"Unha primavera moi cálida e moi seca, máis do habitual.
Os efectos do cambio climático levan aquí bastante tempo, pero
acentúanse co paso dos anos. As estacións adiántanse na súa chegada, o
verán e o inverno predominan e as chuvias son cada vez máis concentradas
en menos días.
O balance que a delegación galega da Axencia Estatal de
Meteoroloxía (Aemet) vén de facer da primavera pasada no país confirma
todas as advertencias e todos os perigos, incluíndo récords que ameazan
con superarse a cada exercicio: o maio máis cálido e o abril menos
chuvioso desde que se coñecen rexistros foron os deste 2017.
A Aemet lembrou este mércores que o mes de maio pasado foi
"extremadamente cálido" e que a súa temperatura media foi, xunto coa de
1989, a máis alta dos meses de maio da serie histórica, desde 1951. As anomalías positivas por riba de 2º déronse en case toda Galicia
e foi o período do día 21 ao 24 o máis extremo, superándose os 30º de
forma consecutiva en estacións do río Miño en Ourense.
Naquel mércores
24 a barreira dos 30º superouse en case todo o país, alcanzándose os
37,6º en Ourense, os 37,4º en Ribadavia ou os 34,6º en localidades
costeiras como Vilagarcía. Temperaturas propias de agosto pero tres
meses antes.
O feito de que marzo fose tamén un mes cálido e cos termómetros por
riba do habitual e que este abril fose o cuarto con maior temperatura
media da serie histórica fixeron que a primavera de 2017 resultase moi
calorosa no conxunto de Galicia. A súa temperatura media ocupa a
terceira posición da serie e as cifras só foron superadas en 1997 e
2011. Tres marcas en vinte anos.
"A afectación do cambio climático é evidente; desde finais do século pasado e a década dos 80, o verán vaise adiantando un día por cada ano aproximadamente", explica Carlos Balseiro, meteorólogo de 4gotas.
As altas temperaturas de hai unhas semanas certifican esta tendencia.
"Levamos anos así, nos que a finais de maio xa hai temperaturas propias
do verán", insiste quen aclara que a excepción dun ano non ten por que
atribuírse a ese cambio climático, pero tamén que o proceso de aumento
de temperaturas e antes do habitual "leva tempo pasando".
Os datos facilitados pola Aemet ou Meteogalicia sobre a primavera
metereolóxica -que inclúe os meses de marzo, abril e maio- e as súas
temperaturas máximas certifican que "ben seguro foi a máis cálida da
historia". "De ter en conta a primavera astronómica, ata finais de xuño,
non hai xa dúbida ningunha porque este mes tamén foi moi caloroso",
engade Balseiro.
De feito, tal e como destaca a Aemet, a anomalía en xuño está a ser de arredor de 1º máis sobre os valores medios en case toda Galicia,
aínda que as elevadas temperaturas desta última fin de semana fixeron
que a devandita anomalía se aproxime xa aos 2º. Así, as máximas máis
elevadas alcanzáronse neses días 17 e 18: 41 º en Ribadavia, 39.9º no
Barco e Verín, 32.7 º en Vilagarcía ou 29,9º na Coruña.
A mesma auga en menos precipitacións
En canto ás precipitacións, a Aemet destaca que, malia que os meses de
marzo e maio resultaron húmidos -aínda que o de marzo con valores moi
próximos aos normais- as escasas cantidades rexistradas no mes de abril
"fan que poidamos caracterizar esta primavera entre seca e moi seca". De
feito, este cuarto mes do ano foi o máis seco da historia de todos os
meses de abril para o conxunto de Galicia da historia (desde que hai
rexistros en 1951).
Malia que o día 30 se rexistraron precipitacións con valores de entre 20 e 30 l/m2
en 24 horas nalgunhas estacións, o mes de abril foi
"extraordinariamente seco". Por poñer varios exemplos, no observatorio
da Coruña (serie 1938-2017) resultou o cuarto abril máis seco. Nos de
Santiago e Ourense (datos desde 1944 e 1973), o segundo máis seco. No
Aeroporto de Vigo (1951-2017) do mesmo xeito que en Pontevedra e
Lugo-Rozas (nestes casos con series máis curtas) tamén resultou o máis
seco.
As precipitacións superiores aos valores normais e medios en gran parte
de Galicia no mes de marzo, ao igual que en maio achegándose á media,
impediron unha seca histórica nesta primavera, onde no seu final
destacaron as importantes e numerosas treboadas.
Con todo, tal e como advirte Carlos Balseiro, a importante seca que
leva afectando meses a Galicia "non se pode atribuír unicamente aos
efectos deo cambio climático porque ten que ver con algúns outros
fenómenos e algúns deles aínda se están a estudar".
Por exemplo, as
consecuencias do Niño no Pacífico oriental ou un comportamento
moi anómalo no Ártico que fixo que se escapase moito aire frío,
provocando que as borrascas baixen moito máis do normal e acaben
situadas nas Azores sen chegar a Galicia. "Alí a borrasca xira, trae
ventos do sur e aire tropical, o que provocaba que houbese moitos días
de calor en marzo ou mesmo febreiro, pero tamén eses contrastes de
temperaturas e mesmo de días sen precipitacións e logo con abundantes
chuvias".
As consecuencias foron, por exemplo, situacións como as vividas no mes de marzo en Galicia: entre os días 23 e 25 rexistráronse as temperaturas mínimas máis baixas coincidindo con nevadas.
Alcanzáronse -4º en Xinzo e case os 0º en localidades costeiras como
Pontevedra. Tan só quince días antes, en Ourense e Ribadavia alcanzaban
os 30º e en localidades costeiras como A Coruña superáronse os 27º.
Malia que a seca destes meses en Galicia ten moitos fenómenos
causantes, Balseiro si que insiste en lembrar que o que si é evidente
desde hai anos é a concentración de chuvias en menos días durante o ano.
A mesma cantidade de auga nos pluviómetros, pero concentrada en poucas
xornadas, unha consecuencia directa do cambio climático.
"A cantidade de chuvia mantense nos últimos anos -agás neste- pero concentrada en menos días; puidera parecer que iso non é problema ao ser os mesmos litros, pero é claramente negativo e prexudicial:
o chan está máis seco e non aproveita igual a auga, que esvara polo
terreo, acaba no mar ou nos ríos, eleva a temperatura destes... Ademais,
a terra é menos fértil, supón un problema importante para os cultivos e
o terreo é máis propicio para os incendios", destaca.
Os incendios, como o último tráxico de Portugal, son outras das
consecuencias da suba das temperaturas e da seca derivadas do cambio
climático. En Galicia, abonda con preguntar no rural aos máis vellos
para se decatar das mudanzas que no clima se veñen dando e as
dificultades que iso supoñen. Con todo, nos finais deste mes de xuño, as
cousas volverán algo ao rego. A última semana do mes, segundo anuncia 4gotas, choverá bastante días e non haberá calor. Xa non é pouco." (Miguel Pardo | Praza Pública, 22/06/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario