19/12/19

"Cos pés na Terra e os produtos na nube" ou como apoiar o comercio local comprando online

"Este venres celébrase o Black Friday, a famosa tradición estadounidense que dende hai uns anos está a coller forza no noso país. Moitas grandes empresas aproveitan este día, ou incluso toda a semana, para ofrecer descontos que deixan fora de órbita ao comercio local.

 Mais ante os grandes magnates coma Amazon ou AliExpress, a axencia Arela Comunicación Sostible trae "Cos pés na Terra e os produtos na nube",  unha listaxe con máis de 100 ecommerce galegos coa que pretenden darlle visibilidade a eses pequenos e medianos comercios "que crean postos de traballo e contribúen ao futuro de pequenas vilas e pobos", tal e como apuntan dende Arela.

Galicia conta con unha unha gran rede de alternativas locais, con moi boas ideas e con produtos de gran calidade, cousa que se pode comprobar nesta listaxe con tendas encadradas en múltiples seccións: dende decoración e agasallos, ata beleza ou moda. Na web podemos atopar máis dun centenar de ecommerce de distintos puntos da xeografía galega e onde, por suposto, a Costa da Morte tamén está presente

Polo de agora Origen Galicia (Carballo), Esencia Atlántica (Muxía), Mimadriña (Fisterra), Nacho Porto (Carnota), O Falsete (Malpica), Todo Lar (Carballo) e Aralumen (Fisterra) son as tendas costeiras que se amosan na listaxe, mais esta continúa en actualización. Dende Arela, animan á xente a que fagan aportacións con outras tendas galegas online que coñezan e así facela máis grande.


Esta inicitativa pretende facilitar a labor a todos aqueles consumidores que desexen comprar produtos galegos, sobre todo agora que se aproximan as compras de Nadal e Reis, facilitándolles un contacto directo con distintas empresas cunha gran variedade de produtos de máxima calidade, e axudando tamén á inversa, xa que "mercar nas tendas en liña galegas e recomendar os seus produtos, tamén é defender o comercio local", indican dende a axencia de comunicación.  




Por outro lado, na web de Arela tamén aportan outro gran de area ás pequenas empresas online cun post no que amosan varios puntos sobre os que deberían traballar para potenciar as súas tendas e tirarlle máis proveito económico a estas datas, onde se concentran as campañas máis importantes do ano."                       (Paula Castiñel, Qué pasa na costa, 26/11/19)

No hay comentarios: