12/11/19

Paraños, exemplo de dinamizador rural

"A xestión do monte veciñal pode ser un motor económico do rural. Sen a súa actuación, o abandono das terras do noso país sería máis grave. Un exemplo témolo nunha parroquia de Covelo que mantivo desde a súa creación unha forte relación coa súa historia e co mantemento económico sustentábel.

A importancia dos montes comunais na Galiza é indiscutíbel. Unha cuarta parte do territorio, algo máis de 700.000 hectáreas, está xestionado por esta figura. Un total de 2.800 Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) traballan, con máis ou menos sorte, na valorización económica e social destas zonas que van máis alá do atractivo paisaxístico.


Desde o seu nacemento, a súa función foi mudando co tempo pasando de mellorar a explotación forestal a servir de laboratorio de probas de múltiples proxectos de aproveitamento dos recursos naturais, gandeiros, patrimoniais e turísticos.


Un exemplo témolo na CMVMC de Paraños (Covelo), que o pasado 26 de outubro foi escollido por parte do Grupo de desenvolvemento rural (GDR) Condado Paradanta como mellor dinamizador rural entre dezasete candidaturas presentadas.

Comunidade combativa


A parroquia de Paraños pertence ao municipio de Covelo e está situada na comarca do Condado Paradanta. Os seus escasos 200 habitantes viviron até mediados do século XX da agricultura e a gandaría. Hoxe contan cunha empresa de produtos cárnicos e a posibilidade de traballar, polas boas comunicacións, na área metropolitana de Vigo.


A CMVMC de Paraños creouse en xaneiro de 1979, nuns anos de loita pola recuperación desta estrutura de xestión galega. Algo máis de cen veciñas e veciños con residencia habitual no lugar iniciaron unha andaina que na actualidade manteñen ao redor de 60.


A súa historia caracterizouse pola defensa da comunidade e dos seus intereses. Na lembranza está a longa loita das propias obras e da expropiación do monte cando se construíu o enlace coa autovía A-52, a actual estrada N-559. Tamén os conflitos con Fenosa, coa Confederación Hidrográfica do Norte (agora Miño-Sil), con Telefónica e coa Consellaría do Medio Rural polas contas dun convenio.


Recursos económicos e apoio ás empresas da zona


A extensión do monte coa que contan, arborizado case na súa totalidade, é de 301 hectáreas e o valor total aproximado da madeira, segundo datos de 2008, estaba en 1.400.000 euros.


Na actualidade os recursos económicos da CMVMV de Paraños céntranse no aproveitamento madeireiro cuns ingresos anuais de 50.000 euros que se reinvisten un 40% na propia entidade e o resto en proxectos positivos para á propia parroquia.

Apostan pola diversidade forestal e polas árbores autóctonas de rexeneración natural. Consecuencia desta política é a progresiva substitución, en certas zonas do monte, especialmente as que están orientadas ao norte, do piñeiro por bidueiro e carballo de rexeneración natural. Tamén a plantación de carballos americanos e castiñeiros xunto a creación de faixas en beiras de pistas con especies variadas como cerdeiras, freixos e pradairos.


Unha idea teñen clara en Paraños: a total eliminación de eucaliptos e outras especies invasoras como acacias, mimosas ou canas da india do seu monte veciñal.

Como explica ao Sermos Galiza o seu presidente, Xosé Manuel Sendín, a xestión do monte implica tamén a procura de alternativas ao aproveitamento madeireiro. "Agora estamos cun proxecto de apicultura coa idea de crear un apiario que potenciaría e faría máis visíbel a actividade cereira que estamos a dar a coñecer a través do Centro de Interpretación da ceraría".

Como complemento traballan o aproveitamento cinexético, a gandaría en liberdade e o aproveitamento resineiro. Na actualidade tentan introducir o interese polos cogomelos con xornadas e saídas ao monte. Con esta intención presentaron en 2017 ao programa Leader 2013-2020 un proxecto experimental de introdución de especies micolóxicas nunha parcela de monte.


Aínda que na actualidade non contan con persoal propio, teñen como prioridade contratar sempre empresas da zona ou galegas para realizar todos os traballos, polo que teñen un papel fundamental para a continuidade do sector relacionado cos labores do monte.

Importancia social


A actividade dinamizadora da CMVMC de Paraños é moi importante. «En 2009 creamos o Parque Forestal 'A Fraga do Rei', cunha superficie de 10 Ha., e agora en 4 Ha. deste parque estamos a desenvolver na actualidade un proxecto de parque botánico».


Unha das súas actuacións estrela foi a elaboración dun roteiro polo río Xabriña e a creación dun museo dedicado á ceraría tradicional na zona e que resultou decisivo para acadar o recoñecemento do premio que lles concedeu o GDR Condado Paradanta."                  (A. Escuredo, Sermos Galiza, 06/11/19)

No hay comentarios: