"O recente anuncio da Universidade da Coruña (UdC) de que ía paralizar
todos os gastos correntes dos seus centros trouxo á primeira liña os
problemas de financiamento do sistema universitario galego. Un tema de
calado, cuxo debate non se limita á comunidade universitaria, senón que
ten consecuencias directas sobre o modelo de país que se quer construír.
"O sistema universitario galego ten un financiamento precario, lonxe
dese 1% do PIB que sería mester para ter un ensino de máxima calidade",
defendeu CIG-Ensino. Un 'precario financiamento' que se traduce na
realidade, denuncian sindicatos e asociacións estudiantís, en cifras que
falan por elas propias: redución nos orzamentos de 86 millóns de euros
nos últimos 5 anos, un período no que se perderon máis de 350 profesores
(o que supón un recorte do 8% no cadro de persoal) e case 1.290
investigadores.
"É como unha paisaxe despois dunha batalla, dunha universidade, a
galega, que se está descapitalizando e afogando. E iso nótase nas vagas
de recortes que levamos sufrindo estes anos", sostén desde Vigo Antonio
Rodríguez." (Sermos Galiza, 25/06/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario