2/1/20

"O Xacobeo vainos comer"

"Hilda Cuba é arquitecta e profesora do departamento de Tecnoloxía da Construción na UDC. Xunto co arquitecto Iago Lestegás investiga como afectan os fluxos de turismo á paisaxe e ás habitantes de Santiago de Compostela. 

—Cando se comeza a interesar polo impacto do turismo sobre a poboación?
 
—Mentres estudiaba en Barcelona. Naquel momento había zonas da cidade que non eran utilizábeis polas non turistas, un problema que se estendeu a outros barrios. Levo cinco anos en Compostela e teño unha sensación similar, de que nun proceso rapidísimo a xente que vías pola rúa mudou, así como os usos do espazo. 


—Que impacto ten o turismo nas veciñas e no tecido comercial local?
 
—En Santiago o problema é que o tecido produtivo é feble, moita xente vive do turismo. Moitos negocios, queirámolo ou non, rematan vivindo do turismo. Percíbese máis na restauración, pero tamén nos comercios das áreas máis despoboadas de resistentes como o casco histórico. Por outra parte, os albergues están a estenderse por moitas rúas de Compostela. 

A cidade é pequena e a influencia do turismo percíbese en todas partes, tamén na zona nova. Agora mesmo a Asociación de Veciños do Ensanche é unha das que máis se mobilizaron, denunciando que non hai vivendas para as estudantes ou que o comercio está a verse prexudicado. 


—Medidas como a limitación de vivendas de uso turístico sirven para limitar esa presión do turismo?
 
—Unha boa normativa é o primeiro paso, pero ten que haber recursos para poder cumplila. E o Concello non ten eses recursos. É necesario estender a normativa, como se propuxo, a zonas ás que non afectaba como o Ensanche. Mais se o Goberno non é quen de facela cumplir na área da Zona Vella, tendo os mesmos recursos non  sirve de nada ampliar a área de actuación. A maiores, o proceso de actuación contra os pisos ilegais é moi complexo.

 —Que políticas de vivenda serían eficaces neste caso?
 
—Se existise un parque de vivenda pública que permitise ter elementos resistentes e ben distribuídos na cidade, onde podas fixar certo tipo de poboación e determinados prezos de alugueiro, os procesos de xentrificación ou de turistificación atoparían máis barreiras. Tamén fomentar formas de vivenda alternativas, como as cooperativas, que creen eses elementos resistentes fronte o mercado do turismo. As axudas ao aluguer moitas veces pervértense, pois os caseiros saben que existen e acaban en mans privadas. 

—Participa nunha comisión no centro social da Gentalha do Pichel que analiza o impacto do turismo na cidade. 
 
—Fixemos un roteiro pola cidade, foi a nosa primeira actividade. Nel explicamos como afectou o turismo á planificación turística da cidade, con proxectos como a dársena de autobuses de Xoán XXIII, dirixida principalmente ao turismo, ou o da praza de Concheiros. Modifícase a cidade priorizando ás turistas sobre as veciñas. Sempre vén xente que foi afectada dalgún xeito por este proceso, á que botaron do piso ou que tivo problemas para atopar aluguer. 

O noso principal obxectivo é visibilizar esta problemática. Temos o Xacobeo, que nos vai comer, e non estamos nin organizadas para loitar contra isto. Queremos crear espazos para compartir as experiencias das veciñas e debatelas."                (Entrevista a Hilda Cuba, Raquel C. Pérez, 21/12/19)

No hay comentarios: