18/12/19

Percorrido do consumo de cocaína en Galicia... unha éxtase infernal

"O po branco esténdese por todas as capas sociais que recorren a el como droga recreativa ou estimulante para render no traballo. A adicción física é máis fácil de superar que a adicción psicolóxica polo seu efecto euforizante. As persoas consumidoras normalmente non saben como e con que materias se fabrica, aumentando o risco para a súa saúde.

 A imaxe que temos formada dun consumidor de cocaína é un estereotipo. Xa non son unicamente profesionais liberais con abundantes ingresos, os que consumen, iso quedou moi atrás. Non hai un perfil “claro” dunha persoa adicta á cocaína. Actualmente, a maior parte dos e das consumidoras do po branco son persoas que o mesturan con alcol, cannabis ou drogas sintéticas.

O prezo é relativamente barato para os estándares económicos actuais. Segundo a Enquisa Global sobre Drogas de 2016, os prezos en España estaban entre os 50 e 60 euros, case o mesmo rango que países como Bélxica, Países Baixos e Portugal, entre outros. A cuestión é que esta droga presenta algunhas características que a fan diferente a outras substancias adictivas. Entre os anos setenta e oitenta do século XX, existía o dito de “a heroína é a droga dos pobres e a cocaína a dos ricos”. Hoxe en día as cousas teñen mudado moito.


COMO É A PERSOA QUE CONSUME?


“O perfil é variable, pode ser unha persoa que consume de maneira social, en solitario, para uso recreativo e tamén hai quen consume alcol con cocaína e quen non” declara José Cancelo, director do Centro Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga Alborada. “A imaxe que se tiña do consumidor “puro” de cocaína era a dos anos oitenta e noventa, os que chamaban yuppies”. Eran os anos en que se ligaba esta droga ao éxito, “usábana de maneira recreativa e esta xente non sufría ningún tipo de exclusión social”.


Outros expertos falan de dous patróns de comportamento para esta adicción. “Está o do antigo heroinómano que resolveu esa adicción e pasou á cocaína, relacionados cun ambiente de marxinalidade e fisicamente deteriorados” di María Carou, psicóloga clínica da Unidade Municipal Atención a Drogodependencias (UMAD) de Santiago. “O outro patrón sería o dun consumidor de ambiente económico e social medio, medio-alto, un ambiente que ten máis normalizado o consumo”.

As idades de inicio tamén son máis temperás dentro dun modelo “de escalada”. “Empezan co tabaco entre os 13 e 14 anos, pasan aos porros un ou dous anos despois e de aí ao MDMA e a cocaína por primeira vez aos 20 ou 21 anos” di José Cancelo. Existe unha idade en que se quere deixar? “Hai un rango de idade que vai dos 30 aos 40 anos en que a persoa cocainómana quere recuperarse, entón unha idade para comezar estaría entre os 35 e 37 anos” sinala Maló Fraga, experta en adiccións do Instituto Castealo en Oleiros. “As persoas máis novas, dos 18 aos 30 anos, normalmente son politoxicómanos”.


“CRAVING”


O termo “craving” en inglés fai referencia ao desexo de consumir cocaína, desexo mais non síndrome de abstinencia. “A cocaína crea unha dependencia psicolóxica, mesmo dependencia compulsiva, poden aparecer momentos de ansiedade, agresividade ou violencia” apunta José Cancelo. “Este momento de ansia tampouco lles permite pensar nas consecuencias que está tendo para eles a súa adicción e tampouco nas consecuencias sociais”.


“Este tipo de adicción está moi conectada co alcolismo” di María Carou. “As persoas acoden antes aos centros por adicción por cocaína que por alcol, quizais porque este último ten un percorrido máis longo ata que se decatan da súa dependencia”. Carou insiste na asociación doutros patróns ou elementos á adicción cocainómana. “Poden ser transtornos de saúde mental, transtorno dual ou concomitante, por exemplo un transtorno psicótico e de estados de ánimo”.


É pouco frecuente que un adicto á cocaína perda o seu traballo, normalmente permite compatibilizar o seu consumo coa vida laboral” destaca Maló Fraga.  “O seu consumo afecta a profesionais de calquera nivel, quen fai isto é para ao mellor non adormecer nunha quenda de noite, soportar mellor a carga de traballo” finaliza Fraga.


DEIXAR A COCAÍNA


A intención de abandonar o consumo de cocaína procede moitas veces do arrepentimento da persoa que consume. “Existe un estado previo onde se busca con ansiedade o consumo e logo de consumir, esa persoa arrepíntese de telo feito” explica José Cancelo. A desintoxicación dun cocainómano é fácil porque non crea síndrome de abstinencia (mono). O problema está no mencionado “craving”, o desexo de consumir que queda fixado na mente do consumidor. “A cocaína non ten un substituto para o seu tratamento, como é o caso da heroína coa metadona”.


“Temos moi asumido o modelo que seguen os famosos de ir a unha clínica, desintoxícanse e xa está. Iso é un erro” sentenza María Carou. “Necesitas limparte fisicamente, desintoxicarse é físico, mais deshabituarte é psicolóxico, o importante é como cambias a túa vída logo de abandonar o consumo”. Basicamente é retomar a túa vida, ter o control psicolóxico sobre ela para non recaer. “As adiccións están consideradas como crónicas”.


O abandono da cocaína a nivel físico pode producir ansiedade, isto pode controlarse mediante fármacos mediante o seguemento dun psiquiatra, o que si, procuramos non darlle unha medicación psicoactiva” describe Maló Fraga. “Hai que mostrarlle á persoa adicta cales son os puntos débiles, reforzalos”.


EX-ADICTOS


Isabel actualmente vive en Galicia, non quere dicir onde, pero si accede a falar. “Foi cando estaba no insituto, coas amigas, vante inducindo, vente, imos tomar algo, fumamos un porro, e se lles dicía que non, chamábanme frouxa ou parva”. Así foi que a base de insistencia e “non querer quedar mal diante delas, buscando a aprovación dos demais, aí comecei”.


A súa adicción comezou no seu país, Colombia, onde era moi fácil acceder á droga. “Vas facendo contactos e así vas sabendo de quen vende, era como saber que nunha tenda hai tal ou cal produto”. Logo casou e veu para España. Desde ese momento leva 18 anos sen consumir nada, “nin fumo, nin bebo”. “Tamén coordino un grupo de persoas con problemas de alcol”.


O seu proceso de desintoxicación e rehabilitación di que o iniciou ela mesma, voluntariamente foi a un centro de tratamento. “Necesitaba limparme porque estaba cansa de sufrir eu e ver sufrir a miña familia, porque estaba xa afundida”. Tamén o medo a un futuro incerto, con posibilidades de acabar na cadea ou morta, foi un detonante para deixar a cocaína. “Hai unha diferenza entre o consumo aquí e no meu país, en Colombia non ves tanta xente afectada pola heroína, é moito máis clandestino”.


Os inicios de Marco tamén foron por “entrar” nun grupo de persoas da súa idade. “Creo que a inmensa maioría empeza a consumir por inferioridade, ansia de conectar coa sociedade. Soedade. Ese momento na escola que saes da casa e encontras os primeiros amigos para saír á rúa”. Eses “amigos” tamén tiveron unha pegada enorme cando quixo empezar. “Que por que empecei? Porque me pegaban, rianse de min e vin que os que fumaban eran respetados, de feito canto máis te drogas, máis respetado es na rúa”.

“Eu empecei a ser o rei da festa gracias ás drogas” declara, e volve afirmar “seguinme drogando polo respecto, a maioria non sabe tratar a un chaval que está comezando”. Despois está o feito de que como é “algo tan malo para a sociedade e os pais, o chaval péchase máis”.  Sobre a familia afectada  polo problema sinala que “todo pai tolea con isto, e o mozo conta menos, sofre máis”. O peor para Marco é que o adicto “non sabe que facer porque non lle vai dicir a ninguén que ten un problema”. E remata “por desgraza, moitos perdemos a aula que fala de que pasa despois disto”.       (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 12/12/19)

No hay comentarios: