18/2/24

Mobilización e intención do voto en Galicia segundo dúas sondaxes... o Partido Popular ten un maior voto decidido masculino e menor no voto feminino. Unha situación que se inverte para o PSdG con máis voto feminino e está case equilibrado para o BNG ou Sumar... Concretar argumentos para mobilizar o voto das mulleres nun ou noutro sentido semella crucial para esta campaña electoral... entre 25 e 65 anos as esquerdas dominan claramente ás dereitas. Quere isto dicir que para a poboación en plena vida activa as opcións de esquerdas dominan... as esquerdas deberan mellorar no voto dos xubilados, e ampliar o respaldo dos máis mozos... a poboación con menos estudios maniféstase especialmente preocupada polo desemprego e pola asistencia sanitaria, que serían os vectores para reducir a intención de voto que mantén a dereita neste colectivo, a pesares da súa escasa folla de servizos nestes asuntos (Albino Prada)

 "Ten potencial interese coñecer si a intención de voto nas vindeiras eleccións autonómicas galegas ten un comportamento diferenciado por idades, xénero, situación laboral ou nivel educativo algo que no seu día o xornal El País ou o CIS non utilizaron na divulgación das súas enquisas. Pois podería suceder que a posición dominante da dereita popular no global dos votos xa decididos naquela altura non o fose tanto en función desas variables. E tamén velo na bolsa de indecisos.

Na sondaxe de El País

No relativo ao xénero o Partido Popular ten un maior voto decidido masculino e menor no voto feminino. Unha situación que se inverte para o PSdG con máis voto feminino e está case equilibrado para o BNG ou Sumar. Con estas asimetrías ten especial interese subliñar que son moitas máis as mulleres que non saben se irán votar que os homes. Conclusión: a dereita ten aquí un punto débil e as esquerdas unha marxe importante para mellorar a súa intención de voto. Concretar argumentos para mobilizar o voto das mulleres nun ou noutro sentido semella crucial para esta campaña electoral.

No relativo a idade dos votantes o Partido Popular ten unha singular intención de voto na poboación de máis idade pero tamén mellora na poboación máis moza (18-24 anos). Pero entre 25 e 65 anos as esquerdas dominan claramente ás dereitas. Quere isto dicir que para a poboación en plena vida activa as opcións de esquerdas dominan, mentres que nos xubilados e nos que comezan a vida laboral a situación élles menos favorable. Tamén hai máis indecisos nas idades intermedias. De novo as esquerdas deberan mellorar no voto dos xubilados (pensionistas e dependentes que vexan relegadas as súas necesidades básicas -pensión, residencias, centros de día, etc.- e non se deixen levar a votar por un cheque-bus) e ampliar o respaldo dos máis mozos (política de vivenda e emprego sobre todo).

No que toca a situación laboral o Partido Popular ten unha singular maior intención de voto entre os pensionistas e as persoas (mulleres sobre todo) que traballan na casa. Mentres que traballadores, parados e estudantes teñen máis intención de voto relativa para as esquerdas. Pero é entre os parados e os estudantes onde hai unha porcentaxe especialmente alta de indecisos. Xusto naqueles grupos nos que as esquerdas teñen un peso relativo alto que deberan reforzar á vista da atonía do emprego xuvenil que as políticas da dereita (no emprego público e nos servizos privados) veñen demostrando.

E xa por último na intención de voto por nivel educativo o Partido Popular ten unha homoxénea intención de voto en todos os tramos educativos, mentres que as esquerdas téñena máis alta cuanto maior é o nivel de estudios. Neste caso a poboación con menos estudios maniféstase especialmente preocupada polo desemprego e pola asistencia sanitaria, que serían os vectores para reducir a intención de voto que mantén a dereita neste colectivo, a pesares da súa escasa folla de servizos nestes asuntos.

En resumo, e de acordo coa intención de voto analizada, as esquerdas deberan concentrar as súa ofertas electorais para a Xunta (e a posta en valor do seu balance na xestión do Goberno do Reino de España ,ou de oposición en Galicia nestes últimos catro anos), para así mobilizar aos seus potenciais votantes, en dous colectivos. En primeiro lugar nas mulleres e nos máis mozos con propostas solventes sobre igualdade, probabilidades de emprego decente e acceso á vivenda. Sen esquecer aos xubilados e con baixo nivel de estudios con propostas sobre mellor cobertura (pensións, residencias, dependencia, etc.) pública e unha menor discriminación segundo o peto de cada quen.

Na sondaxe do CIS

Pola súa banda o pasado día 25 de xaneiro o CIS presentou un traballo de campo con máis de once mil enquisas sobre as eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro. Máis aló duns titulares relativos á caída do voto para o Partido Popular que podería mesmo provocar a súa posible perda da maioría absoluta convén analizar este traballo con certo detalle por ver si revela claves de cal é o sentido da mobilización do voto segundo determinadas características sociais e económicas. E, claro está, coa intención de favorecer un cambio político despois de moitos anos de maiorías absolutas da dereita.

A primeira dimensión que me interesa analizar e a intención do voto segundo o xénero e a idade. Un 80% dos entrevistados declaran que con toda seguridade han de ir a votar e mesmo esa porcentaxe é algo maior no caso das mulleres. Só nos máis novos (entre 18-24 anos) a seguridade descende de xeito notorio. Agora ben, a diferencia do que sucedía coa sondaxe de El País, na do CIS (pregunta 19R) as porcentaxes de voto segundo xénero son moi semellantes entre homes e mulleres e só destacan as mulleres no grupo dos votantes que aínda non teñen decidido por quen votar (aínda que si teñen claro ir a votar). De xeito que hai unha porcentaxe de mulleres indecisas maior que de homes entre a poboación máis nova con dereito ao voto que sería preciso mobilizar en defensa dos seus dereitos e dunha vida digna.

A segunda dimensión sería a o do nivel de estudos. Tamén a seguridade de ir a votar é alta (80%) e só baixa algo nos de menor nivel de estudios, pero aquí as asimetrías son moi notables. No Partido Popular teñen intención de voto maior á media (35,9 %) os de menores estudios e moito menor os de maiores estudios (25,9 %). No caso do BNG sucede xusto ao revés e de xeito moi intenso. No do PSdG a situación é bastante equilibrada, mentres que en Sumar a asimetría é semellante a do BNG. Os indecisos están nos de menor nivel de estudios sobre todo. O  reto das esquerdas sería mobilizar ao seu favor o voto de sectores de poboación de menos estudios que declaran como principais problemas o paro e a sanidade.

 A terceira dimensión a ter en conta vai ser a ocupación dos cidadáns. O PP conta con alta intención de voto (sempre en relación á media dese partido) nos agricultores, traballos domésticos, pensionistas e xefes de empresa. Pola súa banda o BNG entre os profesionais e os estudantes o mesmo que Sumar. O PSdG entre xubilados e traballo doméstico. Os indecisos están sobre todo en traballo doméstico, inactivos e agricultores. Neste eixo da ocupación sería o PSdG o que tería que competir directamente co PP polos indecisos nos sectores nos que ambos xa teñen unha alta posición de intención de voto. Pero esta é unha variable (a ocupación) que en boa medida se superpón as de xénero, idade e estudios xa analizadas.

Da análise efectuada derívanse dúas conclusións principais de cara a mobilizar ao electorado indeciso para motivar unha intención de voto ás alternativas de esquerdas si son quen de facer propostas viables, solventes e alternativas ás da dereita:

1. Cara mulleres indecisas entre a poboación máis nova con dereito ao voto que sería preciso mobilizar en defensa dos seus dereitos e dunha vida digna.

2. Cara aos sectores de poboación de menos estudios que declaran como principais problemas o paro e a sanidade.

O anterior sen descoidar aqueles colectivos nos que as esquerdas teñen xa unha posición hexemónica como se foi apuntando.

Reforzar a intención de voto nestes ámbitos é crucial diante da posibilidade de que as dereitas, que só contan segundo o CIS co 45% da intención de voto fronte a un 53% das esquerdas,  consigan mesmo así manter unha maioría absoluta de deputados (38 de 75) única e exclusivamente a causa da desigualdade na distribución provincial de escanos que penaliza ao electorado de A Coruña e Pontevedra. Neutralizar esta desigualdade democrática pasa, si ou si, por abrir unha fenda aínda maior na intención de voto en favor das esquerdas."             (Albino Prada, Tempos Dixital, 05/02/24)

No hay comentarios: