"Un estudo da RAG analiza o proceso de perda de falantes a partir de entrevistas persoais con mozos e mozas galegos.
O paso da educación primaria á secundaria e o comezo da vida laboral. Eses serían, segundo a Real Academia Galega, os dous momentos clave na muda lingüística dos mozos galegos en prol do castelán. Trátase da conclusión dun traballado elaborado por Lidia Gómez Martínez e que vén de ser publicado no derradeiro número de Cadernos da Lingua --xa dispoñible na web da Academia--, unha análise das vidas de dezasete mozos galegos que relatan as experiencias vitais arredor da lingua.
O referido artigo de Lidia Gómez constitúe “unha primeira aproximación ás distintas situacións que se producen na infancia, na adolescencia e na mocidade” que, en palabras da Academia, “provocan un retroceso no uso do galego”. O obxectivo do estudo, pois, pasa por “tratar de comprender o porqué da muda lingüística” para así poder facilitar as accións normalizadoras máis axeitadas.
De acordo coa peza referida, hai dous momentos críticos na vida de todo galegofalante en que corre serio risco de comezar a optar polo castelán como primeira lingua. Un deles sería o paso da educación primaria á secundaria, salto que se dá, en particular “cando o cambio de etapa vai acompañado dun cambio de centro, normalmente situado nun hábitat con características urbanas, e tamén dun cambio nas redes sociais”.
RURAL E URBANO
Segundo explica a investigadora, “os mozos e mozas asumen que o castelán é non só a lingua habitual maioritaria nos núcleos urbanos cara ós que se desprazan senón tamén a lingua que se espera que eles e elas falen”. “O emprego do castelán revélase logo como un mecanismo de integración nas novas redes sociais que deben tecer nun escenario cun maior grao de urbanización que os seus lugares de orixe ou residencia”, concreta.
Paralelo é o caso da inserción no mercado laboral, unha circunstancia
que impulsa o cambio de lingua, ben sexa de xeito espontáneo ou “solicitadas polos seus superiores”.
Para a investigadora, os resultados achados tralo desenvolvemento do
artigo “reafirman a necesidade de que os esforzos normalizadores e de
política lingüística se dirixan a desmontar a asociación galego-rural e castelán-urbano
e darlles visibilidade aos e ás galegofalantes urbanos”. Todo co
obxectivo de que o galego viva por moitas xeracións nos seus falantes. " (Galicia Confidencial, 26/02/21)
No hay comentarios:
Publicar un comentario