"Hai máis dunha década, Davide Cabaleiro foi dar co barrio bilbaíno de Masustegi durante unha viaxe de lecer a Euskadi. Entre casas de arquitectura popular, pequenas rúas e leiras, puido ver na televisión dun bar un partido do Liceo de hóquei, beber unha Estrella Galicia e escoitar falar en galego. Alí e daquela comezou a cavilar sobre unha idea que agora, xa como residente no País Vasco, colle forma a través do filme documental Sitio Distinto. Unha historia entre dous pobos, proxecto aínda en elaboración que conta a historia da emigración galega naquela terra no último século e a estreita relación xerada entre as dúas culturas.
O director e produtor do filme achara naquela visita casual a Masustegi, barrio agora céntrico, unha especie de Galicia en miniatura. E descubrira como familias galegas inmigrantes aproveitaran nos anos 50 un baleiro legal do franquismo (que impedía a derruba de toda construción iniciada con polo menos tres paredes e un teito) para construír o seu peculiar espazo vital. "Aproveitaban a noite para, entre todos, iniciar a construción das súas vivendas; ao día seguinte, ao chegar a Garda Civil, o tellado estaba feito e xa non se podía facer nada", conta. Os terreos, mercados antes a un industrial mineiro, xa eran seus. E o minifundismo espallouse tamén nesta curiosa localización que reproduce mesmo as construcións típicas do país.
Masustegi é
un dos barrios con forte presenza galega que serve como base dun
documental que estará listo a finais de ano e percorre os vínculos, máis
aló de tópicos, entre Euskadi e Galicia. Como as localidades de Sestao,
Barakaldo, Eibar, Ermua e Ondarroa. Ou Trintxerpe, barrio construído en Pasaia para acoller os mariñeiros galegos que aló foron traballar e que conta cunha das primeiras rúas que se lle dedicou no mundo a Castelao.
A fita viaxa entre Euskadi e Galicia, entre gaitas e acordeóns, entre
ambas literaturas e costumes. E conta co testemuño de galegos afincados
no País Vasco ou con forte relación con el, así como de vascos
vinculados á cultura galega. Un dos protagonistas, e que tamén serviu
como inspiración para o documental, é Isaac Xubín, creador do primeiro
dicionario galego-euskera , tradutor e premio 2015 de tradución do
Etxepare Euskal Institutoa por Tempo de exilio, de Joseba
Sarrionandia. Tamén aparecen Antón Reixa, Xurxo Souto, o bertsolari
Xabier Amuriza ou o produtor musical Kaki Arkarazo, entre outros
moitos.
"Entre os dous pobos sempre houbo un gran contacto entre artistas e creouse unha rede de tecido cultural moi interesante", lembra Cabaleiro, que leva anos vivindo en Euskadi e manexa o éuscaro coma se fose natural de Zarautz ou Hondarribia. O obxectivo tamén do filme é "traspasar o tópico", ese equivocado -como tantos- "e difundido por certos poderes fácticos" que vincula os galegos de Euskadi unicamente co polbo, a empanada, as gaitas ou a Garda Civil. E, mentres explica, traslada anécdotas de galegos falando entre eles en vasco sen decatarse da orixe común das súas familias ou de caseríos onde a linaxe orgullosa de carteis en forma de apelidos ten máis Suárez e Castro que Goikoetxea ou Landaluze.
O documental serve para facer un percorrido histórico da emigración e destacar a "realidade cultural propia galega" creada en Euskadi durante os máis de 120 anos que dura xa a emigración do Atlántico ao Cantábrico. E para "prestixiar o idioma", unha lingua que é a terceira máis falada no País Vasco tras o castelán e o éuscaro.
En
Euskadi hai, na actualidade, algo máis de 50.000 galegos de orixe dun
total de máis de 100.000 persoas emigradas nas últimas décadas.
Para Cabaleiro, "e sen ningún ánimo de ofender", unha proba evidente da
forte realidade cultural galega creada no País Vasco e da súa
importancia e pegada resúmese nunha comparación. "Tan só en Gipuzkoa hai
máis de 50.000 estremeños". Pero a idiosincrasia propia non chegou ao
nivel dun pobo que se ve tamén nos nomes das rúas, en moreas de centros,
en asociacións culturais, en programas de radio, na lingua mantida ou
no contacto intenso coa terra que os acolleu. "A pegada cultural que
deixou a cultura galega foi moito máis grande do que podería ser polo
número de galegos, xa desde hai moito tempo, desde a nai de Manuel
Murguía, natural de Oiartzun, até agora", explica o director e
produtor.
Cabaleiro amósase moi satisfeito coa acollida que están a ter as
presentacións do documental, tanto en Galicia como en Euskadi, así como
co interese amosado por institucións e diferentes entidades. Prevese que
sexa lanzado en festivais de documentais e que a ampla rede de
asociacións e centros culturais da emigración galega sirva tamén para
difundilo. Será un percorrido polo Sitio Distinto, o que atopaban
os galegos que alí chegaban e o que os vascos achaban ao introducirse
en Trintxerpe ou Masustegi, onde a lingua, os costumes e a cultura eran
-e aínda son- algo diferentes. Pero cada vez máis e mellor esturadas." (Miguel Pardo, Praza Pública, 27/05/21)
No hay comentarios:
Publicar un comentario