17/5/21

A pesca artesanal sae en bloque en contra do novo Regulamento Europeo de Control... ”Somos pescadores, non delincuentes”

 "Lonxas pechadas, barcos nas ensenadas facendo soar as bocinas, mariscadores de a pé nos peiraos con pancartas… Así se desenvolveu un novo parón, unha nova folga do sector da pesca artesanal na Costa da Morte, e en toda Galicia, en contra do novo Regulamento de Control Europeo de Pesca.

Todas as confrarías da zona (agás a de Corcubión, onde onde todos os barcos volveron acordar, como na folga de abril, por unanimidade non facer paro) paralizaron a súa actividade, en protesta polas novas obrigas de control que a EU quere instaurar nas pequenas embarcacións de baixura, tratadas coma se fosen grandes buques de altura.

A frota costeira considera que xa está de sobra controlada, e que a instalación de videocámaras, un diario electrónico de abordo e un sistema de xeolocalización son excesivos e mesmo incompatibles coa actividade. Todo para unhas artes que xa son moi selectivas, non como a pesca industrial, e precisamente por aí intenta a Federación de Confrarías, e grupos como o BNG, facer entender en Europa a diferencia entre pesca artesanal e pesca industrial.
“Consideramos moi lesivo ese regulamento”, denunciou hoxe a voceira do BNG en Europa Ana Miranda, lembrando que PP e o PSOE votaron a favor da súa aprobación. “Desde o BNG queremos que a frota artesanal galega sexa excluída do regulamento de pesca”, manifestou Miranda.

Na meirande parte da comarca o seguemento foi completo. Peiraos como Malpica ou Muros enchéronse de barcos que fixeron soar as bocinas por toda a vila. Noutros como Camelle, Fisterra, Muxía ou Corme a actividade realzouse en terra, con concentracións importantes.

”Somos pescadores, non delincuentes” foi un dos lemas máis utilizados polo sector."    (Ubaldo Cerqueiro, Qué pasa na costa, 14/05/21)

No hay comentarios: