19/9/16

A Xunta explica que haxa subvencións para previr o lume resoltas tras arder o monte

"As axudas para silvicultura convócaronse en 2015 e resolvénse agora, durante a campaña electoral. O Goberno di que foi debido ao elevado número de solicitantes, entre outros factores. 

 A Consellería de Medio Rural responde a información adiantada por GC, segundo a cal concedeu axudas para previr incendios en montes que xa arderon. A Xunta non contradí ningún dos puntos publicados por este xornal, pero explica os motivos de que as subvencións de silvicultura se concedesen agora -en época electoral- malia seren convocadas en 2015 e relativiza o impacto dos 9 meses que tardou en resolver a burocracia.

Así, a Consellería argumenta que se trata “da primeira orde destas características que se publica ao abeiro do novo Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, polo que foi preciso adaptar a súa tramitación ao establecido por este PDR, o que provocou que se dilatara o proceso”. 

Ademais, asegura que tardou tanto en resolver non por cálculos electoralistas senón porque recibiu moitas solicitudes, unhas 1.000, das que di aprobou 400. “Hai que ter en conta que de cada expediente houbo que solicitar información complementaria e que é preciso o control previo, sobre o terreo, por parte de dous funcionarios”, argumenta.

Xustifica esta lea burocrática o feito de que as axudas estean resoltas para montes subvencionados puidesen ter ardido xa neste verán?  En opinión da Xunta, o problema non é tal pois “dos 400 expedientes aprobados, arredor do 80% estiveron en condicións de comezar as actuacións xa en xuño, unha vez recibida a comunicación expresa de que podían levalos a cabo (tras a preceptiva comprobación in situ)”.

Isto implica que a Xunta admite entre liñas que o 20% dos subvencionados, polo menos, non estaba en condicións de facer os traballos -como cortalumes- a tempo de que empezara a tempada de incendios. 

Seguramente a algún beneficiario desta liña para traballos de silvicultura lle pasou o mesmo que a mancomunidade de montes de Arbo. Estes comuneiros  denunciaron publicamente que recibiron axudas para prevención -a través doutra liña de subvención tamén convocada en 2015, pero non resolta até xullo- pero o monte ardeulle antes de que poideran executar os traballos. 

En todo caso, Medio Rural relativiza o problema de que haxa subvencionados que agora non saben que facer cos cartos públicos porque o monte xa lles ardeu.  “Hai 2 millóns de hectáreas forestais, e a inmensa maioría delas segue en condicións e tendo que seren xestionadas”, explican dende San Caetano."                  (Galicia Confidencial, 14/09/16)

No hay comentarios: