"Mais alá das habituais honras fúnebres, hai unha coincidencia básica
sobre Cacharro Pardo: o nivel de poder acumulado durante 25 anos na
provincia de Lugo é o maior que se pode constatar no postfranquismo.
Existen sucesos e testemuñas concretas que acreditan o control absoluto
que exercía sobre o seu partido e, polo tanto, sobre as institucións
que ocupaban os seus subordinados.
Nin o propio Fraga foi quen de
modificar o statu quo cacharrista. Eran os termos contractuais típicos
dunha relación clientelar: o ex–presidente da Deputación aseguraba a
continuidade da hexemonía electoral do PP na circunscrición lucense a
cambio dun virreinato territorial non sometido a interferencias alleas.
Quen non aceitaba a lóxica de Cacharro pagaba unha forte peaxe.Se os
votantes da segunda vila da provincia –Monforte de Lemos- teimaban no
apoio a un alcalde –Celestino Torres- que non figuraba na nómina do
patrón, ficaban sen os recursos precisos para infraestruturas e
dotacións que recibían os concellos submisos.
Se o alcalde da capital
–Joaquín García Díez- movía os marcos implícitos marcados polo padriño,
non saía na foto dos seguintes comicios aínda que iso propiciara a
chegada de López Orozco á presidencia da Corporación local.
A lembranza do poder absoluto de Cacharro Pardo suscita unha pregunta
relevante:cal foi o balanzo do seu mandato medido en termos de progreso
económico e de benestar social da provincia de Lugo?Onde están os
cambios estruturais que permitan mirar con certa esperanza o futuro do
tecido social dese territorio?A cuestión demográfica estivo algunha vez
na axenda política da máquina de recadadores de votos creada por
Cacharro?.
As mesmas preguntas podían ser formuladas mudando o escenario e os
protagonistas:Ourense e a familia Baltar.As respostas serían moi
parecidas.
Núñez Feijoo presume do que carece.Cando chegou á presidencia da Xunta,
a herdanza cacharrista presentaba importantes vías de auga e non tivo
que aturar os desplantes que coñeceu Fraga nas décadas anteriores.
Con
Baltar podía demostrar a verosimilitude da súa presunta lóxica
“moderna” na gobernanza do partido e das institucións.Se algunha vez
existiu tal pretensión o fracaso é indscutíbel.Hoxe por hoxe non foi
quen de modificar o troco tradicional: votos para a sigla a cambio de
manter a continuidade do virreinato provincial." (Xesús Veiga , Galicia Confidencial, Compostela | 16/03/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario