" Nenos e nenas de oito concellos de Ferrolterra reclaman máis pediatras
para a súa comarca nun vídeo. Desde setembro, arredor de 3.100 crianzas
carecen dunha pediatra ou dun pediatra de referencia ou fixo
"Na Galiza moitos concellos do rural están a sufrir precariedades nos
seus servizos de pediatría pública. Fene, A Capela, Ares, Mugardos, San
Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas son só algúns deles". Con estas
verbas, branco sobre negro, comeza un vídeo elaborado por familias
destes oito municipios da comarca de Ferrolterra, no
que alertan da falta de profesionais nos servizos de pediatría. Hugo, de
Ares; Xandre e Aroa, da Capela; Dana, de Fene, ou Naiara, de Mugardos,
berraron este Nadal ben forte “Quero pediatra!”.
Mónica Muiño, veciña de San Sadurniño e nai, explica que o problema
comezou "hai xa un ano" nos concellos de San Sadurniño, Cerdido, Moeche e
As Somozas. "Compartiamos servizo de pediatría, unha praza que tiña a
particularidade de ser itinerante. Todos os días hai servizo de
pediatría en San Sadurniño e, un día a semana, rotaba polo resto de
municipios.
Mais hai un ano a pediatra aprobou a oposición e tomou
posesión da súa praza, deixando a de aquí vacante", explica Muiño a Sermos Galiza.
O Sergas non atopou ninguén para cubrir o oco e o servizo centralizouse
en San Sadurniño e xornada reducida. "As persoas que veñen cubrir o
servizo traballan en quenda de tarde, polo que as familias teñen que desprazarse", denuncia.
Desde aquela as familias cubriron follas de reclamación, reclamaron a
celebración de plenos extraordinarios nos municipios ou manifestáronse
con pancartas ante o centro de saúde. O vídeo publicado esta semana é un
novo intento de denunciar a súa situación. Polo camiño uníronse á súa
loita outros catro municipios máis—Fene, A Capela, Ares e Mugardos—cunha
problemática similar. "Dúas das pediatras están de baixa, outro
pediatra tomou posesión do seu posto e agora hai persoas dobrando quenda
porque non as substitúen", resume Muiño.
A falta de profesionais
afectan arredor de 3.100 nenas e nenos.
"As follas de reclamación remataron nun caixón, as protestas caen
noutro caixón e ao final decidimos que haberá que dar voz aos nenos!
Antes non tiñamos moito, só dúas horas e media nos concellos nos que
rotaba o pediatra, pero agora ficamos sen nada. Queremos vivir no rural, queremos fixar poboación, pero non é posíbel sen servizos", di esta veciña." (Raquel C. Pérez, Sermos Galiza, 26/12/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario