19/4/13

De que falaron Peña Nieto e Feijóo en México? ¿Do naval ou de protocolo?

"O presidente galego asegura que abordaron a "fase final" das conversas de Pemex. O Goberno mexicano di que a visita foi de "cortesía". A oposición xa fala dunha viaxe de "propaganda" e o PP insiste en que haberá solución para o naval "en 100 días".

 Quen ten razón; a Xunta ou o Goberno mexicano?. As conclusións da reducida conversa que mantivo o presidente galego co seu homólogo mexicano son moi diferentes dependendo de quen as conte. 

Se o interlocutor é a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou con Peña Nieto "a fase final das negociacións entre Pemex e o naval galego para pechar novos contratos neste semestre". Se o interlocutor é o Goberno méxicano, Peña Nieto recibiu ao seu colega galego "en visita de cortesía".
E é que os comunicados oficiais dos dous gobernos son completamente diferentes. Así, na nota oficial da Xunta, Feijóo expresou a satisfacción de que PEMEX “siga contando con Galicia”, con novas operacións que se unen á xa firmada por PMI co estaleiro público Navantia e co estaleiro privado Barreras para a construción de dous floteis.
Sempre, segundo o Goberno galego, o titular da Xunta desvelou o interese de PEMEX por participar no accionariado de estaleiros galegos; e avanzou que diversos investidores privados tamén estudan a posibilidade de entrar no capital de empresas do naval galego. 
Unha visión radicalmente diferente á expresada polo Goberno mexicano. De feito, o comunicado do Goberno deste pais leva como encabezamento "El presidente Enrique Peña Nieto recibió en visita de cortesía al actual presidente de la Xunta". E esa, foi, precisamente, a versión que trasladaron os poucos medios mexicanos que se fixeron eco desta visita.  (...)

O Goberno galego remitiulle aos medios unha longa nota de prensa sobre as supostas conversas entre Feijóo e Peña Nieto no tocante ao naval. Pero, no comunicado remitido pola Secretaría de Relacións Exteriores de México (e non pola Presidencia --o propio departamento do presidente mexicano) non hai nin unha sóa palabra que aluda ao naval ou a Pemex.
Non se fala nin dos remolcadores que anunciou Feijóo por valor de ata 184,1 millóns a construir en colaboración con factorías mexicanas, nin tampouco ese suposto interés da petroleira pública de entrar no accionariado dalgún asteleiro privado galego. 
De feito, o comunicado do Goberno mexicano suliñou que só se tratou dunha visita de "cortesía". Nesta nota, o goberno mexicano sinala que o encontro entre os dous dirixentes tivo como obxectivo "fortalecer las relaciones económicas entre la Xunta de Galicia y México, particularmente en las áreas de comercio e inversión", sen concretar nada acerca de supostos acordos no naval. 
"La relación con Galicia reviste especial importancia tanto por la amplia comunidad gallega en México como por la presencia de casi 400 empresas de esa región de España en nuestro país. Desde al año 2000, el intercambio comercial entre México y Galicia se ha incrementado 11.5% promedio anual. En 2012, el comercio bilateral sumó más de 11,000 millones de dólares", engade o escueto comunicado."     (Galicia Confidencial, 17/04/2013)

No hay comentarios: