"Coñecemos a Manolo Díaz no seu taller, en Monforte.
Ao entrar case non o vemos rodeado de tanta bicicleta como alí ten.
Tiñamos oído falar del por terceiros e por publicacións nas redes
sociais pero alí en persoa as intuicións confirmáronse, neste caso para
ben.
Descubrimos
que é un tipo vital e demóstranos con evidencias que a paixón pola
bicicleta venlle xa de neno, paixón que non perdeu nin perderá. Segundo
nos conta xa arranxaba bicicletas en Barcelona con 13 anos e tiña claro
que o seu futuro pasaba por dedicarse en corpo e alma a este mundo.
No 1978 empezou a gañarse a vida reparando bicis pola súa conta e ata hoxe.
Antes de trasladarse a Monforte contactou alí coa Cooperativa Integral,
dedicada á divulgación ecolóxica, e propuxéronlle comercializar as
bicicletas que facía; e velaí a orixe do nome comercial actual do seu
negocio, Bicicletas Integral.
Entre as curiosidades que nos conta, mencionar que deseñou e
construíu un tándem por encargo para o corredor monfortino da ONCE,
Pablo Rodríguez, e con ela participou nas olimpíadas de Atlanta do 1996.
A raíz deste encargo a propia ONCE encargoulle máis tándems para o
equipo. E outra tamén digna de mencionar, Manolo é o actual campión nacional de montaxe de rodas macizas.
Obtivo este recoñecemento no ano 2017 coa mellor marca -o máis rápido- e a mellor montaxe na Feira Internacional da Bicicleta UNIBIKE.
Como non se fixeron máis competicións deste tipo estes dous anos
presume de seguir coa marca e o certitificado de campión nacional.
Coñecemos máis detalles de Manolo con preguntas un pouco máis concretas e
directas.
-Como viñeches dar a Monforte e canto tempo levas aquí?
-Xa hai 32 anos que vivo aquí en Monforte. Como me gusta dicir a min
“eu son nacido emigrante”. Os meus pais eran de dúas aldeas de Monforte,
e víronse obrigados a emigrar, coma tantos outros, pola miseria
existente e, por suposto, polo exceso de miserables. Da miseria sáese,
con esforzo e tesón sáese, dos miserables a única saída é marchar.
-Foron difíciles os primeiros anos en Monforte?
-Non moito porque mantiven a clientela que tiña de antes a nivel
nacional e seguía anunciándome nunha revista que facía unha cooperativa
coa que estiven en contacto en Barcelona. Aínda lembro daquela como tiña
que embalar e empaquetar as bicicletas e mandalas pola RENFE.
-E a clientela de Monforte e contorna foi chegando?
-Si, pero moi pouco a pouco. En Monforte hai moi pouca afección á bicicleta,
non temos carrís bici na cidade e hai moi poucas en proporción aos
habitantes e ao chairo que é o Val de Lemos. A xente que chega aquí de
fóra queda moi estrañada neste sentido, tendo todas as condicións a
favor o uso da bicicleta é anecdótico.
-Segues sendo ‘o catalán’ ou xa presumes de ‘galego’?
-De galego xa presumía lonxe de aquí. As últimas xeracións nadas
nestes 32 anos, e equipados con bicicletas feitas por min, apenas
coñecen o meu pasado “catalán”.
-Como e cando naceu a idea de crear ‘Bicicletas integral’?
-Iso foi en Barcelona, eu xa facía bicicletas artesanais, a medida. Entón a Cooperativa Integral,
dedicada á divulgación da vida sa e á ecoloxía propúxome facer as
bicicletas coa súa marca, xa vai dende aquela case que 40 anos.
-Considérante e/ou considéraste un ‘manitas’?
-Sempre o fun, a necesidade agudiza o enxeño, e xa dende neno tiven
que buscarme a vida se quería ter una bicicleta que funcionase. Ante
todo son unha persoa eminentemente práctica, na medida do posible.
-A “liña diferencial” do teu negocio vén polo deseño e a construción de bicis por encargo?
-Eu sempre me diferenciei neste sector por facer bicicletas
personalizadas. A xente, aínda que poida saber o que quere cando merca
unha bicicleta, tamén hai que aconsellala sobre a bicicleta máis
práctica para o uso que ten pensado darlle. E logo, que sexa adaptada
“ás súas midas”.
-Mira, acabas de soltar unha ‘catalanada’ (risas).
-Pois si, nin me decatei. Algo queda sempre, e a moita honra.
-Cantas bicicletas por encargo levarás feitas? Patentas estes deseños industriais?
-Non levo as contas das bicis feitas, pero todas van numeradas. Dalgúns deseños si que estou xestionando a patente.
-Algúns deseños dos que esteas especialmente orgulloso?
-O primeiro deseño que saía do habitual foi a bicicleta “Campera”,
unha bicicleta deseñada para circular polo campo, por pistas de terra, a
precursora das bicis de montaña. E tamén estou satisfeito co deseño de
alforxas para cicloturismo e o deseño de portaequipaxes en aceiro
inoxidable, os máis resistentes do mercado. E a penúltima creación o tándem conducido polo que vai detrás.
-En relación aos encargos personalizados, que hai de capricho e que de necesidade?
-Bueno, a maioría dos encargos son para cubrir necesidades concretas,
aínda que ao pintalas eu tamén fago acabados individualizados ao gusto
dos clientes.
-As bicicletas adaptadas para xente con limitacións físicas teñen moita demanda ou é algo residual?
-Máis do que parece, veño de entregar un tándem especial, o primeiro
que se fai en España conducido por detrás, o traballo máis emotivo que
fixen ata agora. Só ver a ledicia da rapaza xa paga todo o esforzo feito.
É unha idea feita realidade que vai permitir que rapaces e rapazas que
precisan de atencións especiais poidan gozar da liberdade de pedalear co
ar no rostro.
-Entendendo que o mercado é máis global que nunca, como dás a coñecer o teu negocio a nivel mundial?
-A única ferramenta de divulgación que utilizo, ademais do boca a
boca dos clientes satisfeitos, é o Facebook, onde teño unha páxina na
que vou subindo as fotos do que fago.
-Cóntanos algunha anécdota desas que non se esquecen nunca.
-Teño moitísimas vivencias utilizando e arranxando bicicletas, viaxes
dende Barcelona, ou Bilbao ata Monforte, de Barcelona a Venecia en
bicicleta, pero o sentimento máis importante é saber que parte da maxia
que lle imprimo ás bicicletas que fago xa estivo por todo o planeta.
Téñenme contado moitas anécdotas os seus propietarios, coma a do
Mariano, un participante no viaxe de 5 sorianos pola Patagonia nas
Bicicletas Integral, tempo despois viaxando por Colombia estivo a piques
de que os paramilitares lle roubaran a bicicleta. Defendeuna a risco de
acabar alí os seus días, e salvouna.
-Esta anécdota de Mariano di moito do valor que teñen para o usuario/a as bicicletas, polo menos neste caso.
-Xa che digo (risas). Para min é un orgullo, claro." (X. M. F., Xornal de Lugo, 11/10/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario