2/6/26

Do fracaso de Pemex e a reconversión naval á fabrica de SAIC: Ferrolterra albisca outro futuro industrial... A petición formal da empresa chinesa SAIC Motor de instalarse en Ferrol e nas Pontes para crear un gran polo loxístico de montaxe de distribución dos seus coches en Europa, abre novas expectativas industriais en Ferrolterra e en todo o norte galego, castigado desde hai anos pola desindustrialización, precarias comunicacións, o abandono ou unha importante crise demográfica (Miguel Pardo)

 "A petición formal da empresa chinesa SAIC Motor de instalarse en Ferrol e nas Pontes para crear un gran polo loxístico de montaxe de distribución dos seus coches en Europa, e a declaración da iniciativa como proxecto industrial estratéxico (PIA) por parte da Xunta, abre novas expectativas industriais en Ferrolterra e en todo o norte galego, castigado desde hai anos pola desindustrialización, precarias comunicacións, o abandono ou unha importante crise demográfica.

A petición do grupo chinés para instalarse en Ferrol e nas Pontes abre novas expectativas industriais en comarcas castigadas pola desindustrialización, a crise demográfica e o abandono

A aposta do xigante asiático da automoción consolida o camiño da recuperación que encetou o naval tras os duros efectos da crise de 2008 e a frustración polo fracaso de Pemex, e abre outra vía para a comarca veciña do Eume, onde a inexorable fin do carbón baleirou de emprego e actividade as antigas instalacións da central térmica de Endesa. 

A chegada do xigante asiático a Galicia afonda na aposta pola diversificación, a economía verde, a menor dependencia de combustibles fósiles e a mobilidade sostible que impulsa a UE. Unha fábrica de coches eléctricos con base principal no porto exterior de Ferrol que podería abastecerse en parte coa instalación solar fotovoltaica para autoconsumo prevista, á que á Xunta vén de dar o seu visto e prace ambiental. 

Será no mesmo lugar onde ata hai pouco Endesa recibía, a través de enormes buques, milleiros de toneladas de carbón que se almacenaban no peirao para logo seren queimadas na central térmica das Pontes. Unha instalación que foi a industria de maior impacto climático de Galicia, a máis contaminante do Estado durante anos e unha das que máis contribuíu ao quecemento global en Europa. Un dos máis grandes focos emisores de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro. 

A instalación da fábrica de SAIC no norte de Galicia afonda na aposta pola mobilidade sostible e a economía verde que impulsa a UE

O peche da térmica ergueu un lote de ideas, promesas e proxectos. Algúns deles, como a bioplanta de fibra reciclada que lidera Ence, ten previsto comezar a operar o vindeiro ano, mentres que Endesa propuxo tamén a instalación de varios novos parques eólicos ou de instalacións fotovoltaicas. A idea é que As Pontes sexa agora tamén base do centro industrial e loxístico de SAIC e punto clave da infraestrutura do xigante chinés en Galicia, unha iniciativa que semella encarreirada agás sorpresa. 

En plena recuperación de Navantia

O outro, o principal, estará en Ferrol, onde, MG —unha das principais marcas do grupo de automoción— prevé unha planta "que integrará investigación e desenvolvemento de vehículos, fabricación avanzada, subministro de compoñentes clave e operacións loxísticas intelixentes, configurando un ecosistema industrial totalmente conectado de principio a fin". 

["A planta integrará investigación, fabricación avanzada ou loxística", di MG, a marca de SAIC para Europa]

SAIC prevé establecer a fábrica de coches eléctricos no mesmo porto onde hai pouco Endesa descargaba milleiros de toneladas de carbón para queimar nas Pontes

A cidade departamental e a súa contorna —e por extensión todo o norte galego— reciben así un novo impulso logo de que os estaleiros de Navantia se recuperasen da crise que trouxo a crise económica do 2008. Os novos e abundantes encargos chegaron tras a vía da especialización en buques militares de alta tecnoloxía, con importante carga de traballo pola construción das novas fragatas F-110 e mais outros buques, tanto do Estado como doutros países. 

A boa saúde nos estaleiros contrasta coa situación de crise que vivían cando en 2012 a Xunta anunciaba e apadriñaba a sinatura dos contratos coa petroleira mexicana Pemex para a construción de dous floteis: un con Navantia e outro con Barreras. Uns contratos que a empresa mexicana acabaría negando para logo recoñecer un acordo co Goberno galego que, segundo o daquela presidente da Xunta, Núñez Feijóo, suporían a salvación do naval galego. 

Feijóo presentara o acordo con Pemex como a salvación do naval e anunciara 3.000 empregos para a construción dun flotel onde traballaron 500 operarios

A aqueles floteis seguiríaos, segundo a Xunta, a construción en Galicia de quimiqueiros, tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca, entre outros proxectos. 

As máis de vinte embarcacións da conta quedaron na polémica adxudicación e construción de dous floteis e na compra por parte da petroleira mexicana de Barreras, histórico estaleiro que acabou quebrado. 

Para o flotel construído en Navantia, entregado en febreiro de 2017, Feijóo falara de "3.000 empregos para dous anos" e o estaleiro rebaixara a uns 2.000, unha previsión que logo quedaría en 900. Finalmente, foron uns 500 operarios.

Case unha década despois, Navantia reborda traballo. Ademais, a planta de Fene continúa mantendo unha inxente fabricación de estruturas para a eólica mariña, alén da reparación e modernización de diferente tipoloxía de buques

Precisamente, e no mesmo ámbito, o proxecto conxunto dos portos da Coruña e Ferrol (Golfo Ártabro-Offshore Wind) recibirá case 100 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica para a habilitación de punta Lagosteira e Caneliñas no obxectivo de seren referencia en fabricación e montaxe de aeroxeradores mariños. 

MG asegura que traerá consigo "tecnoloxías líderes a nivel mundial mediante a fabricación localizada e a I+D". "É unha oportunidade para a diversificación da que levabamos falando tantos anos", di o alcalde de Ferrol

Coa esperanza da iniciativa de SAIC enriba da mesa, o alcalde de Ferrol, o popular José Manuel Rey Varela, celebrou este luns que a cidade estea "no mapa das grandes decisións". "Este proxecto é unha oportunidade para a diversificación da que levabamos falando tantos anos", dixo en redes sociais sobre o que a empresa chinesa cualifica de "fito histórico"

A planta, segundo MG, "traerá a Europa tecnoloxías líderes a nivel mundial mediante a fabricación localizada e a I+D, apoiando a transición cara a un futuro de mobilidade máis sostible en liña cos obxectivos de cero emisións da UE para 2035", engade a empresa, que lembra a súa estratexia "en Europa, para Europa", que agocha tamén a importancia de evitar o pago de aranceis que supón a exportación desde Asia dos seus produtos." 

(Miguel Pardo , Praza Gal, 02/06/26)  

No hay comentarios: