16/4/15

As conexións empresariais e políticas do Aeródromo de Caldas

"O aeródromo de Godos, en Caldas de Reis, é unha desas obras nas que se mesturan as relacións persoais, económicas e políticas que conflúen na sociedade Aeródromo de Caldas, S. L. Só así se explica parte da historia dunha obra ilegal, que aínda agora funciona con certa normalidade.

E faino cun expediente de reposición da legalidade urbanística aberto na APLU, cun expediente sancionador aberto na AESA, con informes de ADIF nos que se sinala que a instalación compromete a seguridade ferroviaria e cunha orde de paralización de obras e usos por parte da Alcaldía do Concello de Caldas de Reis.

Pero, quen está detrás de Aeródromo de Caldas, S.L?. GC, a través de varios informes, puido rastrexarlle a pista a esta sociedade e a todo o que se move detrás dela. O seu promotor inicial foi José Manuel Campañó Luna, que se asociou con Gerardo Manuel Fernández Susavila e Marfal Gestión, S. L., unha sociedade de recente creación para explota-la instalación aeronáutica.

Deste xeito, tal e como consta no BOE (anuncio nº 287101), pouco despois da inauguración do aeródromo (25 de Febreiro de 2012) constituíuse a sociedade Aeródromo de Caldas, S. L., cun capital social de 120.000,00€, para explotación dun campo de voo “a establecer” no Lugar de Reguengo (Godos).

Con todo, e a pesar do falecemento do promotor inicial do aeródromo, o pasado 11 de agosto de 2013, dentro das propias instalacións aeronáuticas, non consta anuncio público de cambio algún nos estatutos da sociedade mercantil.

Marfal Gestión, S. L. e Koper Instalaciones, S. L.

Un dos tres conselleiros no Consello de Administración correspóndelle á sociedade mercantil Marfal Gestión, S. L., con 12.000€ de capital social e da que é única administradora María del Carmen Falcón Ruibal. O obxecto desta sociedade é a tenencia a administración e xestión de títulos e accións doutras entidades. É polo tanto unha sociedade patrimonial, que consta que ten participación en dúas sociedades, a xa citada, Aeródromo de Caldas, S. L. e Koper Instalaciones, S. L., da que é administrador único o seu cónxuxe, Francisco Javier Martiñán Camiño.

Ambas sociedades comparten domicilio social en Rúa Colón 10 5º (Vigo). Comparten ademais o obxecto social, aínda que a segunda, Koper Instalaciones, S. L., realmente é un negocio enfocado á instalación eléctrica con centro de traballo no termo municipal de Barro (Pontevedra).

As sociedades Marfal Gestión, S. L. e Koper Instalaciones, S. L. comparten domicilio social con outras sete sociedades; Cimpor Eco SL., Cimpor Inversiones SA., Cimpor Trading SA., Decenio Espanha SL., Inversiones Filaria SL., Zukaway Foo Company SL. e Reonoba SA.

Chama poderosamente á atención o feito de que tódalas sociedades teñan un obxecto social moi similar (sociedades patrimoniais) e que aparentemente, agás as dúas primeiras sociedades, teñan ademais unha relación directa coa industria cementeira portuguesa (Cimpor – Cimentos de Portugal SGPS, S. A.), multinacional de capital brasileiro, que está entre as vinte maiores cementeiras do mundo e cunha importante cota de mercado en España.

Esta multinacional ttamén xestiona a súa actividade produtiva en España desde Vigo, a través do seu grupo empresarial Votorantim, antes Corporación Noroeste, S. A.. O grupo empresarial está formado por máis de vinte sociedades, entre as que destacan, ademais de Cementos Cosmos, as seguintes: Prebetong Lugo, Cimpor Hormigón España, Cementos de Andalucía, Materiales del Atlántico, Cimpor Canarias, Morteros de Galicia, Áridos de A Coruña, Canpesa, Hormigones y Áridos La Barca, etc.

Amistades políticas

O pasado 1 de Marzo de 2013 José Manuel Campañó Luna formalizou a venta da súa sociedade Granitos do Umia, S. A. a Transportes y Cantería Antonio, S. L. Curiosamente, a sociedade transferida ten o centro de traballo nun conflitivo polígono industrial de Caldas de Reis, promovido ademais polo propio José Manuel Campañó Luna. Aínda que a priori a operación aparentemente non garda relación co aeródromo ilegal de Godos si que serve para mostrar a relación entre o anterior administrador e o novo administrador.

De feito, o novo propietario da sociedade Granitos do Umia, S. A., Antonio Vázquez Ares, tamén o é da sociedade Transportes y Cantería Antonio, S. L.. Tamén é amigo persoal do alcalde do Concello de Barro, José Antonio Landín Eirín, do PPdeG, chegando incluso a intermediar, mediante o anticipo do pago, na adquisición dunha parcela para o Concello de Barro en subasta pública, tal e como o recoñeceu o alcalde no Diario de Pontevedra, o pasado 14 de Novembro de 2013, onde afirmou:

“Coñecidas as condicións e sabendo que podiamos ter 3,6 hectáreas por 81.000 euros, tivemos que buscar fórmulas. Ao non dispoñer eu dos poderes plenarios, o único que se puido facer foi que un particular concorrera á subasta e pagase él polos terreos para despois cederllos ao Concello. E así foi. O que se fixo agora foi firmar a cesión ou adquisición e faltan algúns papeis para escrituralo notarialmente, pero farase en breve”.

Na mesma publicación, o alcalde non quixo da-los datos do particular que desinteresadamente adiantou 81.000€ para a adquisición da parcela para o Concello: “É un amigo meu que podía pagar cun cheque esa cantidade. Non ten máis importancia. A subasta é pública e vese que nos cede o chan polo mesmo prezo polo que saíu a subasta”. Esa información consta no Concello de Barro, xa que a cesión e adquisición dos terreos asinounas Antonio Vázquez Ares.

O terceiro dos socios fundadores de Aeródromo de Caldas, S. L. é o tamén empresario Gerardo Manuel Fernández Susavila, que controla varias sociedades relacionadas co sector do aluminio desde a sociedade patrimonial Sindal Noroeste, S. L., entre as que están Baicha, S. L., Alupanel, S. L. e Indalsu, S. Esta última ten centro de traballo en Caldas de Reis no polígono construído por José Manuel Campañó Luna sobre terreo rústico.

Este ex concelleiro do PP en Caldas, promotor e construtor, fixo seis naves industriais na marxe dereita da estrada N-640, que comunica Caldas de Reis con Vilagarcía, na zona coñecida como “Veigas de Almorzar”. Dita construción contou con licenza urbanística, aprobada con informes técnico e xurídico negativos.

E, por esa licenza, chegaron a estar imputados cinco membros da Xunta de Goberno Local por un presunto delito contra a ordenación do territorio. De feito, algúns medios deron conta desta situación e relacionaron a dimisión do rexedor socialista, José María Tobío, no 2006, e a súa substitución polo actual, Juan Manuel Rey.

“Aínda que finalmente os edís foron declarados absoltos polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, por ser as obras legalizables a través do plan xeral daquela en tramitación. O feito é que a relación entre o ex-concelleiro popular e o equipo de goberno socialista xa se mostrou neste caso como intensa e peculiar, e cunha clara tendencia favorable aos intereses de José Manuel Campañó Luna”, apuntan fontes consultadas por GC. Neste proceso queda tamén constatada a relación profesional e persoal entre José Manuel Campañó Luna e Gerardo Manuel Fernández Susavila.

A Deputación Provincial de Pontevedra e as relacións entre membros do Partido Popular


Neste entramado societario e de amistades políticas tamén ten que ver a Deputación Provincial de Pontevedra. Este organismo asfaltou as pistas do aeródromo en outubro de 2013, pese a non contar a instalación con licenza de obra, e as fontes consultadas aseguran que se debeu á militancia dentro do Partido Popular do xa falecido promotor inicial da instalación aeronáutica.

Pero nesta conexión ten moito que ver o rexedor de Barro, Antonio Landín Eirín, relacionado tanto co promotor como co presidente provincial. “Aínda que non se coñece relación algunha dese alcalde ca instalación, indirectamente aparecen conexións curiosas, como a venda da sociedade Granitos do Umia, S. A. a un amigo persoal del ou a intervención de sociedades mercantís que operan no Concello de Barro, e que traballan puntualmente para este municipio”, apunta o informe entregado a GC.

Tamén se critica á Consellería de Medio Rural pola tramitación “exprés” dunha das etapas claves desta infraestrutura, a modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento municipal. Mediante este trámite recualificaronse os terreos nos que xa se asentaba o aeródromo e sobre o que pesaba unha orde de reposición da legalidade urbanística que nunca se chegou a cumprir.

As fontes consultadas falan dun pacto entre promotor do aeródromo –militante do PPdeG-- e Concello –en mans do PSdeG-- polo cal o Concello non executaría a orde de derribo dun edificio de vivendas –propiedade do falecido Manuel Campañó Luna-- neste municipio por irregularidades, tratando de encaixar a obra no novo Plan Xeral ao tempo facía o mesmo co aeródromo ilegal de Godos.

“Trataron,deste xeito, de intercambiar modificacións na lexislación urbanística do Concello a cambio de non ter que afrontalo pago da indemnización por danos e prexuizos derivada da concesión dunha licenza de obra ilegal. Unha reclamación de danos que nunca foi formulada polo promotor”.

Este suposto pacto explica tanto a falta de rigor por parte do promotor á hora de tramita-los permisos necesarios como o total desprezo pola legalidade. Pacto ao que hai que sumarlle as relacións persoais dentro do Partido Popular, tal e como se exemplificou no acto de inauguración do aeródromo, o pasado 25 de Febreiro de 2012. Acto ao que ademáis do Alcalde, Juan Manuel Rey, asistiron membros do Grupo Municipal do Partido Popular e o Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán.

“Desde a acción pública, polo velo societario, no se pode comprobar quen se agocha tralas sociedades patrimoniais con sede en Vigo. Pero de ser certo que gardan relación con aeródromo darían unha pista importante acerca da dimensión e os verdadeiros obxectivos dun proxecto, que en principio non é de grandes dimensións nin supón grandes desembolsos económicos.

Aínda que o valor da indemnización non reclamada polo promotor, entre dous e tres millóns de euros, xa amosa sinais de que o proxecto non ten porqué ser necesariamente pouco ambicioso desde o punto de vista da rendabilidade económica, legal ou ilegal”, recolle o informe ao que tivo acceso GC.

“Este proceso exemplica cómo un Concello non gobernado polo PP, que non fai ben o seu traballo pode chegar a ser chantaxeado por membros afíns ao PP e por institucións controladas polo PP, ata o punto de convertir ao Concello nun axente prevaricador”, conclúe." (Galicia Confidencial, 09/04/2015)

No hay comentarios: