"O pasado venres, Endesa anunciou á CNMV que aceleraba o peche da súa
central térmica nas Pontes, un comunicado repentino e que chegou moito
antes do agardado. Unha decisión empresarial dunha compañía que foi
adiantando os prazos previstos para a fin inevitable da queima de
carbóhn. Do 2045 --que pregoou durante ben tempo xunto ás
administracións--, ao 2030 e mesmo ao 2025 data que xa deslizou nos
últimos meses.
Este pasado venres, ao tempo que a mocidade saía ás rúas polo clima, o Parlamento galego aprobaba unha resolución na que instaba a Xunta a “declarar o estado de emerxencia climática
co obxectivo primordial de comprometer as políticas do Goberno galego
en facerlle fronte e acadar a neutralidade climática antes do ano
2050”.
Ás poucas horas, Xunta e PPdeG culpaban o Goberno central e
o PSOE do futuro peche e insistían no 2045 como data idónea para a
clausura da maior emisora de gases de efecto invernadoiro do Estado e
unha das meirandes de Europa. Este mesmo luns, o conselleiro de
Economía, Francisco Conde, pediu ao Goberno central que “reconsidere a
decisión de pechar as centrais térmicas en España” e reclamou vantaxes
fiscais para a planta pontesa.
¿Por que agora?
Por que Endesa anuncia agora o peche da súa
central térmica? Cales son os motivos de apurar máis unha decisión
inevitable que, sen plan alternativo nin previsión por parte das
administracións, pon en xogo centos de empregos e supón un duro impacto
na comarca e en todo o norte de Galicia?
A decisión é empresarial e ten que ver coa nula competitividade dun modelo enerxético moi caro,
tanto polo prezo do carbón como polo da tonelada de CO₂ no mercado
europeo de emisións, unha ferramenta que impón un tope nos niveis de
dióxido de carbono e permite a compravenda de permisos para contaminar
máis pagando a cambio dunha retribución económica ás compañías que si
cumpren.
Este importe foi, durante anos, entre 4 e 5 euros por tonelada de CO₂
pero a media sobe xa a 25 na actualidade. A polución anual da central
térmica das Pontes é de case 8 millóns de toneladas de CO₂ equivalentes.
Co prezo do gas moito máis competitivo, a importación de enerxía desde
outros países e a irrupción e fomento das renovables, que vén marcado
tamén polo Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, as perspectivas
de futuro da planta pontesa foron escurecendo. Ata que Enel, grupo que
controla Endesa, decidiu que xa abondaba.
¿Que é do investimento de máis de 200 millóns?
Nos
últimos meses, Endesa acometeu un plan de modernización dun
investimento de máis de 200 millóns para alongar a vida da central uns
25 anos e, sobre todo, adaptarse á Directiva de Emisións Industriais
(DEI) da UE, que esixe a redución drástica da contaminación. Ao
contrario do que se insinúa desde algunhas administracións e formacións
políticas, esta DEI non afecta ás emisións de CO₂ causantes do cambio
climático, senón ás de dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno.
Esta
directiva comunitaria será aplicable xa no vindeiro verán, logo de que
as centrais térmicas españolas accedesen a unha moratoria que lles
permitiu gozar de catro anos máis para determinar se finalmente asumían
as reformas ou non. A negativa de Naturgy a levar a cabo os
investimentos necesarios foi clave para o seu peche en Cerceda.
Pero, con todo, e malia que a toxicidade provocada pola térmica ía diminuír moito ante as esixencias da UE, o seu efecto nocivo sobre o clima sería exactamente o mesmo,
cumprindo ou sen cumprir a DEI. Porque non é o mesmo a calidade do aire
que as emisións causantes da crise climática, aínda que estean
relacionadas.
Niveis de produción
A
central térmica das Pontes ten case 1.500 megavatios de potencia e
supón case o 80% da produción con carbón en Galicia. Pero nas Pontes hai
outra térmica máis, a de ciclo combinado con 870 megavatios de
potencia, que foi infrautilizada durante tempo; o baixo prezo do gas
provocou o aumento da súa produción nos últimos anos.
Na térmica de carbón, debido aos problemas de competitividade xa citados, a
produción esborrallouse nos últimos tempos, pasando dos 8 teravatios
por hora (8 millóns de megavatios) de 2018 aos 2,2 previstos para este
ano e unha previsión de menos de 1 no seguinte exercicio. A
parálise da planta desde a primavera pasada supuxo o inicio das
mobilizacións, sobre todo dos camioneiros que trasladan o carbón ata As
Pontes.
Porque a chegada do carbón importado que emprega a central –logo de
esgotar a mina traballada durante 40 anos e convertida nun enorme lago– á
terminal que Endesa ten no porto exterior ferrolán tamén sofre os
efectos. A Autoridade Portuaria San Cibrao-Ferrol xa rebaixou as súas
previsións ante “as consecuencias da crecente aceleración do proceso de
transición enerxética”.
Prevese que 2019 se peche con 11 millóns
de toneladas en tráfico de mercadorías fronte aos 13,7 de 2018. No
pasado exercicio desestibáronse na terminal 4,7 millóns de toneladas de
carbón e as previsións é que ao finalizar eeste ano non se chegue aos
2.
¿Hai alternativas?
É o que desexa As Pontes, a comarca do Eume e todo o norte galego, desde A Mariña ata Ferrol. As
alusións á economía circular como alternativa á descarbonización e a
demanda para que a central se apunte á biomasa son constantes. A
empresa leva tempo facendo probas, tamén con lodos de depuradoras, e
estuda mesmo como utilizar outros residuos forestais, xurro agrícola ou
restos orgánicos caseiros.
A biomasa, ao ser queimada, tamén
emite CO2, aínda que son moitos os estudos que aseguran que esa emisión é
neutra porque ese dióxido de carbono liberado forma parte do ciclo
natural vexetal, ao ser o que absorben e liberan as plantas. No caso das
Pontes, a proliferación de milleiros de hectáreas de eucaliptos na
propia comarca e nas limítrofes impulsaría esta alternativa, pero tamén
fomentaría, segundo os seus críticos, a eucaliptización á que tanto dano
se lle atribúe tamén ao medio ambiente e futuro en Galicia. Ademais,
non todos os expertos cren que esta alternativa sexa moito menos
contaminante.
¿Canto contamina a térmica das Pontes?
A
central de Endesa nas Pontes é a empresa máis contaminante do Estado e
das máis de Europa. A instalación encabeza o ránking español de emisións
de dióxido de carbono, segundo os últimos
datos feitos públicos pola Axencia Europea do Medio Ambiente sobre as
empresas da UE suxeitas ao mercado comunitario de dereito de emisións.
A
instalación térmica das Pontes é a 17ª factoría que máis CO2
equivalente (medida en toneladas da emisión de todos os gases de efecto
invernadoiro) botou á atmosfera na Unión Europea durante 2018, con 7,9
millóns de toneladas, malia reducir en 200.000 toneladas as emisións de
2017.
Outra central térmica, a que Naturgy ten en Meirama (Cerceda) e que ten previsto o seu peche para o vindeiro 2020,
sitúase entre as máis contaminantes. Entre as 150 primeiras da UE e no
posto 11º entre as do Estado, con 2,24 millóns de toneladas de CO2 en
2018. A refinaría de Repsol na Coruña, con 1,1 millóns, ocupa o 22º
posto. Xa que logo, tres factorías galegas sitúanse entre as 25 máis
contaminantes do Estado. Na mesma provincia, nun radio de apenas 60 quilómetros.
De feito, en 2017, as centrais térmicas de carbón de Meirama
e das Pontes foron responsábeis conxuntamente do 35% das emisións
totais de Galicia de gases de efecto invernadoiro, ademais de producir
outros moitos contaminantes tóxicos. Dos máis de 30 millóns de toneladas
destes gases emitidos en Galicia nese ano, 10,5 procederon destas dúas
plantas. " (Miguel Pardo, Praza Pública, 01/10/19)
1 comentario:
¿Danan os eucaliptos o medio ambente galego?, non, nin de lonxe. En Galicia queremos eucalipto, necesitamos eucalipto; e si non podemos plantar o que queremos nos nosos montes, é que realmente non son nosos.
Os políticos queren controlar o eucalipto para apoderarse do monte e terminar coa propiedade privada dos terrenos.
Publicar un comentario