"Erva e Luita Verde acaban de organizar a primeira
reunión de 20 colectivos para formar unha rede contra a
eucaliptización. Falamos cun dos seus promotores, Pedro Alonso, sobre
como pensan meter presión á Xunta e aos concellos. Tamén abordamos,
entre outros temas, a moratoria en Portugal e o “lobby” que une a ENCE
con exministros e exconselleiros. (...)
Na reunión de Moaña este sábado os organizadores din participaron uns 20 colectivos. Podería enumear cales foron exactamente?
Ademais dos dous colectivos convocantes, houbo colectivos de ámbito
local, que abandeiran pequenas loitas ou focalizan o seu traballo en
aspectos concretos, ecoloxía, cultura, patrimonio.
Entre estes
colectivos estiveron presentes representantes da Irmandade Illa de
Tambo, Salvemos Monte Ferro, A Ría non se Vende, Adenco, Amigos do
Morrazo Verde, Asociación Cultural O Millo Corvo, Asociación Cultural
Rialdarca, Salvemos o Monte Pituco, Natura Céltica, Asociación de
Proprietarios de Montes do Morrazo e da Plataforma pola Defensa dos
Montes do Morrazo. A nivel de asociacións e organizacións de ámbito
galego estiveron a Organización Galega de Comunidades de Montes
Viciñais, ADEGA, Sindicato Labrego Galego e Sociedade Galega de
Ornitoloxía. (...)
Cal vai ser a súa estratexia a nivel institucional?
A idea é meter presión como nunca ata o de agora a nivel institucional
autonómico, non vamos ocultar que isto é un dos obxectivos principais.
Mais tamén é pór na axenda social, no día a día, a necesidade de que a
xente pense con outro código as súas decisións respecto ao monte ou as
terras agrarias.
O Concello de Poio xa aprobou por unanimidade unha declaración
na que se pide a declaración do eucalipto como especie invasora e
exótica. Planean tentar que outros municipios adopten unha postura
similar?
Desde logo, a vía das mocións municipais ten potencial e así se ten
visualizado en Poio. Trátase dun instrumento atractivo, no plano
argumental e na activación do debate social a nivel local. Esas cousas
están ben.
Tamén aspiramos a colocar o problema en escenarios habituais,
na rúa, no monte ou no medio dunha ría, alá onde se poidan visualizar
alternativas para este país distintas ao que supón estar debaixo da bota
dunha multinacional pasteira.
A Xunta debería presentar en breve un novo Plano Forestal que
se agarda inclúa algunhas restricións a plantación de eucaliptos. Debe a
Administración Galega seguir un camiño similar a Portugal, onde se
decretou unha prórroga pola que non se pode plantar eucaliptos en novas
zonas?
Non plantar eucaliptos en novas zonas supón unha ruptura da
continuidade mais non cuestiona a preponderancia do modelo político,
onde un goberno elixido democraticamente abdica de exercer a soberanía e
a competencia e actúa asumindo as eventualidades e necesidades dunha
multinacional .
Non serve deixar de plantar eucaliptos en novas zonas.
Queremos que o eucalipto desapareza de moitas miles de hectáreas deste
país, onde nunca se debeu plantar e onde hai alternativa para outras
especies forestais e mesmo para outros usos, tradicionais moitos deles.
Polo contrario Adega, Amigos da Terra, APDR, Apropiga, CIG,
Comité en Defensa do Monte Galego, FEG, Fruga, ORGACCMM, Ovica, SLG, SOS
Coello de Monte e Unitega xa alertaron que o Plano responderá aos
intereses das empresas. Até que punto que a política da Xunta sobre o
eucalipto está condicionada polo feito de que un ex-conselleiro de Medio
Ambiente (CArlos del Álamo) e unha ex-ministra de Medio Ambiente
(Isabel Tocino) se sente no seu consello de administración?
Que sente ou non un exconselleiro e unha exministra no consello de ENCE
non é máis que a expresión do poder do lobby monte-industria que pivota
sobre esta multinacional. O problema é que se deixasen de participar se
resentiría a engranaxe que leva funcionando e operando no control de
centos de miles de hectáreas de monte neste país, movendo miles de
millóns en materia de extinción de incendios ou xestión forestal,
controlando emprego rural, votos e vontades de medio país.
A ningunha
das partes implicadas lle interesa fracturar esta alianza. E acontece
que vai medrando o barullo contra o feito de que nos goberne un lobby e
que o país se desangre económicamente, se degrade a súa ecoloxía e o seu
patrimonio e, o peor de todo, que o noso medio rural perda vitalidade e
estea a cada paso máis debilitado.
Se ENCE non estivera en Lourizán, habería tanto eucalipto en Galicia?
Non sei, nun radio de 500km ao redor do país hai outras cinco
celulosas. Pero é óbvio que o asentamento industrial conleva a
aplicación dun proxecto forestal. Pasou aquí e pasou no Uruguai, onde a
eucaliptización progresa de forma lamentábel, impulsada por un goberno
que se di de esquerdas.
O que a xente costuma ignorar é que cando ENCE
se instala en Lourizán o seu proceso industrial depende de madeira de
piñeiro. No momento en que ENCE adopta o eucalipto, desprega unha
estratexia poliédrica que conduce ao esfarelamento dos aserradoiros de
piñeiro, ao desprazamento desta especie nos montes e á súa sustitución
polo eucalipto, consolidándose en comarcas enteiras como único referente
forestal e industrial, non hai máis que ir a concellos como Trabada e
mesmo Viveiro.
Como intentaría convencer a un propietario dun monte de que non
plantara eucalipto? Ao fin e ao cabo, todos o fan, e é unha árbore de
crecemento rápido que nunhas décadas pode aportar uns ingresos, non
moitos, pero máis que deixar as leiras abandonadas …
Pois se che son sincero, encóntrome frecuentemente con esa situación e
non oculto a miña aversión a esta especie na nosa terra. Normalmente,
dada a consideración xeral do eucalipto como árbore que podes vender,
que che reporta uns ingresos e que representa unha garantía no
investimento, pois é difícil convencer a ninguén, tras gastar demasiadas
enerxías en tentalo.
Desde logo, no tocante ás terras agrario, a
elección de eucalipto é un erro clamoroso. Quen plante eucalipto no seu
prado debe saber que, ademáis de ilegal, é contraproducente, porque está
a alimentar un exceso de oferta de materia prima que vai ocasionar, no
futuro próximo, unha caída brutal nos prezos, manexados seguindo a
estratexia empresarial de Norfor, a filial forestal de ENCE. Aquí vale o
de “prefiro plantar chícharos a ser un monicreque de ENCE”.
Pero como
isto é un problema político, é un problema de masa crítica, hai que
facer presión nas esferas políticas e institucionais e que quen goberne
contrarreste ese escenario favorábel ao eucalipto, estableza directrices
de ordenación e restricións de usos, prioridades silvícolas ou doutro
tipo de aproveitamentos en determinados montes, liñas de crédito ou
adiantamento de rendas para quen decida investir en especies autóctonas
de madeiras de calidade, favorecer a industria baseada nestas especies,
transformar a estrutura de propiedade, impulsando o asociacionismo e a
xestión común das terras.
En definitiva, tratar de convencer a unha
persoa que ten monte sen meter presión onde hai que meter presión é como
disparar ao ceo. E levamos anos facendo-o. (...)" (Galicia Confidencial, 13/03/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario