"O expediente iníciao a Confederación Hidrográfica Miño-Sil após
denunciaren axentes do Seprona (Garda Civil) e Cementos Cosmos a
"derivación de augas" do Teixido "sen concesión administrativa" por
parte da veciñanza de Vilavella en Triacastela. O uso desa auga
responde, segundo recolle a propia notificación administrativa, a usos
agrarios para o rego dunha "parcela" sita no propio termo.
Porén, amparándose na Lei de Augas e o regulamento de dominio público
hidráulico (1986) coida unha "infracción leve" o aproveitamento desta
auga e fixa como "sanción aplicábel" até 10 mil euros de multas.
Os textos foron remitidos desde o goberno español a varios domicilios
da parroquia que contan cun prazo de 10 días para presentaren as súas
alegacións e probas.
Auga para unha cementeira mais non para regar as leiras
A sanción que prevé impor o Ministerio de Agricultura á veciñanza de
Vilavella que usou auga do Teixido para regar as súas leiras baséase na
concesión que lle foi outorgada a Cementos Cosmos S.A. para fins
industriais e que converten a empresa cementeira en propietaria do río.
Segundo algunhas das persoas ás que lle foi remitida a sanción a
veciñanza descoñecía a existencia desta concesión que "prevalece",
afirman, "sobre o secular uso agrícula" das augas do Teixido polo que
"continuou a regar como toda a vida os prados da ribeira de devandito
río".
Neste senso, denuncian que a Conferencia Hidrográfica que os sanciona
é a mesma que "non atendeu aínda ningunha das denuncias feitas polos
veciños polo corte e destrución do cauce, verquidos sen autorización,
moitos deles altamente tóxicos, usurpación do dominio público hidráulico
e dos propios recursos hídricos, captacións ilegais de mananciais...
que realiza Cementos Cosmos", afirmaba Marcos Celeiro na súa conta de
Facebook após coñecer o contido do expediente sancionador aberto desde
Agricultura, entre outras, á súa familia.
O conflito entre Cementos Cosmos e a veciñanza de Triacastela non se limita ao río Teixido. A cementeira denunciou o propio Celeiro
por un suposto delito contra a honra da empresa que atribúen á súa
acción social contra a canteira que posúe en Vilavella e que prexudica os restos arqueolóxicos máis antigos do Noroeste peninsular, a Cova Eirós. " (Sermos Galiza, 28/01/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario