"O primeiro dos casos de corrupción que marcaron o paso da vida política galega na última media década encamíñase cara ao xuízo.
O titular do xulgado de instrución número tres de Lugo vén de decretar a
apertura de xuízo oral na operación Campeón, a presunta rede corrupta
creada en torno ao empresario lucense Jorge Dorribo que chegou a
salpicar, no momento do seu estourido, hai cinco anos, ao que daquela
era todo o arco parlamentario de Galicia.
Agora Dorribo enfróntase á
petición de ata 24 anos de cárcere que formulara a Fiscalía en 2014 e
xunto a el terán que sentar no banco varios excargos do Instituto Galego
de Promoción Económica (Igape), dependente da Xunta, e mais o antigo
deputado do PP Pablo Cobián, que dimitiu tras ser imputado e para quen o
fiscal pedira nove anos de cadea.
Créditos públicos apoiados en facturas falsas e co ex-deputado como intermediario, falsidade, subornos, branqueo ou delitos contables salferiron
unha prolongada investigación que toca de cheo a quen fora director do
Igape, Joaquín Varela, detido ao inicio do proceso.
Xunto a el será
xulgado tamén o ex-subdirector de información do ente público, Carlos
Silva, e mais a responsable de Financiamento da entidade, Cristina
Quintela. Varela, Silva e Quintela terán que responder de cadanseus dous presuntos delitos contra a Facenda Pública, os mesmos que se lle imputan a Cobián, acusado ademais de tráfico de influencias, segundo o auto ditado o pasado día 10 ao que tivo acceso Praza.gal.
A lista de supostos delitos cometidos por Dorribo é máis ampla. A
Fiscalía acúsao de ata oito en diferentes modalidades: deliquir contra a
Facenda pública e de cometer falsidade en documento mercantil, suborno,
branqueo de capitais, delito contable e insolvencia punible.
Na sua
calidade de acusación particular a Xunta impútalle ademais a
falsificación de certificados. O resto das persoas acusadas polo
Ministerio Público e a Administración autonómica son responsables ou empregados da empresa de Dorribo e doutras coas que traballaba, caso da construtora Proitec.
A acusación da Xunta esténdese a nove das trece persoas ás que acusa o Ministerio Público, toda vez que deixa fóra os antigos responsables do Igape e a quen fora deputado polo PP
e candidato á alcaldía de Oleiros. Cínguese, polo tanto, a Dorribo e os
seus colaboradores. A Axencia Tributaria, pola súa banda, acusa só a
Dorribo.
Ademais da petición de cadea Dorribo terá que afrontar, antes do propio procedemento, o depósito dunha fianza de 621.610 euros
para asegurar que abonará as indemnizacións ás que poida ser condenado.
Do mesmo xeito, Dorribo e nove persoas acusadas máis, entre elas o
ex-director do Igape e o ex-deputado do PP, terán que depositar unha
finanza de 3,9 millóns de euros de forma "conxunta e solidaria" para
"aseguraren as responsabilidades pecuniarias" que poidan ter que
afrontar se son condenados. Se non realizan o pagamento, advirte o auto,
seranlles embargados bens por un importe equivalente.
Cinco anos de procedemento
O caso Campeón estourou en maio de 2011, pouco despois
das eleccións municipais daquel ano, e fíxoo cun rexistro policial na
sede do Igape e nas instalacións de laboratorios Nupel ordenado pola
xuíza Estela San José, agora destinada en Huelva, quen no outono de 2014
xa deixara concluída a instrución, antes do seu traslado.
Durante os
seguintes meses a investigación estendeuse ata implicar unha corentena de persoas, entre elas destacados políticos de PP, PSdeG e BNG, esencialmente por mor das declaracións de Dorribo.
Así, o ex-alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e o ex-ministro de
Fomento, José Blanco, estiveron imputados ao acusalos o presunto líder
da trama de recibiren cartos da súa man a cambio de xestións políticas.
No entanto, o caso contra Orozco foi arquivado no verán de 2012 e o de Blanco tivo o mesmo destino no Tribunal Supremo, pola súa condición de aforado.
No que atinxe ao ex-conselleiro do BNG Fernando Blanco, San José ditaminara a apertura dunha peza separada tras examinar un informe no que Facenda indicaba que non existían probas de que Dorribo lle pagase cantidade ningunha. A competencia para xulgar o caso é agora, segundo se estipula no auto do xuíz, da Audiencia Provincial de Lugo." (Praza pública, David Lombao, 14/06/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario