"Na vella Lucus Augusti conviven agora persoas de máis de cen
nacionalidades. Chegaron aquí por motivos de traballo, de estudo, por
mellorar as condicións de vida... E moitos xa non queren marchar: "Non
me imaxino lonxe de Lugo", dicíanos un arxentino.
A natureza, o
patrimonio, a gastronomía e a xente son os elementos que os engaiolaron.
A modo de agradecemento pola pegada positiva deses inmigrantes na
cidade, Guido Guía vén de organizar unha actividade na súa honra.
Colombia, Uzbequistán, Uruguai, Iemen, Vietnam, China, Mozambique,
Estados Unidos, Irlanda, Irán, Francia, Brasil, Mali, Arxentina.. E así
ata chegar a máis dun centenar de países. Ese é o número de nacionalidades diferentes que conviven en Lugo a día de hoxe, segundo datos do padrón municipal.
Son
migrantes que chegaron á nosa cidade e que asentaron nela. Uns faríano
por motivos familiares, outros por cuestións laborais ou por mellorar as
súas condicións de vida no país de orixe. Outros viñan de paso e acabaron quedando porque namoraron de Lugo: “Esta cidade ten algo especial. Non sei o que, pero algo ten”.
Quen pronunciou esas palabras foi Abby Vaughn, unha moza estadounidense
que aterrou en Lugo para ser auxiliar de conversa no colexio de
Pedrafita do Cebreiro. Malia levar aquí tan só un par de meses, xa
recoñece un pouco de “casa” nesta cidade, cuxo clima ve “parecido” ao do seu Michigan natal.
“Pero aquí non neva tanto”, ri, “nin sequera en Pedrafita!”. Conta que o máis lle gusta de Lugo é o ritmo de vida pausado, o casco vello, as montañas…,
pero tamén a bonita conexión entre a comunidade de estranxeiros e a
xente local. “Lugo pode ter un lugar no meu corazón”, así que non
descarta quedar máis tempo despois de que remate o curso escolar.
UNHA VISIÓN EXTERNA SOBRE O COIDADO DO PATRIMONIO
Simón Rodríguez, de Venezuela,
atópase nunha situación similar. Neste caso, el está estudando un máster
en Servizos Culturais no Campus Terra da USC. “Sabía que era unha
cidade pequena e iso dábame un pouco de medo. Pensaba ‘qué tanto se podrá hacer acá’, pero non! O ámbito cultural é efervescente.
Hai actividades distintas cada día”. Confesa sentirse impresionado ante
o abano de opcións durante o San Froilán e o Samaín. Xa agarda con
ansia o Festival de Jazz desta fin de semana.
O turismo e a cultura son as dúas bazas coas que xoga Lugo, segundo Simón. O enorme potencial histórico choca coa ausencia dunha aposta verdadeira por reforzar a súa proxección e o seu valor.
Este venezolano fala, por exemplo, da necesidade de recuperar “xoias
abandonadas” na Tinaría ou noutros barrios. “As institucións deben
traballar con continuidade neste tema, non só en época electoral para
gañar votos”.
“NON PASO UN DÍA SEN IR AO CENTRO. EU FALO COA MURALLA”
Máis especial é aínda a relación que mantén con Lugo o arxentino Christopher Chaldú.
El si que ten clarísimo que non quere marchar de aquí. “Non me imaxino
unha semana lonxe de Lugo”, afirma. Cando veu de vacacións para ver a
súa familia hai cousa de dous anos, non se esperaba o frechazo que tivo coa cidade. “O que me pasou coa Muralla foi algo realmente especial. Non podo explicar con palabras o que sentín“, conta. “Eu falo coa Muralla, eu vou alí e anímoa. É moi particular”.
Como estudante de Cociña, Christopher aprecia a gastronomía galega e as famosas tapas luguesas. “Volveume tolo!“,
admite. “Non podo pasar un día sen ir ao centro de Lugo ou ao río. Ver a
natureza, tomar unhas tapas nun bar…”. É unha cidade “familiar” que
convida a facer plans pausados e a desfrutar da diversidade cultural que
ofrece: “aprendo sobre outras culturas e outras linguas. Gústame moito o
galego”.
O LUGAR DO QUE LLE FALABAN OS SEUS AVÓS
Romina Beiroa é unha uruguaia que
tamén chegou a Lugo por cuestións académicas, mais no seu caso había
algo que tiña aínda máis forza. Os seus avós naceron en Galicia e sempre
mantiveron moi vivo o recordo da súa terra. “Tiven a oportunidade de ir
a algunhas aldeas de Lugo e iso fíxome lembrar cousas que me contaban os meus avós
durante a miña infancia”, relata Romina con agarimo.
“Eles tiñan un
terreo coa súa horta e as súas verzas, dicíanme que tomaban caldo… Cando
era nena non sabía que era iso. Agora puiden conectar e entender de
verdade todo iso”.
Amais da alegría por coñecer as orixes da súa familia, Romina tamén
prendeu de Galicia por outras razóns: “vas camiñando por Lugo e atopas
un montón de parques e de árbores. Hai moito verde! Encántame pasear por aquí”.
GUIDO GUÍA’ E UNHA HOMENAXE AO LUGO MÁIS INTERNACIONAL
Precisamente, un paseo (guiado) foi o fío que uniu ás catro persoas que apareceron nesta reportaxe. Estamos a falar dunha actividade organizada por Guido Guía
co fin de homenaxear a “pegada marabillosa” dos inmigrantes na nosa
cidade. Así, o pasado 2 de novembro, xuntáronse persoas dunha decena de
nacionalidades para descubrir #oLugoMenosCoñecido á vez que compartían experiencias migratorias en distintos puntos emblemáticos da cidade.
Guido Álvarez Parga, o promotor desta iniciativa, explica con
entusiasmo as razóns polas que decidiu que este paseo guiado xirara
arredor da inmigración. “Meu pai é arxentino, fillo de emigrantes
galegos, así que teño unha grande influencia da súa mirada cara a Lugo”,
aclara. Ademais, remóntase á súa infancia e atopa diferenzas respecto á
sociedade luguesa actual, moito máis diversa culturalmente: “Estabamos acostumados a estar só entre xente de Lugo. Logo comezou a chegar xente negra, asiática… Iso foi moi fermoso. Os inmigrantes fannos ricos, tanto a nivel intelectual como a nivel económico”, pensa este guía turístico.
Guido amósase satisfeito pola boa acollida que tivo esta actividade e
polos lazos internacionais que se van tecendo no ámbito local. Xa o di
el: “A inmigración estivo aí sempre. Os romanos tamén foron inmigrantes en Lugo!” (Silvia López, Lugo Xornal, 05/11/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario