10/9/20

O Sergas non ten identificada a orixe do contaxio en oito de cada dez novos diagnósticos de coronavirus

 "A mediados do pasado xullo, o Instituto Carlos III (ISCIII) e o Centro Nacional de Epidemioloxía, dependentes dos ministerios de Sanidade e Ciencia, ampliaron os contidos dos seus informes sobre a pandemia da COVID-19, a súa expansión e os perfís das persoas que a padecen. 

Entre a información achegada destacaba a relativa ao rastrexo dos contactos da poboación infectada tanto cara a adiante-persoas coas que tiveran relación tras contaxiárense- como cara a atrás-identificación da orixe do contaxio-, con detalles para cada comunidade autónoma.

No primeiro daqueles informes, datado no 15 de xullo, o dato galego destacaba por negativo. Segundo o informe, o Sergas non identificaba a orixe do contaxio do 80,9% dos novos casos de coronavirus detectados dende o inicio do desconfinamento, o 11 de maio. 

Preguntada ao respecto, a Consellería de Sanidade atribuíu aquel dato, o peor do Estado, a "un problema na formulación dunha pregunta na enquisa" que se realiza ás persoas contaxiadas. Esa eiva, aseguraba daquela a Consellería a Praza.gal, estaba a ser "corrixida". No seguinte informe, do 17 de xullo, a porcentaxe de casos sen contacto coñecido xa descendía ata o 40,9%.

A porcentaxe galega de novos diagnósticos da COVID-19 sen orixe coñecida do contaxio mantívose por baixo nas dúas seguintes edicións do informe do ISCIII, que pasou a ter periodicidade semanal. Pero volveuse disparar dende comezos de agosto, cando o ritmo de novos casos volveu acelerar, con rebrotes como os da Coruña, Lugo ou Ourense, que propiciaron novas restricións nas últimas semanas. 

Segundo o máis recente, datado no pasado 3 de setembro, Galicia volve rozar o 80% de diagnósticos do coronavirus "sen contacto coñecido" coa enfermidade. É o dato máis alto de todas as comunidades autónomas, segundo o ISCIII, e case corenta puntos máis que a media estatal, situado no 43,7%. O período analizado segue comezando no 11 de maio, no inicio do desconfinamento. 

Sempre atendendo aos informes do ISCIII, construídos a partir da información fornecida polas propias comunidades autónomas, isto implica que, de 6.009 novos positivos por COVID-19 computados por este organismo estatal en Galicia dende o pasado 11 de maio, ata 4.791 non tiñan identificada a orixe do contaxio.

Sanidade alegou "problemas" coa enquisa a pacientes

Cando, o pasado xullo, o informe do ISCII arroxaba o devandito 80% de positivos sen contacto identificado en Galicia, o Sergas detallaba que o "problema" coa enquisa a pacientes implicaba que "esa variable apareza cuberta cun non en casos de abrochos que si eran contactos de caso". "Mesmo en casos illados -abondaban dende a Consellería- que si son contactos doutro caso, a formulación da pregunta" provocaba este resultado aínda que, en realidade, a orixe si estaba identificaba, indicaban.

Así e todo, a Xunta aseguraba daquela que se dispuña a corrixir o cuestionario para evitar esa confusión, o que -auguraban-, derivaría nunha baixada desta porcentaxe. Sexa como for, o certo é que os devanditos ascensos das últimas semanas volven situar o dato galego de novos casos sen contacto coñecido como o maior do Estado. O seguinte, o de Catalunya, está un chisco por baixo do 60% e o máis baixo, o de Euskadi, non chega ao 20%.

Mentres, no que atinxe ao rastrexo cara a adiante, o referido aos contactos da persoa contaxiada, o dato galego si mellora a media estatal, que segue sendo escasa. Así, indica o ISCIII; en Galicia identifícanse entre 2 e 6 contactos de cada persoa que dá positivo e o máis frecuente e que sexan rastrexados arredor de 4. Mentres, o dato estatal (resultante de combinar os de todas as autonomías e os das cidades autónomas de Ceuta e Melilla) é de entre 1 e 5 contactos identificados por caso, con 3 como a cifra máis frecuente.

Preguntas sobre o número de 'rastrexadores'

Estes rexistros prodúcense despois de que, nas últimas semanas, oposición e persoal sanitario esixisen á Xunta aclarar cantas persoas estaban dedicadas no Servizo Galego de Saúde aos labores de rastrexo. Tanto BNG e PSdeG como sindicatos da sanidade amosaban o seu convencemento de que os "rastrexadores" non son 6.000, cifra ofrecida por Feijóo e resultante de sumar todo o persoal que "ten dentro das súas funcións" a "detección e seguimento de casos", o que incluía, entre outros, a todo o plantel da Atención Primaria.

Polo momento, a Xunta continúa sen ofrecer máis detalles a respecto do número de rastrexadores ou dos perfís profesionais que realizan estes labores en concreto. Faino aínda que máis colectivos da sanidade pública, como as Enfermeiras Eventuais en Loita, reiteran a necesidade de coñecer información ao respecto nun contexto no que, non obstante, o Executivo galego xa amosou interese en poder contar cos servizos dos militares ofrecidos polo Goberno de España para realizar estas funcións."                   (David Lombao, Praza Pública, 08/09/20)

No hay comentarios: