"Tras un sexenio máxico no que a animación se converteu na marca
internacional do audiovisual galego, con cuantiosos beneficios nas salas
e premios nos máis recoñecidos certames mundiais, o sector derrúbase, á
beira das lindes do esquecemento.
Os recortes na cultura, a falta de
apoio institucional e dunha política clara para o audiovisual son as
claves para entender a migración masiva de técnicos galegos cun
recoñecemento que supera, con creces, as fronteiras nacionais.
Tras a desaparición da histórica Dryga, da que naceran xoias coma O bosque animado
e a saída a concurso de Continental e Bren, o selo de animación de
Filmax na Galiza, o sector tenta sobrevivir, adoecido pola falta de
proxectos e apostas en firme. Artefacto, Perro Verde, Limaia, Abano e
Otiiplanet son só algúns dos nomes das produtoras que capean a treboada,
tentando esquivar o naufraxio.
Fernando Cortizo, multipremiado director de O Apóstolo e
fundador de Artefacto Producións, lamenta que “despois de seis anos de
esplendor, se permita que tantos talentos saian do país” e matiza que “a
crise da animación non radica soamente nunha cuestión de fondos, senón
na falta dun apoio institucional que non mantivo a intención de avalar o
sector”.
Con el coincide Alfonso Pato, director do Festival de Cans que
denuncia o esforzo realizado para converter a animación galega nun
sector punteiro dentro da industria cinematográfica internacional. “Toda
a bagaxe e o investido en formar as novas xeracións, xa que a animación
ten moito de investigación, vaise diluíndo coa saída duns técnicos
cunha formación privilexiada; cando o goberno reaccione, terase que
partir de cero”, reflexiona.
Nesta mesma liña, Chelo Loureiro, antiga directora de Continental e, a
día de hoxe, o leme de Abano Producións, reivindica unha “política seria
e comprometida para o audiovisual galego”. (...)
O festival de Cans, que este ano celebra o seu décimo aniversario,
integrou dende os seus albores unha sección adicada á animación. Afirma o
seu director, Alfonso Pato, que, tras os primeiros visionados, pode
garantir que esta nova edición contará cun “alto nivel” no que respecta
ás curtas animadas.
No entanto, chama a atención sobre o feito de que,
para manter viva a sección, houbo que permitir participar non só ás
producións galegas, senón tamén aos traballos de galeg@s que residen
fóra do país. “É paradoxal que, para coñecermos a existencia dest@s
nos@s compatriotas, tivesen que saír da Galiza para que o seu traballo
sexa recoñecido”, lamenta.
Doutra banda, destaca o fenómeno en alza d@s
animadores “francotiradores”, freelance no argot do sector,
como alternativa ao traballo das produtoras que, segundo Pato, procuran
outras vías de financiamento máis instantáneas do que a animación, que
“exixe un longo proceso de produción”.
Outros certames procuraron, doutra banda, converter Galiza nun punto
de encontro de películas animadas a nivel mundial, coma é o caso de
Animacam. Dende Limaia, Xosé Lois Carneiro, director do festival
internacional de curtas de animación, fai fincapé no “risco persoal” que
carrexa manter en pé un certame sen ningún tipo de axuda pública e no
que, os patrocinadores privados, só cobren os custos dos premios.
Con
todo destaca como, nesta quinta edición e por mor da gravidade da
situación económica, “os participantes entregáronse máis ca nunca con
máis de 300 propostas chegadas dos cinco continentes”, contando con
proxectos coma Head Over Hill de Timothy Reckar que logrou unha
candidatura aos premios Óscar.
Amais dos habituais votos dos
internautas para seleccionar o mellor director, o Animacam integrou
nesta nova edición unha presenza física, onde os asistentes ao MACUF da
Coruña puideron elixir a mellor película.
Conta Fernando Cortizo que, na véspera do estreo de O Apóstolo,
programado en 80 salas de todo o estado español, “avisáronos de que
finalmente só se exhibiría en 23 por falta de espazo”.
Deste xeito, o
primeiro filme europeo que usaba a técnica de animación en stop motion
estereoscópico, ficaba fóra das carteleiras de cidades claves coma
Barcelona, Bilbo ou Sevilla e, no caso de Madrid, limitábase a súa
presenza aos arrabaldes. “As majors americanos boicoteáronos
nas salas por non irmos avalados por unha multinacional”, denuncia
Cortizo, “polo que os resultados das billeteiras foron moi maos”.
Neste senso, Chelo Loureiro manifesta que “o estado debería protexer a
produción audiovisual propia”, tal e como sucede noutros países como
Francia e Alemaña. “A cultura é un ben universal que, como a educación e
a sanidade, está ao servizo da cidadanía e, como tal, debería ser
protexida polas administracións”, declara a directora de Abano
Producións.
Convencida de que “tras Cataluña e Madrid, Galiza é a
comunidade autónoma na que os técnicos do audiovisual están mellor
formados a todos os niveis”, a produtora chama a combater “esta apatía
política”. Tal e como salienta Cortizo, “o audiovisual, en xeral, e a
animación, en particular, xa fai parte da nosa cultura como galeg@s é,
como algo que nos pertence, temos de protexelos”. (Sermos Galiza, 27/03/2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario