"-Por que consideras que a permacultura non ten máis presenza mediática?
-Non interesa algo como a permacultura nos medios. Non ten
repercusión porque non hai beneficio económico detrás. Non hai forma por
agora de que o mercado se faga co pastel. Que estea nos medios é
importante para dala coñecer. E sobre todo é importante que a xente que
manda empece a saber o que é.
-A permacultura naceu como un modo de agricultura respectuoso
coa terra, mais agora vai moito máis aló. No suplemento explicamos, no
artigo introdutorio, o modo en que a permacultura se entende agora. Para
quen non saiba o que a permacultura é, como se podería definir de
maneira sinxela?
-A permacultura é unha ciencia multidisciplinar de deseño que engloba
as relacións humanas e medioambientais. Naceu como un modelo de
agricultura, pero estendeuse moi rápido. Ten uns principios éticos moi
claros, e tamén uns principios de deseño. Basicamente, consisten no
respecto e na sostibilidade, a nivel humano e social.
-En que consiste a permacultura como modelo agrícola?
-A agricultura actual é causante de gran parte do cambio climático.
Simplemente o modelo de transvase do produto dunhas zonas a outras supón
unha queima de combustíbel bestial. Dentro do ámbito da permacultura,
na agricultura sinérxica a terra non se laborea e imítanse os patróns da
natureza.
-A permacultura aplícase tamén aos modelos de construción. Neste A Fondo fálase da bioconstrución. En que consiste?
-A bioconstrución procura construír buscando o menor impacto
ecolóxico posíbel. Para iso hai que pensar no gasto enerxético que
require calquera tipo de material que se utilice. O cimento é unha das
causas máis importantes de contaminación do mundo. Seguindo á
permacultura, adáptanse a cada zona os principios de deseño e éticos.
Non é o mesmo construír no Colorado, onde o teito das casas ha de estar
ao nivel do chan, ca en Galiza, onde a madeira sería o material
recomendábel, malia a ter mala sona no país por considerarse que non
aguanta..
-No suplemento abórdase a situación da permacultura en Galiza. Que nos podes adiantar?
-Malia ao silencio e o descoñecemento da permacultura en todos os medios, eu penso que si está habendo un boom,
soterrado, ao igual que no tema da agricultura ecolóxica. Para min o
exemplo máis claro é a cooperativa integral do Noroeste, baseada na
cooperativa integral catalá.
-En que consisten as cooperativas integrais?
-Trátase de vivir dunha maneira máis razoábel. Moita
xente, con distintas actividades, con distinto tipo de producións ou
bens, xúntanse nunha cooperativa e fan intercambio entre eles á marxe do
sistema económico imperante. Teñen moeda propia, banco de traballo e
unha serie de condicións propias. É como unha especie de burbulla dentro
do mercado. Por agora, a catalá, que foi a primeira, funciona moi ben.
Nela, ademais, tamén se traballan o mercado exterior.
-Ti traballaches como monitor este verán no horto infantil
ecolóxico de Carballo. Nos obradoiros coas e cos cativos aplicaches os
principios da permacultura. No A Fondo contas algo desta experiencia.
Como foi?
-Experiencias como estas son importantes porque neles están as rendas
no futuro e é moi importante que tomen conciencia. Houbo algo que me
parece moi curioso. Unha cantidade considerábel de nenos preguntábanme
cando iamos facer cartos. Creo que é triste. O descoñecemento por parte
dos líderes do termo permacultura fai que non haxa unha aplicación en
base a iso. A horta escolar está moi ben, ten un potencial enorme, o que
quere dicir que hai moito potencial desaproveitado aínda.
-No suplemento, relátase tamén en primeira persoa a
experiencia da empresa Biochousa, unha horta de cultivo ecolóxico en
Mondariz…
-Biochousa é un exemplo claro de cómo este formato é totalmente
válido e con proxección de futuro canto á economía. Galiza pódese
converter co paso do tempo nun dos viveiros xa non só de España senón
tamén de Europa. En Biochousa son un exemplo claro de cómo traballando
de forma natural podes facer un negocio.
-No A Fondo entrevístase tamén o biólogo galego César Lema, pola súa importancia na difusión dos principios da permacultura…
-É como un apostol. É un precursor, alguén que vai por diante. Hai
xente que, coma min, ou mil máis, somos afeccionados, e aos seus textos e
aos seus libros acudimos para informarnos. Tendo en conta que a
permacultura ten que ser aplicada en cada parte segundo as súas
necesidades, ten ademais o valor de ser galego." (Sermos Galiza, 23/09/2014)
No hay comentarios:
Publicar un comentario