinco expedientes varias empresas acadan no concurso a mesma puntuación final, e en dous tódalas participantes obtiveron a mesma. Nestes supostos a mesa de contratación propón a unha delas aducindo que é a que se considera máis vantaxosa no seu conxunto, sen xustificar en ningún criterio obxectivo tal apreciación e sen atender ao criterio da proposición económica máis favorábel de entre as que posuían igual puntuación, introducindo un elevado grao de discrecionalidade na selección do adxudicatario.
O contábel de Portos, presidente dunha empresa nun paraíso fiscal
O xefe de contabilidade, Victoriano Lago, supervisaba as contratas de Portos. Segundo informou Público, Lago aparece como administrador único de Midcourt Limited, unha sociedade constituída no paraíso fiscal da Isla de Nieves (Nevis Island) no Caribe.
Esta empresa foi unha das que usou a rede que codirixía Pablo Crespo para lavar o diñeiro, procedente presuntamente de comisións que pagaban empresas por facerse con contratas de administracións do PP.
O xuíz instrutor chamou ao cargo de Portos por, entre outros motivos, ingresar de 300.000 euros nunha conta corrente. A Xustiza sospeita que Lago operaba como testaferro de Crespo.
Líder de obras nas deputacións galegas
Outros datos que deitan máis sombras sobre ao caso de Ribadeo é que Construtora Hispánica -unha empresa de tamaño medio no sector- foi a líder en adxudicacións de obras públicas por parte das deputacións galegas en 1999.
Daquela, como apuntara A Nosa Terra, Crespo era secretario de organización do PPdeG e todas as deputacións estaban goberandas polos conservadores. Logo, xa nos anos 2000, como describira Xornal de Galicia, Hispánica especializouse en gañar contratos de Portos; empresa pública onde recalou Crespo tras ser secretario do PPdeG.
Ademais, nas dúas adxudicacións gañadas por Hispánica en 2004 que o Consello de Contas analizou atopáronse as mesmas irregularidades -non hai licencia, non hai xustificación de urxencia, non hai características da obra, etc. Tamén nas dúas contratas o erario público acabou pagando máis diñeiro, ao aprobar o ente que presidía Carlos Negreira un incremento do orzamento da obra sobre o sacado inicialmente a concurso. 
Fiscalización da contrata de Ribadeo
A continuación figura o informe do Consello de Contas no que se describen as irregularidades na adxudicación a unha UTE  na que participa Hispánica das obras do peirao de Ribadeo: 
␣Expediente: Adiantamento peirao interior de Mirasol-Ribadeo. Adxudicatario: UTE BARDERA, S.L.-C. HISPÁNICA, S.A.; prezo: 961.516 euros.
- No expediente reprodúcense as incidencias relativas aos criterios de adxudicación, á utilización inxustificada do trámite de urxencia, á ausencia de licenzas de obra e da aprobación do cadro de características contractuais polo órgano de contratación.
- A garantía definitiva constituíuse fóra do prazo máximo de 15 días desde a data de notificación da adxudicación, incumprindo o previsto no artigo 41 da LCAP.
- No proceso de adxudicación, catro empresas non se baremaron por non estar situadas as súas ofertas económicas entre a media e a máis baixa e outra máis por estar incursa en baixa temeraria. Respecto desta última, non consta que se lle dera a posibilidade de xustificar dita baixa e o posterior estudo desa xustificación, tal como esixe o artigo 83.4 do TRLCAP.
- As catro empresas finalmente baremadas obteñen todas a mesma puntuación final do concurso: son COPASA, CONSTRUCCIONES DAVILA LAGO S.A., OYS NOROESTE S.L. e a UTE BARDERA S.L.-C. HISPÁNICA S.A. A mesa de contratación propón a esta última como adxudicataria por considerar a súa oferta como a máis vantaxosa no seu conxunto, sen precisar ningún outro criterio para tal apreciación.
Fiscalización da contrata de Cabo de Cruz
E así describe as irregularidades na adxudicación á mesma UTE das obras do peirao de Cabo de Cruz:
␣Expediente: Ampliación peiraos en Cabo de Cruz; adxudicatario: UTE BARDERA- C. HISPÁNICA; prezo: 1.936.663 euros.
- No expediente reprodúcense as incidencias relativas aos criterios de adxudicación, á utilización inxustificada do trámite de urxencia, á ausencia de licenzas de obra e da aprobación do cadro de características contractuais polo órgano de contratación.
- No proceso de adxudicación participaron un total de 10 empresas, tres non se baremaron por non estar situadas as súas ofertas económicas entre a media e a máis baixa e outra máis por estar incursa en baixa temeraria.
 Se ben a esta última se lle deu a oportunidade de xustificación da baixa, esta non foi tomada en consideración, a pesar de que o importe da baixa excedía soamente nunha porcentaxe do 0,04% sobre o límite. Das seis empresas valoradas, a adxudicataria foi a que, das dúas que obtiveron a mellor puntuación global, presentaba o prezo máis baixo.
A obra recepcionouse en prazo, tras prorrogarse nun mes. O custo da mesma ascendeu a 2.074.365 euros, é dicir, 138.101 euros superior ao de adxudicación, que se corresponde coa liquidación da obra.
Próximas informacións do Gürtel no GC
Tras publicar o Quen é quen no Gürtel en Galicia e os pagos en negro do PP de Galicia á trama Gürtel, GC publicará nos próximos días novidades sobre as presuntas actividades da trama Gürtel en Galicia."          (Galicia Confidencial, 04/02/2013)

No hay comentarios: