19/9/14

O PP non paraliza a mina que ameaza a Cova de Eirós para favorecer a empresas amigas

"Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixiu na Cámara galega a “paralización inmediata” das actividades da mina Don Isidro, no Concello de Triacastela porque ao seu xuízo pon en perigo valores ambientais e patrimoniais, entre a Cova de Eirós, un xacemento arqueolóxico que conserva evidencias do paleolítico.
O deputado Antón Sánchez denunciou que o PP non quere paralizar este proxecto para favorecer a empresas amigas. “Para nós, calquera actividade económica debe ser compatíbel co territorio e co medio ambiente, e con outras actividades económicas sustentábeis que se xeren no lugar. Non é o caso desta mina de Triacastela”, dixo.
A proximidade do Camiño de Santiago ou da Cova de Eirós, importantísimo elemento patrimonial xa afectado polo funcionamento da explotación, deberían, segundo AGE, implicar aínda máis cautela por parte dunhas administracións que, en palabras do parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda e máis alá dos incumprimentos legais, “teñen o deber de coidar do patrimonio do país”.

Sen proxecto ambiental

A licenza coa que conta a mina foi outorgada o un de agosto. “Ese mesmo día ou a máis tardar ao día seguinte xa había actividade na mesma”, lembra o deputado. Non ten proxecto de avaliación ambiental e a Xunta non realizou os estudos preceptivos nunha zona de altísimo valor ecolóxico e patrimonial. 
“Só hai uns vinte lugares equiparábeis na península á Cova de Eirós pola súa riqueza patrimonial”, afirmou Sánchez, para quen, a maiores, “a licenza outorgada á empresa non cumpre a normativa”. “Para nós, é unha licenza nula de pleno dereito”, engadiu. A concesión municipal realizouse, ademais, en terreos que son parcialmente obxecto dun expediente municipal de recuperación posesoria “ao considerar o propio concello que a empresa se apropiou de bens e usos públicos municipais”. 
“Non nos sorprende a postura do PP. Aproban leis á medida dos seus intereses e dos seus amigos”, explicou Antón Sánchez, “pero iso non lles abonda e logo forzan as propias normas que aproban”.           (Galicia Confidencial, 17/09/2014)

No hay comentarios: