"Despois de centos de anos, e da man da Ruta do
Viño do Ribeiro, un 'arrieiro' coa súa mula fixo unha representación do
que era a entrada deste ben prezado na capital galega, un ben que
"encheu de riqueza toda Galicia" durante séculos.
O cantar do arrieiro é un cantar moi baixiño
cántano en Ribadavia, resoa no Carballiño
O historiador Xosé Luis Sobrado Pérez ten dito que "o viño do Ribeiro foi o petróleo de Galicia". A súa produción e demanda tanto dentro coma fóra do país foi moi intensa case dende a descuberta
do Apóstolo de Santiago. E detrás deste ben tan prezado atopábase unha
figura fundamental na súa cadea de comercialización: o arrieiro. Era un
oficio duro e escravo: carreaban o viño durante horas con bestas,
cabalos, e sobre todo, mulas que ían en recoa atravesando media Galicia.
Cada arrieiro tiña entre sete e doce animais, e cada animal
transportaba súas sete olas ou pelexos de viño, e cada pelexo contiña
seus 16 litros de viño. Disposta a montaxe, partían dende as terras da
boa uva cara ao lugar onde se había consumir.
Unhas das localizacións xeográficas de maior consumo era Compostela, xa
que o viño estaba moi ligado á clase eclesiástica e esta cidade era o
punto de referencia relixioso. Chova, vente ou faga sol, aquel viño
debía arribar á capital galega. "O primeiro mosteiro da cidade, San Paio de Antealtares,
empeza a promover o viño do Ribeiro para os peregrinos que comezan a
chegar.
A partir de aí todos os estamentos de Compostela empezan a abrir
adegas e granxas", conta o viticultor Antonio Míguez Amil. Así pois,
dende aquela a trasfega de arrieiros seguidos das súas mulas cara a
Santiago era unha imaxe habitual para as xentes dos séculos comprendidos
entre o X e case o XIX.
Non te cases co arrieiro que leva a vida penada
nin oe misa o domingo nin durme soio na cama
A chegada a Santiago era, canto menos, pomposa; e a
Ruta do Viño do Ribeiro quixo reconstruír ese ritual que tantas veces se
ten producido na capital galega. Co obxectivo de salvagardar "a memoria
histórica", despois de centos de anos, un 'arrieiro' acompañado do seu
'fillo' e da súa mula volveron entrar pola Porta de Mazarelos. Esta
representación permitía ver de primeira man os tratos dos comerciantes
co coengo, que tamén se atopaba na praza mesma.
Naquela época, todas as grandes ordes relixiosas e casas fortes de
Galicia tiñan unha adega no Ribeiro. "Moitos mosteiros xa tiñan
contratados os seus propios arrieiros durante todo o ano, así que os
mandaban ir á granxa, alí collían os pelexos e ao chegar entraban por
esta porta", relata Antonio sinalando o Arco de Mazarelos,
na Praza de Mazarelos de Santiago.
Ese acceso á cidade era daquela a
porta do viño. Por aquela porta, moitos anos atrás, pasaron centros de
pelexos de viño durante séculos. Aí mesmo era onde se lle pagaba ao
oficial do gremio de mercaderes do viño da cidade, a non ser que se
tratase dun encargo especial para o arcebispo. Nese caso o arrieiro
arranxaba a paga co coengo.
O cargo eclesiástico era o encargado de verificar a autenticidade do viño
que entraba por Mazarelos e de tratar o prezo co comerciante. Unha vez
amañados os trámites, "os pelexos ían parar aos almacéns que tiña a
catedral, os coengos, os abades, os dominicos... e a veciñanza que tamén
tivera granzas", prosegue Antonio. "De aí pasábase ás pipas, que se
coñecían como pipas de Pondevedra ou de Ribadavia". O viticultor conta
que a propiedade de viño máis importante que tivo a catedral en toda a
cristiandade estaba no Ribeiro.
"Era unha granxa bastísima". Cando tiña
excedentes vendía para os peregrinos ou ao exterior mendiante os portos
de Noia, que tamén eran propiedade dela.
O prezo do viño do Ribeiro sempre era o referente, pero a oferta era
ben máis ampla. Coma todo, dependía da época e das modas. Segundo
Antonio, "había etapas de máis demanda de brancos e outras de máis
demanda de tintos. No século XVII, XVIII e XIX o tinto tiña máis
predicamento ca o branco".
Sexa como for, o viño era un produto estrela,
importantísimo na historia do noso país. "Hai moita xente que non sabe
que as partidas das grandes obras de Compostela - os grandes
mosteiros, a Catedral... - se encheron grazas á venda do viño do
Ribeiro. E tamén en Pontevedra. Se colleses a un home do XVII
diríache: 'vaia, home, se me falta o viño de Ribadabia, é como se me
faltara a vida!'".
Lévame no carro leva, arrieiriño das uvas
lévame no carro leva, comerei das máis maduras
O arrieiro, xa que logo, converteuse nunha figura histórica, nun dos
oficios máis importantes da tradición. Tiña sona de home solitario, mais
o certo é que tamén atopaba maneiras de amenizar as súas longas
andainas. Os cantos dos arrieiros son dos máis coñecidos na historia
popular do país.
Normalmente son lentos porque eles os acompasaban co
son das súas carretas ou co andar das súas mulas. Levados polo son das
palabras, estes homes percorreron o territorio de arriba a abaixo, e
coñecidos e recoñecidos no seu momento, transportaban ese ben estimado
que "encheu de riqueza toda Galicia".
Se queredes que isto rache
dar de beber aos gaiteiros
unha fechiña de viño
e que sexa do Ribeiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario