29/2/16

“Por que contratan empresas que fan o mesmo traballo cos funcionarios do Servizo de Emprego?”

"(...) Temen que detrás das "condicións lamentables" nas que están as oficinas haxa a vontade política de ir avanzando na privatización de máis servizos no relacionado coas políticas de emprego?

A día de hoxe, a intención do goberno e privatizar ou externalizar todo o que se poida porque é un negocio rendible para a empresa privada que realiza as xestións. Segundo recoñece o propio Tribunal de Contas nalgúns casos, non está xustificado o aforro de cartos coas privatizacións, pero sería bo que se investigara e difundira que persoas son as principais propietarias ou accionistas das empresas que reciben esas concesións.

Existen casos nos que os responsables da xestión deixan que esta se deteriore ate o extremo de que logo poidan xustificar que non se dá un bo servizo e por iso derívase ou contrátase con empresas externas.

Tampouco entendemos casos como o do servizo de atención telefónica da Tesourería que, funcionando correctamente, sacaron do seu posto a funcionarios para darlle ese traballo a unha empresa privada. Como é posible que a Administración pague un soldo a un funcionario e pague a maiores a unha empresa para facer ese mesmo traballo? Non é unha multiplicación do gasto? Quen se beneficia disto?

E si a isto lle engadimos que precisamente a quen se lle adxudicou o contrato do servizo telefónico da Tesourería e unha filial da empresa que se lle asignou tamén un contrato público para insertar no mercado laboral as persoas desempregadas.

Poderíamos dicir que se está beneficiando de cartos públicos por dúas vías. Primeiro, cobrando por prestar servizos propios da Administración. E segundo, cobrando por insertar eses parados nas súas propias filiais.

Como afectou a limitación da taxa de reposición ao cadro de persoal das oficinas de emprego? Está a darse un peor servizo do que se ofrecía antes da crise?

O SEPE ten máis dun 10% do seu persoal con carácter interino e, a maiores, está sufrindo un envellecemento do seu persoal, algo que está a suceder en toda a Administración do Estado. A este problema súmase que as xubilacións aumentaron considerablemente e non entrou novo persoal, o que deriva nunha maior presión laboral porque estamos menos para facer máis.

A Administración Xeral do Estado non ten unha política real en materia de xestión de persoal e aos cargos directivos, que son na súa maioría políticos, lle falta a vocación de servizo público necesaria para prestar un bo servizo á cidadanía.

Cando un vai ao paro atópase que no mesmo inmóbel conviven dúas administracións: a da Xunta que recoñece a situación de desempregado e o Estado que xestiona as prestacións e as axudas. Isto sen dúbida carga de trámites e burocracia ao cidadán. Por que se mantén esta situación?

Ao noso entender, esta duplicidade non xera un aumento da burocracia ou dos trámites a non ser polo sistema de cita previa establecido polo SEPE e o non establecido pola Xunta de Galicia; pero, en ocasións obriga ás persoas desempregadas a facer cola diante de dúas persoas para unha única xestión.

Sería necesario establecer un sistema único que unificase o modelo de xestión, onde a persoa con una única cita que se puidera elixir dentro das que están libres, puidera acceder a todos os trámites que necesita facer na oficina.

É un problema competencial, xa que o Estado négase a transferir a xestión das prestacións, e tampouco existen protocolos nin procedementos para a coordinación das competencias que afectando a un mesmo asunto (desemprego) están xestionada por distintas administracións.

O problema non radica tanto no feito de que haxa competencias en mans de distintas administracións se non na inexistencia de mecanismos que obrigan á coordinación das políticas nestas materias.

Moito se debate sobre se os indicadores de recuperación macroeconómica son reais a pé de rúa. Que sensación teñen vostedes, que teñen que trafegar todos os días coa realidade do mercado laboral?

O que se percibe nas oficinas é que está aumentando o número de contratos pero con peores condicións. Agora unha mesma persoa que logre traballar ten varios contratos ao mes e case sempre a tempo parcial (aínda que realmente traballe máis horas das contratadas). Xa non son raros os contratos por unha hora de traballo durante poucos días.

Ademais, as retribucións son mínimas. Tamén están aumentando os falsos autónomos. Xente que ten que facerse autónomo para desenvolver un traballo que ata ese momento estaba desenvolvendo como traballador por conta allea. Todo isto deriva nunha precarización do mercado laboral. (...)" (Galicia Confidencial, 26/02/16)

No hay comentarios: