29/4/19

Galicia, un dos poucos fortíns que quedan contra o neofascismo. O PP perde por primeira vez unhas eleccións en Galicia. O PSdeG consegue unha vitoria histórica

 "O PP perde por primeira vez unhas eleccións en Galicia. 

(...) A fragmentación na dereita golpeou a habitual fortaleza do PPdeG, que suma nove escanos e non alcanza os dez, cifra que fora o seu peor resultado histórico. É a primeira derrota do Partido Popular a nivel autonómico desde que se denomina así. Nunca desde 1989 a formación conservadora non acadara o primeiro posto nuns comicios galegos.

 O PSdeG vence con máis do 32% dos votos, dez puntos máis que hai tres anos, e suma dez escanos en Galicia, recollendo votos de ambas beiras e aproveitándose tamén da división no espazo á súa esquerda, pero sobre todo da apelación ao voto útil. En Común-Unidas Podemos obtén dous representantes, un pola Coruña e outro por Pontevedra (...)"             (Miguel Pardo, Praza Pública, 28/04/19)

"O PSOE consegue unha vitoria histórica en Galicia.

 O PSOE gañaría as eleccións xerais en Galicia con case o 85% do voto escrutado. Os socialistas obterían 10 escanos, e o PP baixaría de 12 do 2016 aos 9 de 2019.

Con este resultado, os socialistas acadarían unha vitoria histórica en Galicia que o achegan as mellores épocas do PSOE de Felipe González. Pola contra, os populares recibirían un duro castigo. Baixarían máis de 13 puntos con respecto a 2016.
Pola súa banda, En Común Unidas Podemos obtería 2 escanos. Os electores castigarían tamén a formación de Iglesias en Galicia tras a ruptura de En Marea. Conseguría só a metade dos votos que acadou hai tres anos. Uns resultados que son testemuñais para En Marea.
Pola súa banda, Ciudadanos, con dous escanos, obtería o seu mellor resultado en Galicia. Con dous puntos máis que en 2015, e máis do 10% dos votos, sacarían escano en Pontevedra e A Coruña.(...)"             (Galicia Confidencial, 28/04/19)

 "O BNG só conseguiu 8.000 votos máis que a ultradereita e En Marea, os mesmos que os animalistas de PACMA.

(...)  Co 95% do voto escrutado, o BNG sumaba 89.088 votos (5,75%) e Vox, 81.362 (5,25%). E os nacionalistas galegos non acadan o obxectivo: conseguir representación no Congreso dos Deputados. Con todo, o Bloque duplica os resultados acadados nas eleccións de 2016, pero segue sendo unha forza residual no país, sen capacidade para convencer a un número suficiente de cidadáns para ser unha forza decisiva.

No marco da coalición do BNG con EH Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), a formación galega queda nunha situación de absoluta debilidade. O grupo vasco experimentou unha espectacular suba, pasando de 2 a 5 escanos no Congreso, mentres que ERC sitúase como primeira forza en Cataluña e sobe de 9 a 15 deputados. A intranscendencia do Bloque compromete o seu peso nesa coalición que pactou cos nacionalistas vascos e cataláns.

Os resultados destas eleccións tamén evidencian a hecatombe de En Marea, que queda en estado de coma con apenas preto de 17.000 votos e arredor do 1% dos votos en Galicia; fronte aos case 230.000 votos dos seus antigos socios, En Común Unidas-Podemos, que acadou arredor do 14,5% do votos en Galicia.

Tamén chama a atención que En Marea acadou apenas mil votos máis que o partido animalista PACMA, con arredor de 16.000 apoios."               (Galicia Confidencial, 28/04/19)


"Galicia, un dos poucos fortíns que quedan contra o neofascismo.

(...) En Galicia, Vox quedou como sexta forza política, tan só uns 8.000 votos por debaixo do BNG (co 90% do voto escrutado) e tan só un 5% dos votos.

Estes resultados converten Galicia nun dous poucos fortíns que resisten contra a entrada do neofascismo nas instituticións públicas."           (Galicia Confidencial, 28/04/19)

No hay comentarios: