15/9/11

A Xunta volve dar un contrato a Atos Origin, da sobriña de Romay Beccaria, coa peor oferta económica... eliminando a Indra

"A empresa Atos Origin, que recibiu ata o ano pasado contratos da Xunta do PP por máis de catro millóns de euros, volve ser adxudicataria doutro contrato público case millonario e unha vez máis cando presenta a peor oferta económica entre as tres firmas que optaron.

En concreto, esta compañía será a encargada do servizo de evolución e mantemento do sistema de xestión de persoal do Goberno galego, por un custo de 800.967 euros, IVE incluído. A adxudicación foi acordada o pasado 5 de xullo pola Secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que argumenta que era a oferta "economicamente máis vantaxosa", segundo o Diario da UE, malia que no informe de valoración das ofertas presentadas pode verse claramente que o prezo que ofertaba era o máis caro.

A opción máis barata era a da empresa Indra, que ofertaba o servizo por case 100.000 euros menos, exactamente por 706.736, co IVE incluído. Despois estaba Sadiel, con 753.843 euros, e despois estaba Atos Origin, que si que consegue a máxima puntuación no resto dos criterios, todos eles bastante menos obxectivables. Así, a adxudicataria obtivo os máximos puntos para a súa oferta pola organización do equipo directivo, os aspectos metodolóxicos, o plan de execución do contrato e evolución de sistemas e os parámetros de servizo nas tarefas obxecto desta contratación.

Este último era o único criterio que pesaba tanto na valoración final como o prezo, 25 puntos, mentres que o resto de ámbitos puntuaban menos. En todo caso, Atos Origin consegue, coa suma de todos estes apartados, compensar a súa mala posición a nivel económico.
Isto mesmo xa ocorreu en febreiro de 2010, cando a empresa na que era directiva por aquel entón a sobriña de Romay, Carmen Martín de Pozuelo Romay, conseguiu un contrato para elaborar o Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta.

Pero a contratación desta empresa por parte do Goberno galego seguiu meses despois, con máis de 800.000 euros en outubro e máis casos ao longo do ano, onde a empresa gañou malia que a súa oferta se situaba entre as máis caras."                          (Xornal.com, 15/09/2011)

No hay comentarios: