29/1/14

Os cartos da lotaría en Monforte construirán unha fundación solidaria

"O pasado 6 de xaneiro Monforte espertaba coa nova de que o premio gordo da Lotaría do Neno caera na vila. En total, 120 millóns de euros que quedaron en Monforte case na súa totalidade e que, ademais, foron moi repartidos. 

 A alegría inicial foi seguida, en cada fogar agraciado, polas habituais reflexións sobre que facer con eses cartos non esperados, e a prensa local deu conta nos días seguintes das tamén habituais visitas dos empregados das entidades bancarias, na procura dos premiados e premiadas para facerlles distintas ofertas de investimento.

Cada un e cada unha fixo ou fará cos cartos o que decida, pero un grupo de monfortinos e monfortinas decidiu facer algo distinto, algo colectivo, algo "que reverta na vila". Este sábado presentouse no concello a iniciativa, que parte dunha parte das persoas premiadas, de constituír unha fundación que administre, en beneficio do progreso da cidade, fondos procedentes do premio da lotaría de Reis e de achegas de particulares. 

A fundación, se ten o apoio económico e social suficiente, financiaría proxectos sociais e solidarios, e tamén iniciativas empresariais e de emprendemento, con "carácter de progreso". O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, explicou en rolda de prensa que a idea partiu dalgúns agraciados, que se reuniron para “pensar en ideas para que o diñeiro do premio da lotaría revertese en Monforte”, e que a iniciativa, tras varias reunións, foi ampliando o seu campo de acción, até adoptar a súa forma definitiva.

Como destaca un dos seus promotores, César Vázquez, a iniciativa "naceu co obxectivo de axudar na parte social a todas esas persoas que o están pasado mal, hai unha parte de Monforte que o está pasando moi mal, e xa que o premio tocou en Monforte, é obrigado axudalos”. Ou, como salienta outra das promotoras, “todo canto se faga é polo beneficio da nosa cidade e, polo tanto, polo beneficio dos nosos veciños e veciñas".

No eido social, a fundación terá como cometido investir parte do diñeiro recadado en alimentos e artigos de primeira necesidade para as persoas máis necesitadas do municipio, así como na creación dunha liña de bolsas para financiar os estudos universitarios da mocidade con poucos recursos económicos.  
No eido laboral e de apoio a emprendedores, a fundación financiará proxectos empresariais para desenvolver en Monforte. Para isto crearase unha páxina web a través da que persoas de todo o Estado poderán presentar  proxectos que serán estudados e valorados por unha comisión integrada por expertos e expertas da vila e das universidades galegas. (...)"             (Praza Pública, 25/01/2014)

No hay comentarios: