"Suman xa 3 semanas de campamento ás portas de San Caetano para demandar
un reparto das cotas de pesca que non prexudique a frota cerqueira
galega e evite "a desaparición do sector". Armadores e mariñeiros
insisten na responsabilidade do Estado e da Xunta nun problema derivado
dunha decisión política na que Galiza non contou.
Desde hai case tres semanas 120 tendas de campaña (unha por cada
barco integrado en Acerga, asociación de armadores do cerco de Galiza)
permanecen colocadas en semi-círculo fronte á entrada principal de San
Caetano, sede da Xunta de Galiza.
"Pon aí que non imos marchar até que
nos dean unha solución. Non nos imos render. Xa estamos pensando mesmo
en mercar un carneiro para papar aquí, no campañmento, polo Nadal". Quen
así fala é Tonacho, de Cesantes, un dos improvisados voceiros dos armadores e mariñeiros que fan parte desta protesta.
No exterior de cada unha das tendas de campaña hai expostas faixas e cartaces con mensaxes máis que clarificadoras: "Punta del Este. 10 familias sen poder ir ao mar. Grazas Feijóo", "Novo Ameixa: 12 familias arruinadas".
"Hermanos Varela Cambón: 10 familias sen ter quer comer". E así en case todas as tendas: nome do barco e número de familias afectadas. "Por unha pesca digna, Feijóo demisión", resume o sentir dos acampados unha faixa no centro do 'Campemento Xurelo'.
Mais a que se debe esta protesta? José e Ángel, tamén de Cesantes
explícano de maneira clara: Durante anos o cerco galego traballou cunhas
cotas e topes para as súas pesquerías (fundamentalmente xurelo, xarda
mais tamén sardiña e bocareu). Mais esa porcentaxe cambiou radicalmente
hai tres anos. Variouse a cantidade a poder pescar e introducíronse
criterios de reparto (o histórico de capturas) que prexudicaron a frota
galega, a máis importante en barcos e tripulantes. Andrés García, de
Acerga, non perde ocasión de lembrar que un só cerqueiro vasco ten máis
cota que os 20 que hai amarrados en Vigo.
Reparto Liñal
O que piden os participantes na acampada, e o sector do cerco
representado en Acerga en xeral, é que se cambien os criterios de
reparto e estes pasen ser liñais: "Que se reparta por barco e
tripulante", insiste Tonacho..
Esa é, afirman José, Ángel, Manuel e demáis participantes no
campamento, a demanda principal da protesta. "A Xunta non defendeu
Galiza. Nós só pedimos que defendan a frota galega en Madrid. Nada máis,
tampouco nada menos", apontan.
Insisten en que no reparto cos novos criterios non se respectou
Galiza. "Alí non houbo representantes do goberno galego ou se os había
miraron para outro lado". Non se explican como o goberno galego mantense
inane "perante unha inxustiza tan grave. Somos 1.500 mariñeiros parados
nun sector no que nunca houbo paro!", laméntase Ángel." (Praza Pública, 05/11/15)
No hay comentarios:
Publicar un comentario