13/3/13

Accionistas planearon o preconcurso en Pescanova con antelación

"A Comisión Nacional do Mercado do Valores acaba de confirmar que Pescanova suspende polo de agora a contratación do banco de EE.UU. Houlihan Lokey. "Sen formalizar aínda todos os termos da relación contractual con Houlihan Lokey como asesor financeiro da reestruturación, e pendente de que estes sexan ratificados polo consello de administración unha vez formuladas as contas anuais de 2012, Pescanova informa que a contratación está temporalmente suspendida ata que os acontecementos anteriores se produzan", relata un comunicado enviado ao supervisor público.

A sorpredente suspensión do contrato co encargado de negociar o refinanciamento da débeda é o último capítulo da guerra interna que se vive dentro do Consello de Administración de Pescanova e que, en último término, é a causante de que a compañía solicitase o preconcurso de acreedores, facendo que miles de pequenos inversores perderan a día de hoxe gran parte do valor das súas accións.
Manuel Fernández de Sousa, presidente e máximo accionista cun 14,4%, está enfrontado co segundo máximo accionista, a cerveceira Damm, que ten un 7%, e o luxemburgueses de Luxempart, que teñen case un 6%. Os socios críticos  negáronse a asinar as contas presentadas pola dirección, o que forzou a Pescanova a solicitar o preconcurso na madrugada do xoves.
Agora ben, a posibilidade de acollerse á Lei Concursal levaba tempo a considerase dentro da cúpula propia Pescanova. Así o permite afirmar varios movementos de capital e cambios de directivos producidos días antes da suspensión da cotización das accións.
Entra un fondo baseado nun paraíso fiscal do Caribe
Non é só que o conselleiro Alfonso Paz Andrade vendese 75.000 accións cunha plusvalía de 2 millóns unhas semanas antes da crise, senón que agora descúbrese que dous fondos de inversión baseados en paraísos fiscais anunciaron a súa entrada en Pescanova o mesmo día que Paz Andrade facía caixa cos seus títulos.
Segundo informa X.R. Moscoso en Economía Digital "Silicon Metals Holding notificó en dicho día que controlaba un 5% del capital de la compañía pesquera, y también hizo lo propio el que ahora es otro accionista significativo, Capital Research and Management Company, con otro 3,4%".Silicon Metals Holding está baseado en parte no  paradiso fiscal das Illas Caimán. Este tipo de fondos de investimento están manexados por grandes fortunas e soen ser empregados en operacións de especulación empresarial a curto e medio prazo.
O accionariado da empresa está moi repartido, polo que o sorprendente desembarco destes fondos de investimento pode ser determinante para decidir a guerra entre Fernández de Sousa e a alianza de Damm e Luxempart.
A principal discusión é como solventar os problemas de liquidez. A maioría dos bancos acreedores xa informaron que pensan que a compañía é viábel se refinancia a súa débeda.
Agora ben, para ampliar capital ou organizar unha quita cómpre un acordo entre os máximos accionistas. Polo de agora Fernández de Sousa parecen incapaz de chegar a un pacto cos seus rivais, pero a entrada dos fondos de investimento deixa ao empresario galego nunha situación moi difícil para seguir mantendo o control da compañía.
A consecuencia da súa falta de entendemento é que miles de empregos -máis de mil no país- están arestora no aire e que miles de pequenos accionistas perderon xa gran parte do investido nos títulos tras a solicitude de preconcurso. Iso si, houbo quen se adiantou á crise e sacou beneficios antes de que estourara a crise interna."         (Galicia Confidencial, 11/03/2013)

No hay comentarios: