23/7/24

O Orgullo Galego, coñecendo a Alexa Evans: "Intento facer a semana de científico e a finde de drag queen"

 "O drag para min é unha performance de xénero, cunha intencionalidade, non só de divertir senón de facer unha reflexión sobre a perspectiva de xénero. Ten detrás todo un pensamento máis elaborado, máis artístico e subxectivo, todo o arte é válido e non debería ser xulgado nada máis que polo autor", así define o termo Alexa Evans, drag queen, artista drag, raíña do drag. En Galicia seguro que che soa polo programa da plataforma AGalega.gal onde presenta o programa Raíña-Me! Imos coñecela e descubrir máis sobre o mundo Drag Queen. Recoñece que xa con 16 anos lle gustaba especialmente a maquillaxe e que consumía youtubers estadounidenses ou europeos, xa que en España non había referentes. "Nos últimos anos, sobre todo, coa aparición do Drag Race de Estados Unidos e Rupaul, a maquillaxe que consumía e vídeos xa ían cara a algo máis dramático e severo, e gustábame moito ese mundo", expresa. 

Coa chegada da corentena, ao estar entre catro paredes no seu piso en Barcelona comezou a maquillarse con frecuencia, mercou unha perruca por internet e comezou a facer vídeos nas redes. Así naceu a personaxe, Alexa Evans, que coa creación dunha conta en Instagram recibiu as primeiras chamadas: "Contactáronme porque lles gustaba o que facía e dicíanme aparece por esta festa, aparece por aló, imos montar un look para participar neste concurso... Así fun metendo asi a pata na escena barcelonesa e acabei sendo unha das travestis que traballan por aquí". 

É de A Coruña, estudou Bioloxía na Universidade de Santiago e marchou para Barcelona facer un mestrado. "Tiven a oportunidade de facer a tese tamén neste laboratorio e xa quedei", confesa. A súa vida transcorre entre laboratorios e discotecas e manifesta que ten moita sorte de contar coa confianza do seu grupo de traballo, do que recibe moito apoio. "Certo é que tampouco intento comentalo nas altas esferas do laboratorio, cos xefes e así", expón. Tanto a ciencia como o mundo drag son moi "demandantes" e agora mesmo atópase traballando en ambas cousas: "No caso da ciencia, en ocasións, por moito que traballes de luns a venres, o experimento segue o sábado e o domingo. Isto implícame traballar pola noite nunha discoteca, correr para casa, dar unha ducha, durmir unha hora ou dúas e volver ao laboratorio". O que comezou sendo un hobbie á marxe do seu traballo, agora intenta combinala, dentro do que pode e "facer a semana de científico e a finde de drag queen". 

AS CONDICIÓNS LABORAIS DUNHA DRAG QUEEN 

"A xente cre que me maquillo, dou o meu show e volto para a casa", sinala, nada máis lonxe da realidade do traballo de Alexa no que implica a preparación da performance: "Estar falando cos deseñadores ou se o fas personalmente o que leve, peitear a perruca, a maquillaxe que vai máis aló dunha base e rimmel". Comenta que require moitísimo tempo, pode ser entre dúas ou dúas horas e media, e que iso "non se paga", só se compensa económicamente polas horas que estás nas discoteca.

No que atinxe aos horarios de traballo di que depende do lugar e do que se vaia facer, xa que agora que o drag está normalizado, hai quen exerce de día, nos brunch en diferentes restaurantes, por exemplo. "Eu normalmente traballo en discotecas nas que teño que estar sobre a unha e media, así que a iso das dez comezo a preparame. Remato, dependendo do tamaño da festa, sobre ás cinco ou xa seis da mañá, á par que o peche". Xa son moitas as actuacións que realizou, pero lembra unha festa de Barcelona chamada Banana, onde traballaban unhas amigas e que lle chamaba moito a atención: "Fíxen un par de aparicións cunha amiga, gusteilles, colléronme e estiven preto de dous anos traballando aló". Tamén destaca o Pride de Castelldefels, onde cun grupo de drag queens amigas súas, fixo unha performance grupal por primeira vez: "Estabamos contratadas polo Concello e, queiras que non, dálle máis peso a estar bailando diante duns borrachos na discoteca, que tamén me encanta, pero esta cita foi de especial emoción". 

RAÍÑA-ME!

Alexa Evans xa é coñecida en Galicia pola súa experiencia no programa Raíña-Me! do que destaca a oportunidade e coñecer a xente que admiraba e facer as transformacións. Pero como se deu isto? "Saíron o verán pasado unhas bolsas co fin de renovar a televisión e un amigo meu cunhas amigas súas de Brava Productions presentaron un dosier. Pensaron en min para levar a cabo o proxecto, se se aprobou e comezouse a rodar en Coruña". Recoñece que foi un pouco "loucura" tanto buscar á xente que querían entrevistar como confeccionar eses looks e trasladalos de Barcelona ata Coruña. Entre as persoas que participaron fixo especial mención a Leti da Taberna, da que xa era seguidora e recoñece foi un pracer falar e traballar con ela. "Hai unha serie de probas moi divertidas e sobre todo con Leti que fixemos o reto de actuar", comenta. 

En liñas xerais considera que pensaba que sería algo "máis frío", pero que a súa sorpresa foi ver que todos estiveron dispostos á transformación, moi amables e encantadores. Xa está dispoñible o primeiro episodio con OlaxonMario e cada xoves sae unha nova entrega ás nove da noite, dispoñible en AGalega.gal. Nesta entrevista conseguimos que nos dera un pequeno adianto da transformación que máis vai sorprender: "A de Amoebo, o cantante, xa que, queiras ou non, é un home heterosexual que nunca se viu nas mans dunha drag queen e sorprendeume moito a súa transformación coa disposición e o ben que o pasou". Moi atentos as redes de Alexa Evans que sempre sobe un anaco extra do que se verá no episodio. 

O MUNDO DRAG EN GALICIA

Co programa anterior contribúese a visibilizar esta cuestión e considera que "a escena drag de Galicia viviu nos últimos anos un boom bastante notable" e amosa a súa alegría por pensar neses lugares, sobre todo nas grandes cidades, que xeran oportunidades. Porén, segue sendo un tema, non tanto tabú, senón máis ben un tema da comunidade por e para a comunidade. "Aínda que cada día que pasa faise máis mainstream, máis persoas heterosexuais ou cis consumen máis drags, é moito como 'os aliados'. Non vemos referentes de drag hoxe na tele que non sexa dunha maneira paródica ou satírica", reivindica e engade que un dos seus soños é facer un programa de televisión en directo. 

Lamentablemente é significativo que Alexa só é quen de dicir un club de drags en cada cidade na que viviu: "En A Coruña, de donde son, recomendo moitísmo Claro Boba! que está facendo un traballo maravilloso tanto coa visibilidade das drag queens como para a noite LGTB de Coruña. En Santiago a Bloom, que tamén está facendo moitos shows". Lamenta que isto é o que coñece e que lle resulta bastante evidente da realidade.  

ESTEREOTIPOS E O ORGULLO

Visibiliza que un dos estereotipos máis grande e forte, porque vén desde un sector autochamado "feminista", é que o drag é misóxino: "Paréceme unha cousa moi forte e que vén do descoñecemento do que é, xa que hai mulleres cis, mulleres trans que fan drag, hai persoas que a súa personaxe drag é un alien, monstro ou peixe, non todo é un señor con perruca facendo coña do que é a feminidade das mulleres. Hai un abano moitísmo máis grande, pero o argumento só se basa neses dous señores heteros que fixeron unha actuación para rir da súa exmuller". 

No marco da semana do Orgullo, expón que ten dúas opinións paralelas. Por un lado, é unha "xornada de festexar" nunha celebración máis "inclusiva, segura e visbilizada" para todo o colectivo. Isto débese a que precisamente a "comunidade LGTB foi moi encamiñada, obrigadamente, á noite e á festa para poder expresarse, agora podemos facelo de día". Por outro lado, tamén o ve como unha "xornada de reflexión" con actividades que se realizan diariamente durante o Orgullo con discursos, meses redondas ou os propios pregóns. "Unha xornada de reglexión paralela que se fará na honra da nosa comunidade", concúe. "                  (Amanda Fernández, Galicia Confidencial, 28/06/24)

No hay comentarios: