"Está tendo algún impacto na realidade política galega
o crecente movemento secesionista catalán? Veranse reforzados os
partidos nacionalistas galegos polo auxe do independentismo en Cataluña?
Non. Ou cando menos iso é o que defende o profesor británico Glen M.E.
Duerr, da Cedarville University (Ohio, Estados Unidos). Duerr preparou
unha análise sobre os movementos independentistas en España, Reino Unido
e Bélxica, comparando os casos galego-catalán, galés-escocés e
valón-flamenco.
O doutor Duerr, profesor de estudos internacionais no
Departamento de Historia e Goberno, e experto en movementos
nacionalistas e independentistas, preparou esta análise para a Midwest
Political Science Association Conference. O traballo ofrece unha visión
de como mudaron nos últimos anos os movementos independentistas de
Gales, Valonia e Galicia —que sitúa como de "segundo nivel" pola súa
intensidade—, para finalmente comparalos e buscar correlacións con
fenómenos similares en Escocia, Flandes e Cataluña, que cualifica de
"primeiro nivel".
O obxectivo do estudo é analizar o impacto dos
movementos secesionistas de "primeiro nivel" nos "de segundo nivel", no
canto de facer unha investigación global de todos os niveis dos
movementos independentistas, segundo o propio autor.
O CASO GALEGO
No seu traballo, Duerr fai unha primeira aproximación
descritiva ás distintas realidades nacionais que analiza. No caso de
Galicia, o autor fala dunha "posición xeográfica interesante",
xa que "ten moito en común con Portugal pero, doutra banda, tamén
comparte moito con Cataluña e o País Vasco como nacións históricas na
periferia de España". Estes factores, segundo Duerr, son determinantes
na configuración da vida política galega, "xa que existen movementos para: a) manterse con España, b) separarse e crear un Estado independente, e c) unirse a Portugal".
"O movemento independentista galego é menos intenso e menos coñecido que os de Cataluña e País Vasco, pero as condicións subxacentes teñen similitudes", di.
O politólogo lembra, debullando brevemente a
historia, que "Galicia tivo o seu propio reino, e máis tarde oscilou,
case coma un péndulo, entre os reinos de Castela e León, antes de formar
parte de España", máis conservando unha lingua e cultura propias e
distanciada xeograficamente do centro político, Madrid, o que "agrava o
problema", segundo o investigador.
Se ben o profesor recoñece que "os estudosos difiren
en canto a se estas comunidades autónomas —como a galega— proporcionan
estruturas de goberno federal en España, ou se Madrid é o poderoso
centro dun Estado unitario", destaca que "o parlamento na capital de
Galicia, Santiago de Compostela, ofrece polo menos a base dun órgano de
decisión autónomo".
O investigador tamén recorre, como un elemento clave,
á consideración que a Constitución española lle dá a Galicia como
"nación histórica", xa que "isto proporciona a Galicia algúns poderes
reservados en termos de protección da lingua galega e do patrimonio
cultural propios".
Tirando do fío da Carta Magna, Duerr introduce unha
cuestión polémica para os defensores da unidade de España: segundo este
autor, se ben é certo que "a Constitución de España prohíbe a secesión,
do mesmo xeito que calquera documento, a Constitución está suxeita a
modificacións", que abrirían a porta á independencia de Cataluña e País
Vasco, onde o independentismo está máis consolidado, e logo á de
Galicia, "que podería seguir estes exemplos e declarar a independencia",
di o autor.
"En xeral, o movemento independentista galego é menos intenso e menos coñecido que os de Cataluña e País Vasco, pero as condicións subxacentes teñen algunhas similitudes. Por exemplo, a lingua galega
é inintelixible para o español castelán, e como coas linguas vasca e
catalá, vese, polo menos polos partidarios da independencia, como o
suficientemente diferente para apoiar a causa da secesión", argúe Duerr.
PARTIDOS POLÍTICOS
Duerr destaca na súa análise o papel que xoga o Bloque Nacionalista Galego (BNG)
como "principal partido político a prol da independencia", e que
compara co Plaid Cymru galés (PC): "Como o PC, o BNG loitou por gañar o
apoio de máis do 25 por cento dos votantes, e con frecuencia atopouse
entre o 10 e o 20 por cento. Tamén, como o PC, foi arredor do ano 2000
cando o BNG tivo máis éxito electoral", escribe Duerr, quen confronta os
casos galego e galés co de Valonia, "que non ten ningun partido
independentista importante".
O profesor británico lembra que nas eleccións ao
Parlamento Europeo de 1999 o BNG acadou "case o 22 por cento dos votos"
emitidos en Galicia; xa en 2000, conseguiu os seus mellores resultados
nunhas eleccións xerais en España, "cun 18,5 por cento", e nas eleccións
parlamentarias de Galicia de 1997 e 2001 conseguiu o apoio "do 22 ao 25
por cento dos votantes".
Duerr tamén menciona "pequenos partidos independentistas en Galicia" integrados na coalición Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), da que destaca a ANOVA-Irmandade Nacionalista,
"un partido político que apoia a independencia de Galicia á vez que
mantén un equilibrio con outros partidos que non comparten o mesmo
obxectivo final". Duerr lembra ademais que "AGE quedou en terceiro lugar
nas eleccións galegas de 2012, un posto por diante do BNG".
Na análise tamén hai espazo para "novos partidos" como Compromiso por Galicia (CxG),
que "se describe a miúdo como nacionalistas «brandos», ao querer moita
máis autonomía para Galicia no marco dunha España plenamente federal e
plurinacional", salienta o profesor británico, que engade: "Por suposto,
dentro de CxG hai unha variedade de posicionamentos sobre tema, pero o
partido non se comprometeu plenamente coa independencia da mesma maneira
que o fixo o BNG". Duerr recorda ademais que CxG "gañou só o un por
cento dos votos" nas autonómicas de 2012.
A partir deste debuxo, o investigador pregúntase se
hai algunha relación causal entre o aumento do movemento secesionista
catalán co caso galego. "A evidencia suxire que o nacionalismo galego é
moito menos intenso que noutras partes de España", se ben se mantén unha
base independentista importante, segundo este profesor.
"O apoio dos votantes pola independencia mostra que o movemento independentista galego quedou estancado, mentres que o apoio á secesión catalá creceu".
COMPARACIÓNS
Duerr compara o "aumento na última década" do
movemento secesionista de "primeiro nivel" en Escocia, Cataluña e
Flandes, coas distintas reaccións que emerxeron en Gales, Galicia e
Valonia. Valéndose de estatísticas dos resultados dos partidos
independentistas en comicios rexionais, estatais e europeos, observa que
"en Gales houbo un movemento cara á
secesión por parte do PC", pero en termos de apoio este partido
"mantense estancado, co apoio de 1 de cada 5 votantes, aproximadamente".
No caso de Escocia,
salienta o crecemento do Scottish National Party (SNP) dende 1945 até os
comicios de 2007 e 2011, nos que "obtivo moito éxito". Porén, este
triunfo do independentismo escocés "non se viu reflectido" en máis
apoios ao PC na veciña Gales.
O profesor da Cedarville University observa un comportamento similar nos casos de Cataluña e Galicia:
"A medida que o secesionismo en Cataluña progresou co crecemento de
Converxencia i Uniu (CiU) e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), o
apoio ao BNG non creceu a niveis similares", explica. Duerr tamén
subliña que malia a escisión en CiU —disolta en Converxencia Democrática
de Catalunya (CDC) e Uniu Democràtica de Catalunya (UDC), "o movemento
de independencia catalán non se disipou"; todo o contrario, atopou un
novo piar no acordo entre CDC e ERC, baixo o nome Junts Pel Sí.
Aínda que Duerr recoñece que "unha comparación
directa entre Galicia e Cataluña é un reto", defende que "existen puntos
de comparación que se poden facer". Así, confrontando o caso galego co
catalán, o profesor británico comenta que "o apoio dos votantes pola
independencia mostra que o movemento independentista galego quedou
estancado, mentres que o apoio á secesión catalá creceu".
Por último, en Valonia
o movemento independentista "non parece aumentar", mesmo a pesar dos
éxitos electorais do partido ultradereitista Vlaams Belang (VB) en 2004 e
do conservador Nieuw-Vlaamse Alliantie (N-VAI) en 2010 e 2014 no veciño
Flandes.
"O apoio a partidos independentistas nunhas partes do país non se correlaciona cun maior apoio a partidos secesionistas noutras parte do país", conclúe.
CONCLUSIÓNS
Na súa análise, Duerr conclúe que o aumento do
movemento independentista nas nacións de "primeiro nivel" —Cataluña,
Escocia e Flandes— non influíu nas realidades políticas das de "segundo
nivel" —Galicia, Gales e Valonia—. "É prudente concluír que a existencia
de partidos independentistas e o apoio de votantes a estes nunhas
partes do país non se correlacionan cun maior apoio aos partidos
políticos secesionistas noutras partes do país", considera Duerr, que
prosegue: "A axitación secesionista nunha rexión non deu lugar a cambios
similares nos votantes doutras partes. Mentres
que o desafío á integridade territorial do Reino Unido, Bélxica e España
aumentou en Escocia, Flandes e Cataluña, non se viu un maior apoio en
Gales, Valonia e Galicia".
Con todo, o autor plantexa que malia que "non hai
evidencias" de contaxio, "mesmo se o secesionismo se volve menos
apetecible en Escocia, Flandes e Cataluña, un escenario cun aumento da
intensidade destes movementos en Gales, Valonia ou Galicia deixaría a
Reino Unido, Bélxica e España no mesmo dilema sobre os movementos
independentistas".
--------------------------------------
Glen M.E. Duerr. "Second-Tier Secessionism in Europe:
How Has Support for Independence in Wales, Wallonia, and Galicia
Changed with Increasing Claims in Scotland, Flanders, and Catalonia?"
Midwest Political Science Association Conference (2016)." (Galicia Confidencial, 10/06/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario