"A paisaxe galega está cambiando coa perda de
terras cultivada. O pasto pode ser unha vía para o asentamento de
poboación no rural, segundo algúns expertos. Por outra parte, o modelo
de prados que se está implantando é o extensivo fronte o modelo
intensivo.
A aposta pola gandería como sistema de vida no agro inclúe a escolla
entre o sistema intensivo de pasto ou o sistema extensivo. O primeiro
parece ter a favor o feito de alimentar con herbas seleccionadas o gando
destinado a unha maior produción de carne ou leite. O modelo extensivo
permite unha maior calidade de vida para o gando e unha maior variedade
de herbáceas para a alimentación das cabezas gandeiras. Mais cal sería a pegada que deixan no modelo agrario e no medioambiente en Galicia?
INTENSIVIDADE FRONTE A EXTENSIÓN
O enxeñeiro agrónomo Juan Castro aclara que o pasto intensivo “son prados sementados con especies seleccionadas,
mesturas de raigás e trevo que se deben renovar cada ano polo menos”.
Esta renovación implica o uso de maquinaria, investimento en sementes,
abono e preparación do terreo.
Os pastos extensivos están catalogados como prados ou pasteiros e neles
“predominan as sementes naturais de cada zona, non precisan unha
cantidade grande e abono químico nin se laborea e son para pastoreo
normalmente”
José Ramón González de Unións Agrarias, pola súa parte destaca que o pasto extensivo “sempre ou case sempre está baseado en pradeiras naturais”.
Sobre a formación desas pradeiras naturais González di que apareceron
de maneira expontánea ou pola “selección do ser humano dalgunha especie
(de herba) non buscada ademais dos coidados que se apliquen nesa
superficie”.
Para Andrés Castro, do Sindicato Labrego, coincide en boa parte coas definicións de prado extensivo. Mais sinala que o prado intensivo “son prados anuais onde hai unha rotación de cultivos como millo e outros cereais en ciclos anuais”.
A cantidade de abono químico así como o taballo pesado con maquinaria e
o uso de cultivos intensivos poden esgotar o terreo. Isto implica o uso
do abono químico ou natural, mais eses terreos poden deixar pegada no
chan e acuíferos ao filtraren elementos químicos e de xurros. O
extensivo tamén precisa abonado mais non en cantidades como o intensivo,
así como tampouco se usa de maneira intensiva maquinaria e a roturación
do terreo.
PASTOS E MEDIO AMBIENTE
“O pasto extensivo sería o máis favorable para o medio ambiente,
en zonas de montaña onde tampouco é fácil usar maquinaria” di Juan
Castro. Este enxeñeiro tamén destaca que esas pradeiras non se sementan e
que “se manteñen polo gando e se van renaturalizando, evitan a erosión e
conforman unha paisaxe de pastoreo en extensivo”. A contraparte está en
que moito gando en intensivo está en cevadeiros onde se concentran
grandes cantidades de cabezas en pouco espazo.
Juan Castro considera que desde o ámbito urbano non se ten o
coñecemento suficiente sobre os beneficios ecosistémicos que aporta a
gandería extensiva. “Para que exista biodiversidade o monte non pode estar abandonado, ten que haber actividades agrarias e gandeiras extensivas que son as que evitan uniformizar a paisaxe”.
José Ramón González considera que o pasto intensivo “non é prexudicual en absoluto, entendo que é beneficioso por fixar unha cantidade de osíxeno importante,
é un filtro natural para as augas”. Pola súa parte, Andrés Castro
indica que “un pasto extensivo é unha comunidade diversa de herbáceas, o
intensivo é unha especie soa cun ciclo moi intenso”. Destaba tamén que
os prados naturais ou extensos son sumidoiros de CO2. “O intensivo
implica o movemento de maquinaria e iso trae canda si menos
sustentabilidade”.
APERTURA DE PRADOS EXTENSIVOS, SI OU NON?
A posibilidade de abrir máis espazos para pasto e a posibilidade de
fixar poboación no medio rural, é unha opción que algunhas voces apuntan
como factible. Mais para iso habería que acondicionar espazos ou ben a
bravo ou antigos terreos agrarios. “Hai algunha zona onde si se instauraron prados, eran zonas que foran xa cultivadas
en terreos de montaña estaban adicadas a centeo”. Nestas áreas tamén se
realizaban queimas de toxo e xesta cando xa eran moi grandes para
convertelos en estrume. “Eran queimas controladas, as searas ou
estivadas e logo se sementaba o centeo, por tanto eran terreos de
cultivo e non bosque”.
Andrés Castro, considera que a existencia ou non de pasto non é que axude a asentar poboación, “o que axudará é a existencia de superficie agraria utilizable e o acceso a esa superficie”.
Porque ese é outro problema que existe no rural, a concentración en
poucas mans do terreo economicamente viable, un exemplo son as
macrogranxas. Sobre o amansamento de monte e a conversión en prado
considera que “non se está fomentando moito”.
AS PRAGAS E O DESPOBOAMENTO
As noticias sobre unha praga de ratos-toupa na parte oriental da
provincia de Lugo fixo que algunhas asociacións conservacionistas
comparasen este fenómeno como o que aconteceu en áreas dos Alpes
italianos. Alí, segundo a asociación SECEM, a ampliación dos pastos extensivos fixo que a poboación de rato-toupa vise incrementado o seu número polo que consideran unha ruptura do equilibrio biolóxico desa área.
Estará sucedendo o mesmo no Oriente de Lugo? “Realmente ten que haber unha actividade económica nestas zonas porque senón estarían despoboadas,
que é o problema destas zonas de montaña” di Juan Castro. “En vez de
tirar pedras contra os poucos gandeiros en extensivos que crear unha
economía circular”.
“En Galicia hai 2.700.000 hectáreas, temos un millón de hectáreas sen uso e iso só produce lume, danos ambientais incuantificables e
un gasto no erario público de cen millóns de euros cada ano” declara
José Ramón González que mostra así o seu desacordo coa postura
ambientalista. “O máis natural e eficaz son os prados”.
“O problema dos ratos-teupa é máis ben unha cuestión de equilibrio natural”
di Andrés Castro. “Sei que esta especie ten unha dinámica variable,
cunha explosión desta especie que logo remite en número”. Andrés Castro
tamén lembra que unha zona antropomorfizada é un lugar onde a presenza
de carnívoros, grandes e pequenos, así como aves rapaces, curuxas e
outras, é moito menor. Insiste que a cuestión do rato-teupa está
relacionada co equilibrio do medio antes que o tipo de pasto." (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 21/11/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario