"Pouco antes do verán naceu Querido Caseiro,
unha conta de Instagram nacida para contar as "historias de terror" de
pisos alugados por mozos e mozas, como denuncia das malas condicións dos
inmobles e da indefensión que en moitas ocasións sofren os inquilinos e
inquilinas.
Moi pronto comezou a recoller testemuños de estudantes de toda Galicia sobre as súas experiencias, relatos de tuberías atascadas, fiestras rotas, humidades, electrodomésticos defectuosos, fauna diversa (ratos, cascudas...) e sobre caseiros e caseiras non excesivamente dispostos a solucionar estes problemas ou con escaso respeto á intimidade dos e das residentes. Tamén sobre dificultades para recuperar as fianzas ou subas inesperadas nos prezos dos alugueiros.
O
grupo de estudantes que impulsou esta iniciativa que recolle as
historias doutros mozos e mozas pasaran tamén por situacións similares.
Bruno, por exemplo, conta que hai dous anos vivira "nun piso cheo de
humidade ao que non podía convidar xente que tivese problemas
respiratorios e no que aparecía mofo nos mobles e aparellos electrónicos
durante a fin de semana".
A denuncia deste tipo de situacións,
que sofre dende hai décadas o estudantado (e en xeral a maior parte dos
mozos e mozas e as persoas con recursos económicos limitados), chega
ademais nun momento non que o prezo dos alugueiros está a crecer de forma moi importante en todas as cidades galegas, sobre todo nos barrios máis céntricos.
En paralelo, en cidades de todo o Estado, tamén en Vigo e A Coruña,
están a formarse asociacións de inquilinos e inquilinas para a mellor
defensa dos seus dereitos e para fornecer de información a todas as
persoas afectadas. Falamos con Bruno, un dos impulsores de Querido Caseiro.
¿Como xurdiu a idea de abrir a conta de Instagram e recompilar estas historias?
Querido Caseiro xurdiu, en primeiro lugar, da nosa experiencia propia
e a da xente dos nosos círculos. Despois de anos vivindo e escoitando
toda clase de barbaridades sobre a enorme precariedade dos pisos e
residencias de estudantes (e mesmo de xente que xa está no mundo
laboral) démonos conta de que, lonxe de ser excepcións, eran cuestións
puramente sistemáticas. Atopamos inspiración en contas do estilo, como @Chapuzas.USC, que denuncia o malestar das infraestruturas da Universidade de Santiago, ou @trabajosruineros, a nivel estatal, que expón as condicións de precariedade ás que se enfrontan as traballadoras.
Cal é o obxectivo de Querido Caseiro?
En
primeiro lugar, procuramos sensibilizar a poboación en xeral e o
estudantado en concreto arredor da cuestión da vivenda e dar conta de
que se trata dun problema estrutural nos tempos actuais, moi lonxe de
ser un conxunto de casos illados. Quixemos dar á conta un ton
desenfadado e mesmo cómico, coa finalidade de chegar a un público maior e
conectar de mellor xeito con quen sofre, coma nós, a precariedade na
vida e na vivenda.
En segundo lugar pensamos que é preciso que
quen nos vemos afectadas por estas problemáticas creemos comunidade e
organicemos a resposta á situación mediante a denuncia, a concienciación
e, en última instancia, o traballo militante nos campos en que sexa
preciso.
Falta información sobre os dereitos que ten un inquilino e sobre a forma en que pode facelos valer?
Si,
isto vímolo todas nós desde que comezamos os nosos estudos fóra das
nosas residencias familiares e agora vémolo máis que comprobado ao
poñernos en contacto co resto do estudantado galego. Temos o propósito
de realizar un traballo de divulgación sobre este tipo de cuestións
agora que temos unha audiencia relativamente numerosa.
Credes
que o estudantado, a mocidade e, en xeral, as persoas que viven de
alugueiro, deberían organizarse para evitar estes e outros abusos?
A
miña opinión persoal é que si, a única resposta útil ao forte embate do
Réxime actual e á enorme precarización á que nos vemos sometidas é a
organización, vencellada sempre á formación e o estudo da realidade en
que vivimos. En Querido Caseiro queremos servir de altofalante, mais a
única vía para que as nosas protestas poidan cristalizar en solucións
reais é a da loita consciente, organizada e unitaria.
Notades cambios nos últimos tempos no mercado do aluguer? Nótanse os efectos da suba de prezos?
Si,
claro. A suba de prezos do vindeiro ano Xacobeo xa comeza a notarse
agora e existe unha preocupación xeral sobre o que virá no próximo
curso. Nos máis dos casos, a suba de prezos tradúcese na necesidade de
deixar de lado actividades extracurriculares que contribúen á nosa
formación, descoidar a nosa saúde pola imposibilidade de exercer segundo
que deportes ou alimentarnos de xeito máis precario ou, simplemente,
renunciar ao noso tempo de ocio e descanso, que cada vez nos é máis
necesario, por ter que compaxinar o traballo cos estudos.
Deberían poñerse en marcha accións decididas (medidas legais,
algún tipo de vixilancia sobre os abusos) para evitar que pasen estas
cousas, para garantir vivendas dunha calidade mínima a prezos
aceptables?
Por suposto. Sería preciso revisar a
lexislación en materia de alugueiros e que a Administración fose quen de
intervir en favor de pisos accesibles para todas as estudantes e nas
condicións de habitabilidade que, polo menos, aseguren unha vida
saudable. A día de hoxe temos a sensación de que case se nos castiga por
querer estudar.
Querido Caseiro en cinco testemuños
- "Pagamos 750 euros por un piso no que se estropeu a lavadora. A caseira díxonos que "xa lavou bastante" e que tiñamos que arranxala nós. Para máis inri, xa é a segunda vez que temos que durmir fóra porque a electricidade deixa de funcionar e temos que estar, literalmente, a dúas velas".
- "A nosa caseira ven todas as mañas as 9/10 a ver cómo está o piso e o único que fai e coller a louza que temos no fregadeiro e tirala a Unha tina. Non temos vasos xa, os rompe todos ao tiralos".
- "Vivíamos nun piso no que apenas entraba a luz do día e como consecuencia habia moitísima humidade. Ao principio só se me estropeara o ordenador, que debido a esa humidade deixou de funcionar e tiven que mercar un novo. Co paso dos meses tiven un problema de pedras no riñón e o médico díxome que o máis probable era polas condicións nas que viviamos nese piso"
- "Cando o tipo foi revisar o piso dixo que todo estaba perfecto e que non había ningún problema. Sen embargo, cando tocou cobrar a fianza, deixou de respondernos ás chamadas. Falamos ca Inmobiliaria, e ao parecer o tío dicía que gastara todo o diñeiro en limpeza e reparacións, que non nos quería devolver nin un céntimo e que non nos dirixiramos a el"
- "No noso piso deste ano tivemos que aguantar tuberias atascadas que provocan inundacións no baño e a cociña, ventás rotas pegadas con celo, unha lavadora que deixou de funcionar a metade de curso... Ademais de fugas de gas frecuentes para as que a única solución que ofrece a caseira é "limpar mellor a cociña" e apagóns de luz periódicos que nos deixan horas sen electricidade." (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 22/09/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario