23/6/16

O mundo do mar esíxelles aos partidos 8 compromisos para garantir o futuro do sector: o saneamento integral das rías...

"O sector do mar -unha vintena de confrarías, organizacións de produtores de mexillón, plataformas en defensa das rías, cooperativas, armadores (Asoar-Armega e Acerga) e sindicatos (CC.OO., CIG e UXT)- trasladoulles este martes as súas demandas ás principais forzas políticas galegas (PP, En Marea, PSdeG-PSOE, Ciudadanos e BNG). (...)

un documento que alerta "da grave situación que atravesa o sector e que precisa dunha urxente solución", un sector do que -lembran- dependen "33.000 empregos directos e un amplo tecido socioeconómico intimamente vencellado ao mar".

 O texto, elaborado consensuadamente entre un total de 52 colectivos, desenvolve as reivindicacións que xa se recollían no texto unitario lido na manifestación do sector que o pasado 27 de febreiro encheu a Praza do Obradoiro. (...)

 En Marea, PSdeG-PSOE e BNG asumiron o contido na súa totalidade e dixeron que se comprometían a levalo adiante e a defendelo. Ciudadanos valorou positivamente o documento, dixo que había cousas moi positivas e comunicou que o estudaría. O PP, representado polo deputado autonómico e concelleiro en Noia Ramón Santos e polo alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, tamén se comprometeu a estudalo. (...)

O sector presentoulles aos partidos oito grandes reivindicacións:
  • Esixen o saneamento integral das rías. Estas organizacións denuncian que "as administracións competentes incumpren a normativa de protección das augas e de tratamento correcto das augas residuais urbanas e industriais". E sinalan, igualmente, que "diversas administracións teñen promovido e permitido o establecemento e continuidade nas augas galegas de actividades que poñen en risco o medio natural e as actividades de pesca artesanal, marisqueo e acuicultura extensiva galegas". Alertan da situación que se vive, entre outros lugares, na ría de Pontevedra por mor da actividade de ENCE-ELNOSA, ou na boca da ría de Arousa polo vertido de sedimentos e refugallos. Piden establecer "un estatus de protección específico" para aquelas áreas onde se practican a acuicultura extensiva, o marisqueo e a pesca artesanal.
  • Piden o cambio do "obsoleto" sistema de Totais Admisibles de Capturas (TACs) e de cotas "que só enriquece a unha minoría". Denuncian que a actual situación prexudica especialmente á pesca artesanal, "xustamente a pesca que se recoñece como máis sostible, tanto para o medio natural como para a sociedade.
  • Apostan por "unha maior defensa do sector pesqueiro artesanal". Defenden que "o reparto da cota debe facerse co criterio de garantir a actividade, atendendo ao tamaño da flota de cada comunidade autónoma e a criterios socio-económicos e non en base aos dereitos históricos; ou sexa, débese perseguir a viabilidade do barco e dos tripulantes, cun reparto máis xusto e equitativo".
  • Afirman que "a normativa xeralista da UE non é xusta para a pesca artesanal". Salientan a forza dos "grandes lobbies en Bruxelas" en favor das grandes corporacións industriais. Critican a normativa que elimina as redes de enmalle á deriva non reguladas (prohibindo a pesca co arte do xeito) e a normativa de obriga de desembarque (prohibición dos descartes) que -din- "vai repercutir nos ingresos dos pescadores e na dispoñibilidade das cotas, xa bastante escasas".
  • Reivindican "unha verdadeira política en defensa do marisqueo". Entre outras medidas, pídese a rexeneración de zonas marisqueiras de baixo rendemento e a recuperación de zonas improdutivas; que se evite a introdución e dispersión de patóxenos e especies foráneas; ou o apoio á identificación diferenciada do produto autóctono.
  • Reclaman recursos para avanzar no coñecemento das mareas vermellas, "que nos permitan coñecer as súas causas e atopar solucións para atallalas". Destacan que "é necesario que o sistema de control sobre as importacións de moluscos de terceiros países sexa exhaustivo"
  • Demandan medidas de apoio e recoñecemento para a mitilicultura, o cultivo do mexillón, que -lembran- "está baseado nun modelo propio de produción extensiva, amigable co medio ambiente e con marcada significación socio-económica" que xeran 13 mil empregos directos e indirectos. Denuncian que os acordos comerciais desenvolvidos pola UE con terceiros países propiciou o aumento das importacións de produtos do mar foráneos no mercado común, entre eles o mexillón, o que provocou unha caída da demanda de mexillón galego. Piden "fomentar o correcto etiquetado de todos os produtos de mexillón", "promover e apoiar a DOP Mexillón de Galicia" e "propiciar a investigación e innovación desde o propio sector para avanzar en procesos, produtos e modelos de xestión sostibles".
  • Piden o fomento dos produtos galegos, da súa identificación e etiquetaxe. "Débese fomentar o consumo de produtos do mar galegos, frescos, elaborados e transformados que teñan vinculación coa orixe, en detrimento dunha imaxe xenérica dos produtos do mar, que non protexe a actividade específica do noso país", destacan. "              (Praza Pública, 22/06/16)

No hay comentarios: